InicioMovementos sociaisO pobo pide o seu espazo de cara a unha Ribeira Sacra...

O pobo pide o seu espazo de cara a unha Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade

O pasado 6 de abril constituíuse 'Ribeira Sacra: Mundial e Nosa', un colectivo que ten como fins organizar e potenciar a sociedade ribeirá diante do novo escenario que se pode abrir coa declaración deste territorio como patrimonio universal.

Publicado o

- Advertisement -

Unha plataforma de base popular e carácter asembleario acaba de nacer na Ribeira Sacra coa intención de conformar unha representación forte e unida de particulares e institucións que, partindo da singularidade desta terra, se organicen e poñan a andar proxectos de posta en valor do territorio e dun rural que agoniza.

Segundo indican no comunicado de prensa, quedou conformada unha Coordenadora como paso intermedio para elixir asembleariamente á que será definitiva. O portavoz é Felipe Castro, e asumindo as funcións de Secretaría, Organización, Economía e Actividades e Relacións Sociais estarán Lois Diéguez, Mercedes Vázquez, Tomás López e Francisco Nieves. Con esta base, os seguintes pasos serán contactar con xentes, entidades e institucións da Ribeira Sacra para facer un colectivo coa maior representación e forza posible.

Dende “Ribeira Sacra: Mundial e Nosa” pártese da premisa de considerar que o territorio no que se pretende actuar vai camiño de ser declarado Patrimonio da Humanidade e non debería deixarse todo o traballo de defensa, organización e transformación da Ribeira Sacra ás institucións políticas que están impulsando a candidatura. Entenden que ten que ser a sociedade, os cidadáns, veciñas e veciños deste lugar os protagonistas reais das alternativas que se abren para poder exploralas e explotalas; e tendo como temos un rural debilitado cómpre máis que nunca a colaboración e unión de todos e todas para termar del.

Entenden tamén que para acadar obxectivos hai que partir de tres aspectos: a singularidade da Ribeira Sacra, unha organización e unha actuación dirixida a medidas concretas.

En canto á singularidade fixan a atención no idioma e na cultura, no xeito de ser dos habitantes, na conciencia de pertenza a un territorio e nun turismo diferencial. A organización, como xa se comentou, partirá dun colectivo aberto, con toma de decisións asemblearias e unha coordinadora para repartir función e responsabilidades.

Entrando a valorar accións ou medidas concretas, para poñer en marcha de forma inmediata, algunhas das que enumera esta plataforma son: a identificación co galego como sinal de identidade, medidas de activación do rural, alternativas para o noso patrimonio material e inmaterial, para a paisaxe, o turismo, a hostalería, a artesanía, a arquitectura, a agricultura e a gandería, a arqueoloxía, a etnografía, os oficios, as adegas e tamén para as diferentes manifestacións culturais e artísticas.

Muller rural / Fademur

Este colectivo informa tamén que calquera persoa ou colectivo pode contactar en calquera momento para informarse, participar e formar parte do proxecto contactando no teléfono 698186147 ou a través do correo electrónico eidorural.fcastrolpez@yahoo.es

Remitímosvos tamén a un artigo que reflexiona ao redor da situación do rural, publicado en Xornal de Lemos días atrás, e que representa tamén parte da filosofía deste colectivo que acaba de nacer.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...