InicioOpiniónO monte tamén é cultura

O monte tamén é cultura

Cando pensamos no monte e nos seus recursos, adoitamos fixarnos case exclusivamente nos seus valores naturais e forestais que son sen dúbida de grande interese, obviando moitas veces a posible existencia doutros que reúnen tamén un interese social e produtivo que debemos ter en conta (recursos mineiros, hidrolóxicos, enerxéticos, culturais, turísticos, etc.). 3ª parte das tres nas que se divide este artigo de opinión, a 2ª publicada o 17 de xuño.

Publicado o

POR
Felipe Castro López
- Advertisement -

Continuación do artigo do mesmo título de 17 de xuño.

Segundo a relación existente entre os bens culturais presentes no monte e os seus recursos, clasificámolos do seguinte xeito:

  1. Bens cuxa relación co monte reside unicamente no feito de estar presente na súa contorna, pertencendo principalmente ao patrimonio arqueolóxico e relixioso.
  2. Bens cuxa relación co monte reside en formar parte das infraestruturas de acceso ao monte e de servizo, pertencendo principalmente ao patrimonio etnográfico e arquitectónico.
  3. Bens cuxa relación co monte reside en estar vinculados directamente aos seus recursos e ás actividades desenvoltas ao redor deles, pertencendo principalmente ao patrimonio etnográfico e industrial.

Dentro dos da terceira categoría podemos destacar:

OS SEQUEIROS E OURICEIRAS

Derivado da grande relación que o home tivo con respecto ao castiñeiro e aos seus produtos, herdamos unha rica etnografía, onde aparecen diferentes elementos relacionados coa recollida e tratamento da castaña, entre os que se inclúe os dedicados á conservación da castaña, sequeiros e ouriceiras.

O sequeiro consiste nunha edificación destinada epecificamente ao secado da castaña, composta de dúas plantas, a de abaixo chamada remoleiro onde se prendía o lume, e a superior chamada caniceira que, a modo de piso de madeira composto de ripias (táboas de castiñeiro cunha seción triangular ou trapezoidal), era onde se estendían as castañas para que secaran coa calor e co fume, e na que existían uns ventanucos ou furados na parede para proporcionar unha boa ventilación que axudara na seca. Nalgunhas ocasións os sequeiros atopábanse agrupados, formando un complexo parecido a un poboado, de grande atractivo e interese.

As ouriceiras consisten nunhas pequenas e rudimentarias construcións a modo dun pequeno muro circular de aproximadamente 1,5 m de alto e cun diámetro de entre 2 e 5 m e cunha pequena porteleira de acceso, pechado cun portelo de madeira. A ouriceira empregábase para conservar as castañas dentro do ourizo nun estado semiverde, os cales se depositaban no interior da ouriceira e posteriormente tapábanse con fentos, xestas ou uces.

AS PRESAS E OS MUÍÑOS

Debido á ampla rede hidrográfica existente en todo o territorio galego (ríos, regos e carrozos), o home aproveitou a forza natural que estas correntes de auga lle proporcionaba, servindo para regar as propiedades (leiras, hortas e prados) e para proporcionarlle o movemento preciso a diferentes mecanismos (muíños, ferrerías, batáns, etc.). No decurso dos tempos, os ríos e regatos galegos víronse inzados de edificacións e instalacións hidráulicas.

As presas compóñense de dous elementos construtivos, por unha parte está a presa propiamente dita, tamén chamada represa ou chapacuña, que consiste nun muro de contención formado por unha parede inclinada de cachotería, con pedras colocadas a modo de chapacuña. Este muro, que cruza toda a canle do río, ten por misión que a auga non pase e se vaia acumulando até o nivel de onde parte a canle. Esta canle, tamén mal chamada presa, serve de condución para levar a auga até o lugar indicado (leira, horta ou prado, no caso de que a presa se empregue para a rega, ou muíño, ferrería, batán, etc., no caso de que se empregue como forza motriz). Estas canles construíanse normalmente escavadas sobre o terreo natural, mentres que algunhas veces formábanse con paredes de pedra e solado de vargos de lousa.

Os muíños hidráulicos consisten nunha combinación de arquitectura e enxeñería que se plasma a través dunha edificación principal de dúas plantas que contén os mecanismos precisos para o funcionamento do muíño (rodicio na planta inferior e os mecanismos de triturar ou moer na planta superior, a maiores do mecanismo de transmisión entre o rodicio e a moa como o eixo e engranaxes) e outras construcións anexas que cumplen a función de recoller, regular e conducir a auga cara o rodicio (cubo e biqueira).

AS MINAS

O aproveitamento mineiro a través da explotación dos xacementos de diferentes minerais, entre os cales destacaron o ferro e o ouro, tiveron unha grande importancia no pasado histórico galego, aínda que tamén a explotación doutros minerais tiveron a súa importancia como a da cal ou o volframio. Estas minas aparecen espalladas polo territorio galego, a maior parte localizadas en zonas de monte.

A explotación da maioría das minas realizábase tanto a ceo aberto como a través de galerías, podendo producir as primeiras grandes socabóns sobre o terreo e as segundas verdadeiros labirintos.

AS FERRERÍAS E MAZOS

Xa dende a antigüidade, grazas aos importantes xacementos de mineral de ferro existentes no substrato dos montes, desenvolveuse unha intensa actividade mineira  e, aínda que nun principio os métodos de transformación foron moi rudimentarios, as ferrerías constituíronse en verdadeiras fábricas e nunha importante industria siderúrxica.

Unha Ferrería consiste nunha factoría onde, aproveitando a enerxía hidráulica, se quenta o ferro para podelo traballar posteriormente.

Os mazos son ferrerías de menor entidade nos que se transforma xa o ferro e se convirte en ferramentas e apeiros diversos.

Os traballos de arrinque e extracción do mineral, facíase principalmente a través de galerías soterradas, onde os venaqueiros (traballadores encargados de arrincar o mineral) facíanse valer de picos e cuñas nos que petaban con pesadas marras. O transporte do mineral realizábase a través de carros tirados por bois ou mulas, onde os carreteiros (traballadores encargados de dirixir o transporte) guiaban a mercadoría ata o seu destino, as ferrerías ás que subministraban.

OS FOXOS DO CARBÓN

Á hora de realizar certas actividades que precisaban do lume alimentado cun combustible que aportara moitas calorías (a forxa, certas cociñas e fornos, etc.), o carbón de uz foi un medio moi empregado noutros tempos.

O proceso de fabricación consistía en arrincar as plantas de uz negra, incluída a raíz ou coza que era precisamente a que producía este carbón vexetal, a continuación as cozas picábanse en anacos de diferente tamaño para logo poñelos a cocer e conseguir a transformación.

O foxo era o lugar no que se producía esa transformación a través dunha combustión incompleta, e consistía nun burato que se construía escavado no terreo natural cun diámetro e fondura variable.

Finalmente prendíase unha fogueira no fondo do foxo coa ramallada das uces arrincadas e, a continuación, íanse colocando os anacos de coza, comezando polos mais grandes e continuando cos cada vez máis pequenos, formando un montón que, pouco a pouco se tapaban con terra, ata rematar cubrindo completamente as cozas para finalmente, pasado un tempo (ao redor de media hora), descubrir as cozas xa transformadas en carbón.

AS ALVARIZAS

O interese do home pola apicultura dende tempo inmemorial provocou que, para telas a salvo do ataque dos depredadores (principalmente o oso) se discurrise como solución construtiva a alvariza, que adoita presentar unha planta circular ou ovalada, aínda que ás veces, por adaptarse ao relevo do terreo e para aproveitar murallas naturais como rochas ou derrubadoiros, remata tendo formas máis irregulares. As dimensións son variables dependendo da cantidade de colmeas que teña que protexer.

Construtivamente consiste nun muro de pedra de preto dos 3 metros de altura e 1 de anchura, rematado na parte superior cunha cimeira de grandes pedras ou vardas que sobresaen do muro, a modo de voladizo, uns 20 cm cara a parte exterior da alvariza e que se denomina vardal. Este sistema de amurallamento pretende impedir a entrada a diferentes depredadores onde, nas zonas de montaña, o máis significativo era o oso, até que a principios do século XX desaparecera das serras orientais (Ancares e O Courel). O espazo interior pode estar disposto, de non ter moita pendente, sobre o terreo natural ou ben, de ser empinado, ter construída unha especie de bancais chamados sillas e formados por plataformas de pedra. Ás veces, na parte interior da parede da muralla, colocanse pedras a diferente altura que sobresaen e que serven de chanzos para subir ao vardal e que tamén se aproveitan para colocar colmeas.

A entrada adoita consistir nunha pequena e robusta porta de madeira que, ou ben dá paso directamente ao interior do albar ou a un pequeno chabolo intermedio que serve de almacén e taller.

O trobo era o tipo de colmea que se empregaba e que, a pesares da súa substitución polas colmeas modernas, aínda se emprega na apicultura tradicional. Estes trobos constrúense, tal como xa facían os romanos, con cortizo (principalmente de sobreira), con troncos ocos (de cerdeira ou castiñeiro) ou con táboas de madeira de castiñeiro. No interior do trobo constrúese un entramado de garabullos para que as abellas poidan asentar os paneis de cera sobre os cales acaban producindo o mel.

OS FOXOS OU COUSOS DOS LOBOS

O lobo foi un animal salvaxe incompatible coa actividade gandeira para os seus propietarios e abundante noutros tempos, polo cal era perseguido a morte. Con este fin empregábanse diferentes técnicas para cazalo como esperas e batidas, sendo unha das máis inxeniosas e elaboradas a de perseguilo e guialo cara unha trampa para atrapalo e matalo. Este tipo de cacería consistía nunha práctica colectiva e comunitaria na cal, a través de berros e ruídos, ían dirixindo ao lobo cara unha zona concreta que pouco a pouco se facía máis encaixada para rematar no propio foxo.

O foxo consiste nunha construción moi básica, baseada nun burato ou pozo de forma circular escavada no terreo natural ou construído con muros e cunha altura considerable para evitar a fuxida do lobo e un diámetro de ao redor de 4 m. Deste burato saían dous parapetos ou muros construídos de pedra ou madeira duns 3 m de alto que, segundo se alonxaban del e a modo de embudo,  estes íanse separando cada vez máis.

Como poidestes comprobar, son moitos os bens patrimoniais que podemos atopar situados no monte. Pero existen moitos outros, xa máis vinculados co patrimonio inmaterial, como son os topónimos ou as pasaxes históricas, lendas e contos. Mágoa que todo isto, que aquí vos relato, vaia desaparecendo do territorio e das nosas memorias, un basto legado que nos deixaron os nosos ancestros, produto do seu traballo e inxenio.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....