A sima Aradelas, coñecida dende sempre polos habitantes de Campelo e outras aldeas da contorna, foi explorada por primeira vez en 1972 polos clubs Santa Clara e Montañeiros Celtas de Vigo. Estes clubs exploraron a sima acadando os 120 m de profundidade en 1973. Posteriormente, o Espéleo Club Aradelas descubriu novos pozos e pasaxes subterráneas, elaborando o primeiro mapa completo da cavidade en 1987, mentres que o GEM e AL Val da Néboa descubriu a Sala Monforte en 1991 e superou os 130 m de profundidade fai uns poucos anos.
Todos estes descubrimentos permitiron que a sima Aradelas se convertera na cova máis fonda de Galicia, recibindo centos de visitas ao longo dos anos, incluíndo numerosas actividades da Federación Galega de Espeleoloxía. A cova é todo un referente espeleolóxico en Galicia.
No ano 2024, descubríronse 2 km de novas galerías, salas e pozos despois de realizar escaladas no interior da sima. Estes achados foron levados a cabo grazas ao labor coordinado de nove entidades galegas: grupos de exploracións subterráneas dos clubs Irmandiños, Ártabros e Montañeiros Celtas, clubs de espeleoloxía e montaña Troglobios e Taranis, Grupo de Espeleoloxía Lugo, Espeleo Clube Rei Cintolo, Espéleo Club Aradelas e Club Alpino Ourensán-Manzaneda, coa colaboración dos grupos asturianos de espeleoloxía Polifemo e Gorfolí.
Elaborouse un novo plano da cova, que xa inclúe un total de 2.2 km de condutos subterráneos. Estes condutos presentan unha gran variedade e abundancia de espeleotemas, como estalactitas, estalagmitas, columnas, gours, pisolitas, helicitas ou excéntricas. Incluso descubriuse o lago subterráneo Hydra, que foi investigado mediante técnicas de espeleomergullo. Todos estes descubrimentos reforzan o valor do patrimonio xeolóxico subterráneo das Montañas do Courel, que xa agocha máis de 10 km de covas coñecidas.
Os equipos espeleolóxicos tamén acharon unha nova entrada á sima, que foi chamada cova Emilio, en memoria do espeleólogo Emilio Ballesteros, recentemente falecido. Este espeleólogo e tamén mestre de escola contribuíu a iniciar a centos de cativos na espeleoloxía durante máis de 20 anos. A existencia dunha segunda entrada á sima incrementa substancialmente o valor deportivo da cavidade, permitindo a realización de travesías espeleolóxicas, que consisten en realizar percorridos subterráneos entrando por unha boca da cavidade e saíndo por outra.
Sima Aradelas novas salas e pozos / Xeoparque Montañas do Courel
As exploracións levadas a cabo foron posibles grazas ao apoio da veciñanza da contorna, especialmente da aldea de Campelo, xunto ao Xeoparque Montañas do Courel e contando co financiamento da Deputación de Lugo, en virtude do convenio de colaboración asinado por estas dúas entidades.
As novas descubertas na sima Aradelas serán as protagonistas da segunda xornada do Outono Xeolóxico do Xeoparque Montañas do Courel, coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía. Organizarase unha actividade para todos os públicos na Estación Científica de Seoane do Courel o sábado, 9 de novembro, que inclúe unha charla impartida polos espeleólogos, Inma Pumariño e Nocho Iglesias, e unha visita ao Centro de Interpretación das Covas de Meiraos e á cova da Ceza. A inscrición realízase na ligazón https://forms.gle/Y1d5tFDz1RpGf5Vw8.
Sima Aradelas novas salas e pozos / Xeoparque Montañas do Courel