Vértixe negra no Courel mentres seguen ardendo os cumios na contorna de Ferreirós

Canto leva ardido no Courel?

Entrada O Courel desde O Incio / ABF

O mércores pola tarde entramos no Courel pola Seara ante a ameaza de que o lume da Lucenza entrase no val da Seara, seguimos cara Seoane e no desvío para Seceda entramos no espectáculo de espanto, desas montañas verdes que agora son negras. Desde aquí viamos o lume na contorna de Penaboa e o fume do que estaba ardendo na contorna da Lucenza e comezaba a arder Vilarbacú.

Os datos de Medio Rural falaban de 7.500 hectáreas ardidas nos incendios de Vilamor e Saa e 1.100 no de Seceda, mantendo estes puntos en situación 2 pola proximidade a aldeas. Pola tarde os incendios de Vilamor e Saa xa eran de 10.000 hectáreas. O xoves pola mañá os datos seguían sendo os mesmos no Courel e este venres tamén.

Pero o xoves pola tarde volvemos ao Courel e a contorna de Penaboa xa ardera toda, seguía ardendo Vilarbacú e na contorna da Lucenza. Mentres que seguía a situación 2 en Saa, Vilamor e Seceda, lugares nos que onte non había ningún medio nin ningún lume. O que arde desde fai días é a zona alta, lonxe dos lugares que teñen situación 2 aínda hoxe.

O caso é que Courel non parou de arder, pero este venres Medio Rural segue mantendo as situacións 2 que tiña, e polas hectáreas ardidas parece que non ardeu nada máis, nin Lucenza e contorna, nin Penaboa, nin Pía Páxaro, nin Vilarbacú, pero estas zonas levan días ardendo. Igual o monte alto non se mide en hectáreas, ou como a veciñanza ten que axudar a facerlles fronte non se contabiliza do mesmo modo.

Paisaxe estrada de Seceda / ABF

Parece que estes lumes da parte alta este venres baixaron en bravura, igual agora pódense dar datos do que ardeu realmente.

E o que leva ardido realmente nestas montañas é para chorar porque o lume converteu O Courel en Lanzarote. Se o mércores entramos pola Seara, onte fixémolo por Seceda para saír desde Folgoso ata a Pobra por Vilamor, Froxán, Parada dos Montes ou Río de Bois. Todo isto é a zona 0 dos primeiros incendios que o día 14 de xullo comezaron a destruír O Courel.

Entrada ao Courel desde O Incio / ABF

A entrada ao Courel desde O Incio era a presentación perfecta, porque entras desde o alto e recibíante esa chea de montañas verdes. Esas primeiras montañas do Incio, Samos e Folgoso do Courel agora son negras, e ata case Seceda todo está ardido. A contorna de Seceda mantense intacta, pero pasado Seceda volve a desolación e a vértixe circulando por esas estradas agora desprotexidas que se abren a un abismo negro.

E os cumios seguían ardendo e nun par de horas vemos unha avioneta e dous helicópteros, habería máis porque ben pouco me parece para atallar un lume de moi difícil acceso preto da Rogueira.

Vilamor na cima / ABF

Pasamos Folgoso e chegados a Vilamor comeza outra zona 0, salvouse Vilamor e Froxán, pero todo o demais está tinguido de negro. As pasaixes abertas e espectaculares convertéronse en escuridade, con tanta montaña negra pérdese perspectiva e cada pouco ábrense abismos cara a nada. Estas aldeas que viron o lume moi preto consérvanse porque aí os medios estiveron e porque os veciños sairon a defender as súas casa do lume, como farían esta pasada noite en Ferreirós.

estrada Vilamor Froxán / ABF

Se o mércores estabamos máis preto do lume e víanse medios circulando pola estrada, na zona 0 este xoves non había ninguén circulando, dous coches de prensa e un particular que nos atopamos no miradoiro de Pena do Teso Grande. Viñan de Parada dos Montes e querían ver que estaba pasando no Courel. Pretendían ver os medios que había traballando para salvar a Rogueira e preguntábanse onde estiveron os medios cando todo ardeu.

Miradoiro Pena do Teso Gande / ABF

Seguimos cara Parada dos Montes e a paisaxe a mesma, todo queimado, piñeiros sobre todo, pero o lume levouno todo ao seu paso aquí, carballos e castiñeiros tamén e aldeas. En Río de Bois na Pobra do Brollón como en Vilar en Folgoso do Courel apenas pudieron conservar algunha vivenda.

Parada dos Montes / ABF

A viaxe foi desoladora porque os escenarios son desoladores e a veciñanza dos montes do Courel enfróntase agora a unha nova vida aquí, de momento rodeados de desolación, pero con axudas para as casas danadas… e todo o demais? Unha forma de vida enteira? A dor? O medo?

Río de Bois

Iso como llo pagamos aos habitantes dunha terra que difícilmente volveremos a ver tal como era e na que eles están cada día?

Árbore queimada / ABF

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here