HomeMedio ambiente e PatrimonioDiario de Inspiración: A Muller e a Terra camiñan da Man na...

Diario de Inspiración: A Muller e a Terra camiñan da Man na programación da Rede Museística Provincial ás portas dun mes de maio repleto de actividades

Despois das III Xornadas Pacegas e de “Encontros no Rural, Diálogo de saberes”, entre outras actividades desenvoltas no Museo Pazo de Tor neste mes de abril, a Rede prepara para maio a celebración do Día Internacional dos Museos. O día 2 de maio inicia un ciclo de conferencias online para a formación internacional na xestión de museos.

Publicado o

- Advertisement -

“Eu vou ser eu”, dicía a viticultora, Esther Teijeiro, no Museo Pazo de Tor durante “Encontros no Rural. Diálogo de Saberes”. E sumouse Ana Vila Portomeñe, “As mulleres galegas son o sorriso da terra”. Os ecos da poeta labrega resoarán xa para sempre cada vez que pense nesas mans que traballan a terra e nesas mulleres que nos trouxeron ata aquí coidando de todo ao seu paso. E sen que ninguén honrase, lembrase ou gardase o seu traballo, a súa dedicación.

Desde fai máis de 20 anos a Rede Museística Provincial de Lugo dedícase a poñer as cousas no lugar que lles corresponde. A introducir novas narrativas para incorporar á nosa historia. Que incorporamos á nosa historia? Dunha banda a muller, un personaxe que aparece “residualmente” na historia o que supón deixar de transmitir uns coidados e atencións que lle son propios. E doutra banda a terra, a natureza que tradicionalmente mimamos, agora esquecémola e con ela todo o que supón como modo de vida e forma de ser.

A Rede Museística Provincial co apoio da Vicepresidencia da Deputación e a través do Museo do Mar de San Cibrao, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol e o Museo Pazo de Tor en Monforte, leva anos tecendo redes e cambiando os formatos para cambiar as cousas, “non se escoita a quen non ocupa os espazos”, asegura a xerente da Rede, Encarna Lago.

“No rural, as mulleres estivemos sempre aí para conservar a memoria e o patrimonio.”

E de súpeto as III Xornadas Pacegas ocuparon o espazo e durante dous días escoitáronse historias de nobres, de censura, de revoltas, de desigualdades, de mulleres, de patrimonio, da igrexa, de submisión,… E estaban as persoas que tiñan que estar para escoitar a unha activista do patrimonio e da muller, Dolores López da Asociación Carballo Vivo de Friol, afirmar que, “É fundamental que a xente coñeza o que ten ao redor, a xente informada é a que vai respectar e esixir coidados. A xente ten que acostumarse á participación activa por iso é importante crear comunidade. No rural, as mulleres estivemos sempre aí para conservar a memoria e o patrimonio.

III Xornadas Pacegas / Rede Museística Provincial

A conservación do patrimonio axuda ao desenvolvemento rural e metémonos en Caldaloba. Esta fortificación de Cospeito, símbolo da resistencia da nobreza galega fronte ao reino de castela, é tamén símbolo de recuperación do patrimonio pola sociedade civil. “O noso lema é: recuperamos o noso patrimonio, recuperamos a nosa historia. Caldaloba un libro aberto na natureza para explicar un capítulo determinante da nosa historia. Recuperando o patrimonio do medio rural axudamos a un medio rural vivo”, aseguraba Alberte Ansede, presidente da Fundación e Casa-Museo Manuel María.

En Caldaloba coñecín a Constanza de Castro, alí morreu envelenada en 1483. Á filla do mariscal Pardo de Cela presentouma, Antón Meilán García, catedrático emérito da Universidade de Oviedo, autor do libro “Dona Constanza de Castro toma a Fortaleza de Vilaxoán”. Desas mulleres ás que se lles vai dando un espazo na historia, pero tamén a súa historia é de dotes, bispados, pleitos, conflitos, aforamentos e degolamentos, para rematar co seu envelenamento en Caldaloba, torre para a que a Vicepresidencia da Deputación solicita á Xunta autorización para realizar traballos de estabilización e consolidación.

Licenzas maritais, capacidade xurídica, malos tratos, honra, estupro

Despois de Caldaloba e Constanza, as Xornadas Pacegas entraron nun universo de papeis legais. “No antiguo réxime, as leis outorgábanlle ao home a última decisión. As mulleres eran titulares de dereitos e de obrigas, pero tiñan a súa capacidade de obrar limitada, sobre todo se estaban casadas. A comezos do século XVI a lei establecía que para poder facerse coa súa herdanza, a muller necesitaba licenza marital”, explicaba, Mónica Fernández Armesto, doutora e profesora do Dpto. de Historia da USC, na conferencia, “Galegas litigantes perante a xustiza señorial no Antigo Réxime.”

En xeral as mulleres sabemos, non sei se o resto das persoas o saben, que non tivemos un espazo de igualdade na historia, pero ver en papeis o sometemento ao que fomos sometida dá calafríos, e aínda falta tanto para esa igualdade. No medio dos papeis legais a presenza da muller é tranquila. Tamara González López, doutora, profesora do Dpto. de Historia da UDC mergullounos na loita das fidalgas polo patrimonio familiar nos séculos XVIII e XIX, “A fidalguía optaba pola concordia antes de chegar a xuizo, pero dos procesos con mulleres implicadas destacan os de impago e por inclusión de bens, poñéndose en dúbida a propiedade. Obsérvase o control que as mulleres tiñan do patrimonio e da súa capacidade xurídica, antepasados dos que veñen, dereitos e usos ou propietarios das terras que lles pagaban.

E Raquel Iglesias Estepa, doutora en historia, contounos como de perigosa era a muller, en que líos andaba metida no Antigo Réxime, segundo fontes xudiciais. Máis papeis legais que logo resulta que están nas murmuracións de base de todas as aldeas e vilas, tatuados a lume sobre todo pola Igrexa. Contounos que en Chantada o Marqués de Valladares tiña denuncias de malos tratos á súa muller, o home ademais andaba con outras e un día atopárono morto. A muller aparece nas fontes xudiciais por denuncias de malos tratos e tamén como sospeitosa do crime, “Daquela os malos tratos eran habituais, pero non chegaban aos tribunais, chegou isto. O máis habitual eran causas por inxurias, causas contra a propiedade, moi numerosos os delitos contra a moral sexual, estupro, andar mal divertido.”

As murmuración nos papeis legais, o estupro, a lesión da honra porque houbo relacións sexuais por promesas de matrimonio, a vergoña,… denúnciase sobre todo se hai embarazo. “As mulleres acoden á xustiza principalmente para defender a súa honra” e ao mesmo tempo as mulleres para iniciar un pleito tiñan que ter a colaboración dun home para poder levar a cabo esa demanada xudicial. En xeral a maioría deste tipo de demandas dábanse nas cidades e non no rural.

Club pequeamigxs nas Xornadas Pacegas

A actividade remataba en Monforte coa intervención de Ana Sixto Barcia, doutora, profesora do Dpto. de Historia da USC a conferencia, “Condenadas ao esquecemento. Os conflitos en torno ás vocacións forzadas na Galicia de época moderna”. Ana falounos de que o destino ideal das mulleres era o matrimonio ou a profesión relixiosa, a segunda daba unha independencia distinta do matrimonio. E eses detalliños que nos simplificaron,… se sabías cantar e tocar un instrumento, a dote non tiña que ser tan grande. O punto e final a esta III edición das Xornadas Pacegas faríase cunha conexión virtual entre os 4 museos Lugo, Tor, Friol e San Cibrao á que non faltou o club pequeamigxs.

Encontros no rural: a muller, a terra, Angelita, o traballo da Rede, as mans

Do protagonismo da figura da muller na historia pasouse, días despois, a mulleres reais que intercambiaron as súas experiencias. Días máis tarde das Xornadas Pacegas, o Museo Pazo de Tor acollía “Encontros no Rural, diálogo de saberes”. Da teoría, da historia contada, que agora dá máis presenza á muller, volvemos á realidade, ao día a día, Todo o que vai pasar aquí hoxe é importante. Non é casualidade que esteamos aquí, hai cousas que celebrar e hai necesidade de escoitarnos”, abría Encarna Lago a actividade. E escoitámonos e celebramos.

Celebramos unha homenaxe ás mulleres rurais na Ribeira Sacra e un repaso a ese traballo que desde fai tantos anos leva a cabo a Rede Museística Provincial, con proxectos que marcan unha diferenza e que dan espazo a novas miradas e realidades. Gran parte dese traballo está recolleito en dúas publicacións sobre o Programa Mulleres Rurais, Camiños Expandidos no volume I e O Camiño ata Sorerradas no volume II. Durante este encontros no rural, as persoas participantes recibiron exemplares destas publicacións.

Había emoción, moita, acompañábanos Angelita Rivada González. Sempre vinculada ao Pazo de Tor desde que comezou a traballar nel con 9 anos. Encarna Lago agradeceu a súa entrega para facer respectar a vontade de María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, que tras o seu falecemento doou o Pazo á Excelentísima Deputación de Lugo, “Transmitiches un museo, a vontade dunha persoa, o desexo que ela tivo de que o pazo se conservase. E foches capaz de transmitirnos un amor a algo, a vontade da herdanza dela desde o agarimo. Nunca che daremos pagado esa sensibilidade da museoloxía centrada nas persoas”. E hoxe o Museo Pazo de Tor é o segundo museo máis valorado de Galicia.

“Encontros no Rural. Diálogo de Saberes” con Angelita

Xunto a Angelita máis mulleres enormes, nestas tardes no museo. Mulleres, terra, mans, arte, música, expresión corporal, sensibilidade, chocolatada, innovación, poesía, serigrafías, aplausos, insectos, sons,… e máis emoción. A muller rural, a muller poliédrica e a terra.

A muller poliédrica e a terra

Falando deses traballos desde a Rede Museística Provincial que tecen redes e dan espazos, as coordinadoras de moitas das actividades aseguran ter cambiado como persoas despois das experiencias compartidas. E as mans.

“Encontros no Rural. Diálogo de Saberes” con Esther

As mans de Esther, “nacida de pura cepa” como asegura a viticultora que lle dixo a alguén, “Esas mans non son da ribeira, eu téñolle cariño á terra, comer da árbore non é o mesmo que do supermercado”, e namorounos por real “Gústame ver cada día o que cultivo, a natureza cambia constantemente. Falo coas cepas porque con algo hai que falar cando estas só”. E convencida do seu, fai 23 anos Esther comezou coa elaboración de viño ecolóxico. Mentres o sistema lle dicía que estaba tola aplicou a lóxica da tradición para coidar a terra, “comezáronse a botar herbicidas para non traballar moito, pero eu vía que non nacía herba e pensaba, esta terra está enferma e así imos enfermar nós. Ou morremos de fame ou envelanados. A terra sá dá cousas boas, dixéronme que estaba tola. Cómpre ser un pouco tola porque senon non se dá levado, me parece.

Esther é un acto de fe” di a súa veciña da ribeira, Carlota Pérez, “Esther é zen, precisa moi pouco para ser feliz”. E despois Carlota retorcería o seu corpo e tiraríase pola chan, pero antes, tempo “para sacar dos problemas poesía”, como presentaría Encarna Lago á poeta labrega, Ana Vila Portomeñe. Neste caso a aldea e a muller colleron forma de poesía. E tamén a Rede Museística Provincial e o Museo Pazo de Tor sobre o que escribiu Ana Vila camiño deste encontros no rural, dialogo de saberes.

“Encontros no Rural. Diálogo de Saberes” con Ana Vila

MUSEOS, A NOSA HISTORIA

Entre pedras

a man labradas,

están bágoas

e verbas caladas.

Din que son os museos,

moito da nosa historia

en prosa e versos,

en figuras e cadros

de valentía e medos.

Din que son os museos

coma pantasmas e gloria,

eu digo que son beizos

da alma que sempre mora.

Entre as herbas

frores prantadas,

que o ser regadas

ensinan camiñadas.

Din que son os museos

todo da nosa honra,

en feitos e gravados

en figuras e segredos.

Din que son os museos

pasarela de tempo e moda,

eu digo que son leitos

da vida que sempre obra.

Tedes como proba

a Rede Museística,

San Paio de Narla,

Pazo de Tor

Museo Provincial de Lugo,

Museo do Mar,

onde o sentir atopa

cada característica

coa sua fala,

co seu amor

tamén como xugo

do noso valor.

…E eses ecos das mulleres o sorriso da terra, mariñeiras, labregas, o sorriso da Terra.

“Encontros no Rural. Diálogo de Saberes”, danza inclusiva / ABF

A música soa, un home comeza a andar a fume de carozo en círculos, o alento que non chega, pero aparece Carlota e retórcese, rétate. O esforzo e a impotencia. E a nena no chan, a nena que baila e se eleva, que rí, que se move. A danza inclusiva tocaría a fibra. Aínda sen saber que acababa de acontecer nese momento, este encontros no rural diálogo de saberes ofrecería outra sorpresa. Unha nova paisaxe sonora.

Jansky no Museo Pazo de Tor converteu en música os sons dos insectos. Música electrónica que nace da natureza ,“Fomos buscar estos seres que forman parte da nosa BSO natural e que as sociedades deprezamos como outras cosas que nos dá a terra.” E vestidos de insectos transportáronos ao seu mundo mentres o chocolate quente caía pola gorxa.

“Encontros no Rural. Diálogo de Saberes” con Jansky / ABF

Ao final todas as pezas encaixando, as serigrafías que desfragmentan a realidade, a recompensa ao traballo que nunca cesa e a homenaxe ás mans. “Ás que coidan, que texen, que unen, que recolectan,… mans atadas que no puideron elexir.”

Neste 23 de abril que celebramos o Día do Libro, eses amigos que nos adentran noutros mundos, penso tamén nos museos, porque poden ter esa mesma capacidade, abrir a mente a outras posibilidades. Por iso na Rede Museística Provincial queren saber se as iniciativas que desenvolven son as correctas, se o están facendo ben.

Despois dunha experiencia virtual coa comunidade iberoamericana o ano pasado sobre Estratexias Dixitais para a Museoloxía Social; este ano repítese formato e filosofía de comunidade de aprendizaxe para formarse no tema: Museos, sustentabilidade, benestar / Avaliar, medir, mellorar.

A partir do 2 de maio en horario de tarde comezará esta cita internacional de reflexión e formación sobre o traballo que se desenvolve nos museos. Mentres o modelo de xestión da Rede Museística Provincial vén de ser recoñecido polo Centre for Social Investment da Universidade de Heidelberg como modelo de España a seguir na Unión Europea dentro do proxecto IMpact of The Third Sector as Social Innovation (ITSSOIN).

Rematando o Día do Libro ábrese a porta a un mes de maio fermoso nos museos da Rede Museística Provincial, coa celebración do Día Internacional dos Museos (18 de maio), entre outras propostas.

“Encontros no Rural. Diálogo de Saberes” / Rede Museística Provincial

ÚLTIMAS

Puido haber unha ALTRI en Quiroga en 1976?

Dende finais de 1975, pouco despois da morte do Perenne, víñanse sucedendo novas na...

Fin de semana de descenso urbano de Sarria

O club ciclista DH Galicia, que ven organizando o evento desde 2012, ultima os...

Concurso de Enganches Concello de Chantada, este 21 de xullo

Chantada acolle o 21 deste mes de xullo o Concurso de Enganches Concello de...

Comeza a mellora da estrada LU-P-4202 que une Pacios e Currelos

A Deputación de Lugo vén de iniciar en Paradela os traballos da estrada provincial...