InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: A igrexa mosteiral de San Xacobe de Barbadelo (VII)

Cousas Xacobeas: A igrexa mosteiral de San Xacobe de Barbadelo (VII)

O “Loci Sancti Iacobi“ (Lugar de Santiago) mosteiro que foi cabeza de dazaseis Casas Maiores e mosteirolos nos que congregacións relixiosas suxeitas a un abade común baixo a Régoa de San Bieito, gozou do apoio de reis e membros detacados da corte ovetense ata que caeu baixo do dominio total do Mosteiro de Samos, despois dun período no que se deu titularidade compartida entre abades barbadelenses e samanenses.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

O dominio terrritorial da casa principal, enadido co dos seus anexos San Martiño de Barbadelo e San Salvador de Nespereira (ou de Rosend ) ía dende a Terra de Froián e o Val de Barbadelo ao río Loio, con propiedade de terras e servos, o que supoñía unha boa fonte de ingresos posta ao dispor dos abades do “Loci Sancti Iacobi”.

E grazas a eses recursos os abades do primeiro mosteiro coñecido como “Casa Domni Adilani”, no seu maior esplendor, poideron acometer obras para dotalo dunha igrexa monumental e dunha boa casa  para a acollida de relixiosos renunciadores das glorias do mundo, para o que botaron abaixo o templo primitivo.

A segunda igrexa, adicada ao Apóstolo Santiago, na actualidade conserva boa parte da súa traza medieval na frenteira e lateral norte, aínda que foi sometida no século XVIII a un apeo e reconstrución do frontis, con eliminación da ábside que foi substituída por un novo e moi amplo presbiterio co enadido da sancristía e do hospitaliño con entrada dende o adro.

A igrexa conserva a portada do frontis cun tímpano labrado polas dúas caras, composto de varias pezas graníticas, sendo a máis grande pentagonal, onde figura unha moi simple imaxe de home orante estando moi ornamentada esta peza tanto polo exterior como na cara interior.

Ademais da porta principal tamén é románica a porta norte así como as dúas fenestras de arcos de medio punto.

Elemento moi característico deste templo é a torre alzada riba dos muros do ángulo noroeste da nave  e riba de dous arcos interiores de robustas columnas e forte piar angular. Os dous alpendres que protexían a porta principal e a porta norte foron eliminados moitos anos atrán e tamén se perderon varias das cruces de pedra que formaban un Vía Crucis riba dos muros do adro. Trátase dunha igrexa que escapa totalmente da tipoloxía das pequenas igrexas románicas do medio rural sarriao, tanto polas súas dimensións como pola altura dos seus muros .

Plano da igrexa

Unha vez desaparecido o mosteiro e ao quedar reducido a priorado dependente de Samos pasou a ser templo principal dunha ampla parroquia que formando parte das posesións de Samos estaba suxeita ao seu Abade (señor territorial e case bispo), dentro dun status de autonomía dun espazo onde ningún prelado exercía autoridade dada a situción de independeza da que gozaba  aquel e así ao se identificar as xentes o Couto “nadas baixo o seu sino” dicían seren de Barbadelo, Abadía de Samos, no Reino de Galicia, “nullius diocesi“.

¿Onde pararán esas imaxes ?

Esa situación de non integración na diócese lucense mantívose ata anos adiante do proceso desamortizador de 1836 e no aspecto civil non foi senón no ano 1840 cando esta parroquia pasou a formar parte do concello de Sárria.

Rexida a parroquia polos monxes bieitos residentes na Casa do Priorado, en Sorriba, onde estaba a Tulla, onde se xuntaban as cuantiosas rendas que sostiñan as obras do templo, no século XVIII  foi enriquecido con altares e imaxes, sendo de destacar un magnífico e famoso Santiago ”a cabalo“ que causaba admiración e envexa nas parroquias da contorna cando a levaban ás procisións multitudinarias con desprazamentos a outras freguesías con ocasión das acostumadas Santas Misións.

Varias das imaxes desta igrexa foron vendidas, entre elas o “Santiago Matamouros”, grande imaxe en bronce, e aínda se garda memoria do feito de que indo na percura das imaxes vendidas polo párroco un carreiro de Sárria ao que encomendou o labor e non habendo camiño a xeito, polo estragada que estaba a corga que ía ata Cervos, rompeu o eixo do carro por causa do moito peso das imaxes que levaba e alí quedou varios días ao vintimperio coa súa carga ata que poideron baixar a carga á vila . ¿Onde pararán esas imaxes?… Nada se sabe.

No ano 1980 a igrexa parroquial de Santiago de Barbadelo recibiu a calificación de Monumento Nacional grazas a un expediente elaborado co concurso do  entón novo aparellador e fotógrafo sarriao, Xulio Vázquez Díaz, e do autor destas liñas, correndo a documentación gráfica e a planimetría por conta do primeiro e a a parte narrativa e descrición artística con base no estudio da igrexa feito por don Francisco Vázquez Saco nas súas Papeletas e outros traballos anexos e a presentación correu baixo o nome de “Meigas e Trasgos-CIT de Sárria”. O expediente foi resolto con celeridade.

Máis adiante, no ano 1997, o templo foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e recibiu a atención das autoridades culturais de xeito tal que se fixeron obras de restauro e acondicionamento con moi bo resultado en especial pola posta en valor da súa torre que foi liberada de aditamentos que estragaban a súa prestanza.

O feito de que a igrexa está na beira do Camiño de Santiago e perto do Albergue de Peregrinos de Barbadelo fai que sexa obxecto de vista por milleiros de peregrinos que ao longo do ano pasan cara Compostela, sendo un dos monumentos máis visitados na provincia, aínda que se debería prestar máis atención á súa apertura.

Santiago de Barbadelo garda na súa igrexa o máis preciado exemplar románico da comarca xunto coa monumental igrexa de San Fiz do Hospital do Incio e estas dúas igrexas naceron froito da vocación xacobea dos camiños que rente dela pasaban e como lugares onde se exercitaron os xestos da caridade e da acollida.

Frontis da igrexa

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...