Toponimízate o día 17 en Pantón, afondando na orixe e significado dos nomes do teu concello

Na sesión explicarase a orixe e o significado dos nomes das 26 parroquias e dalgúns dos 295 lugares do concello de Pantón. Esta sección conta co apoio do académico electo Gonzalo Navaza, aínda que o documento base de partida é a tese de doutoramento do académico deste municipio, Antón Palacio.

Concello de Pantón / XdL

O concello de Pantón será o encargado de abrir o pano da edición 2022 de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A primeira charla da campaña de divulgación sobre o patrimonio toponímico galego será este venres, 17 de xuño, a partir das 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Pantón. A actividade forma parte tamén da Rota do Románico que acolle neste mes este concello da Ribeira Sacra.

A charlas estará impartida por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que será presentado polo académico correspondente e membro do mesmo seminario, Antón Palacio. O académico, natural deste municipio, dedicou a súa tese de doutoramento, hai xa catro décadas, á toponimia da súa terra natal.

Vicente Feijoo explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, que permite ás persoas usuarias converterse en colaboradoras activas na salvagarda da toponimia tradicional. No concello de Pantón é necesaria esta tarefa pois, a pesar que se desenvolveu anos atrás o Proxecto Toponimia de Galicia, este só abrangueu o 60 % do territorio. Atán, Cangas, Eiré, Mañente, Moreda, Ribeiras de Miño e Vilar de Ortelle son as freguesías deste concello da Ribeira Sacra nas que aínda non foi recollida a microtoponimia, polo que o Seminario de Onomástica fai un chamamento para que a veciñanza destas parroquias acuda á charla e se anime a colaborar no traballo de recolla.

Tal é a riqueza toponímica do municipio de Pantón que nel se atopan exemplos de todas as motivacións semánticas: ecotopónimos como Casanova ou A Granxa; zootopónimos como A Oseira ou Pombeiro; hidrotopónimos, como A Regueira ou Augas Santas; litotopónimos como As Laxes; fitotopónimos como Moreda, Abelaira, Salgueiros, Souto ou Campo das Parras; orotopónimos como O Outeiro, haxiotopónimos como San Romao ou Santipedre; antropotopónimos como Reiriz, Pantón ou Guimarás e mesmo xentilicios como Galegos, Toldaos ou Faramontaos, un topónimo este último non exclusivo de Galicia e que foi obxecto de múltiplas interpretacións etimolóxicas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here