InicioMedio ambiente e PatrimonioA Muradella: un cairn atlántico no cimo do Moncai (Terra de Lemos,...

A Muradella: un cairn atlántico no cimo do Moncai (Terra de Lemos, Lugo)

"A poesía é como ese cume que ves ao lonxe, cando o sobes e entras nel envólvete e non deixa de facerche preguntas co seu silencio." Uxío Novoneyra

Publicado o

POR
Xurxo Ayán Vila
- Advertisement -

Nos tempos de antes o Estado aparecía no rural de cando en vez, para secuestrar temporalmente un veciño levándoo ao servizo militar e cousas así. Nos anos 90 a actualización do catastro funcionaba como vos imos contar. Cada certo tempo, na sé da cámara agraria da Pobra do Brollón (Terra de Lemos, Lugo), uns técnicos vidos de Lugo esparexían por unha táboa longa e grosa as láminas sobadas do voo americano de 1956. Aquilo era unha feira. Non había mulleres: a cartografía era poder, e a fotointerpretación era cousa de varóns, malia que fosen analfabetos. Os vellos, con chaqueta e pruma no peto, ao estilo de fin de mes cando ían cobrar a pensión, facíanse acompañar do fillo, ou o neto urbanita e estudado para identificar as propiedades. A bolsa de Wall Street ou de Madrid era moi semellante, salvando a ausencia de teléfonos. Nese caos, os Panoramix das parroquias estaban moi cotizados. No noso caso, o Messi de Cereixa era e segue sendo (nin Google Earth nin farrapos de gaita), O’ Regueiro. Eu (XAV) fora alá contra o ano 1991 ou 1992 canda meu pai Xulio á pescuda da herdanza d’ A Habanera, uns eidos que ficaran na partixa para o meu pai. Andando á rebusca, como na feira de Valença, din cunha fotografía que me chamara moito a atención: nela víase un círculo brancuxento perfeito no cimo dun monte alcumado O Moncai. A aba oriental do Moncai estaba en 1956 toda sembrada a pan (así lle chamamos ao centeo nesta terra). Cada parcela estaba traballada. O antigo rexime agrario pervivía xusto antes da emigración a Franza, Suíza e Venezuela, antes do baldeirado demográfico que levou ao abandono do monte. Aquel redondel resultou ser A Muradella. Tres anos despois, polo Nadal, nun día solleiro, alá subín con Xulio. Eu estaba a facer un traballo en primeiro curso de Historia sobre os castros da Pobra do Brollón. Non había un só piñeiro e lembro a nosa sorpresa, naquel círculo desde o que se vía o mundo todo. Nese intre de éxtase, decatámonos que se rematara o carrete Kodak da cámara Werlissa.

E pasaron os anos. E chegou a repoboación forestal a comezos do século XXI. Os piñeiros rodearon aquel círculo de pedras, camuflado entre unha morea de fentos, e abeirado por unha pista que non rematou con el porque os paisanos da Parte e de Fornelas sabían de sempre que era aquel unha sorte de mollón que viña da noite dos tempos. A poucos metros ao S, tamén agochado entre as árbores, érguese O Castelo, que non é outra cousa ca o vértice xeodésico do Instituto Geográfico Nacional. O primeiro en anotar triangulacións neste cumio foi Domingo Fontán quen na súa Carta Xeométrica do Reino de Galicia sinala o Moncai como fito na paisaxe. Nun deslinde dos tempos da Segunda República os técnicos detallaron a presenza dese misterioso círculo de pedras, de cuarcita armoricana arrincada no sustrato ordovícico do Moncai. O xeólogo alemán Guillermo Schulz deixara escrito naquela mesma época que O Moncai era unha das serras máis antigas de Galicia.

Desvelando o misterio da Muradella

En xullo do ano pasado un equipo interdisciplinar da Universidade Complutense, a Universidade NOVA de Lisboa e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC chegou a este cumio para desvelar o misterio da Muradella. A xente de Fornelas falaba da moura que se aparecía cuns pitos de ouro e esbozaba a posibilidade de que fose un observatorio da guerra civil española. Desde a Arqueoloxía plantexabamos dúas hipóteses de partida: ou era una atalaia (castronela) medieval ou un enterramento prehistórico. A escavación arqueolóxica levada a cabo forneceu datos esclarecedores. Os construtores da Muradella queimaran como paso previo o terreo. Esa actividade deixou un groso sedimento mouro inzado de carbóns, sobre o que se ergueu a construción. A mostra de C-14 extraída nese estrato foi enviada a Miami e, como di a canción, “Miami me lo confirmó”: A Muradella foi levantada a comezos do III milenio antes da nosa era (entre o 2900 e o 2700 a.C.). Polo tanto, estamos a falar do que se coñece como Neolítico Final, onde se desenvolveron os últimos megalitos.

Pola súa vez, a intervención arqueolóxica tamén clarexou a tipoloxía da estrutura da Muradella. A diferenza dos milleiros de túmulos que inzan o noso país (coñecidos segundo a zona como mámoas, medorras, modorras, modias…), A Muradella fíxose enteiramente con pedra local, ao xeito dos “cairns” das Illas Británicas. Malia que A Muradella non é o primeiro “cairn” coñecido en Galicia, si que se trata, polas súas características, dun monumento único. Pola súa cronoloxía tardía, polo seu tamaño (16 m de diámetro e uns 3 m de altura) e por contar cunha cámara funeraria central, expoliada en tempos históricos. Esta arquitectura funeraria monumental era un fito na paisaxe, algo común para o megalitismo atlántico. Desde a Muradella obténse unha visibilidade a longa distancia, podendo apreixar a Dorsal Meridiana Galega e mesmo os límites co Bierzo.

Asemade, o proxecto arqueolóxico abrangueu unha segunda actuación: a prospeción magnética da contorna meridional do monumento. Esta técnica xeofísica emprega as diferenzas no magnetismo das estruturas soterradas para detectalas e consignalas nun plano sen necesidade de escavar. O traballo permitiu descubrir parte dunha estrutura semicircular ubicada a uns 20 m ao SE do monumento. Este tipo de construcións adoitan estar ligadas a lugares de asentamento do Neolítico Final e mailo Calcolítico, no III milenio antes da nosa era. En concreto, esta descoberta podería tratarse de parte do foxo perimetral dun poboado, que farías ás veces de defensa e de límite do espazo doméstico. No caso de manter a súa tendencia circular, o foxo acadaría os 40 m de diámetro e estaría reforzado por un talude coroado, hipoteticamente, por unha empalizada de troncos.

A Muradella

A Muradella, unha zona arqueolóxica inédita na Ribeira Sacra

Por útimo, o emprazamento do asentamento é interesante por dúas cuestións. A primeira é a súa ubicación na zona SE do “cairn” de A Muradella, unha orientación cunha especial significación simbólica no megalitismo do NW peninsular. E a segunda, pola súa cercanía a terras de labor con solos lixeiros que permitirán o cultivo cunha tecnoloxía aínda alicerzada na madeira e a pedra. A proba do potencial do uso cerealístico da contorna é a propia fotografía do voo americano. O pan chegaba despois dun longo proceso que comezaba con romper a terra (cunha peza metálica chamada o furón, que no neolítico serían machadas líticas), bouzar, queimar (ir ás tolas) e remataba con sementar. Este sistema extensivo de rozas e estivadas era o empregado polos primeiros labregos e as primeiras labregas deste país, isto é, a xentiña neolítica.

En definitiva, o proxecto de A Muradella permitiu documentar unha zona arqueolóxica inédita na Ribeira Sacra, dun valor excepcional no marco da Prehistoria Recente galega. E todo grazas ao apoio das asociacións veciñais “María Castaña” da parroquia de Cereixa e “Fonte da Freita” da parroquia de Fornelas.

A Muradella fálanos de moitas cousas. Pero sobre todo, de nós mesmos. Do acaído da microtoponimia e da exactitude cirúrxica das nosas verbas patrimoniais. Do poder simbólico dos límites. Da arquitectura orgánica que sacraliza a paisaxe. Da chegada do Estado e da Modernidade. De Guillermo Schulz, de Domingo Fontán e de Benito Vicetto. Do vértice xeodésico concibido como un “castillo”. Do uso tradicional e sostible do monte. De tolas, bouzas, estivadas e pan. Da depredación do territorio. De todo o que arde. Da microfísica do poder. Dos marcos que se moven. Das bestas.

Xurxo Ayán Vila (Universidade NOVA de Lisboa)

Rodrigo Paulos Bravo (Universidad Complutense)

A Muradella

ÚLTIMAS

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...

A Subida a Taboada inaugurará o Campionato Galego de Montaña os días 27 e 28 de abril

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes, Efrén Castro, reuníuse este martes co...

Campaña de xuntanzas veciñais do PP de Monforte “para buscar solucións ás reclamacións de barrios e parroquias”

A Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos comeza unha campaña de...

Charla do Plan Maior Seguridade o día 18 de abril en Chantada

A actividade forma parte do Plan Maior Seguridade, que promove o Ministerio do Interior...