InicioOpiniónOPINIÓN: Escalada sostible na Ribeira Sacra

OPINIÓN: Escalada sostible na Ribeira Sacra

O colectivo Segredos de Pantón achéganos nesta ocasión a experiencia dun escalador que coñece as posibilidades desta modalidade deportiva no canón do Sil e que pertence a un colectivo que practica a escalada sostible.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Miguel Feijoo Fernández é un escalador e equipador activo dende hai 20 anos, que leva desenvolvendo a súa maior actividade deportiva na Ribeira Sacra. Licenciado en Educación Física e bombeiro de profesión, foi delegado de Escalada Sostenible en Galicia e forma parte do grupo de traballo desta asociación en Galicia, ademais de ser o vicepresidente do club Asociación de Escaladores Ourensáns (ASESOU).  

“Dentro da Ribeira Sacra hai diferentes zonas de escalada, tanto no lado Ourensán do río Sil coma no lado de Lugo”

A modo de introdución, que tipo de escalada se practica no canón do Sil? Cantos sectores ou zonas hai no noso concello para esta práctica?

Dentro da Ribeira Sacra hai diferentes zonas de escalada, tanto no lado Ourensán do río Sil coma no lado de Lugo, onde predomina case en exclusividade a modalidade de escalada deportiva. Esta modalidade consiste en ascender rutas de pequena altura, de non máis de 40 metros, onde as ancoraxes de seguridade están fixas e non se utilizan para progresar senón para protexer a posible caída dos deportistas.

Concretamente, nas ladeiras lucenses do Sil hai na actualidade 3 sectores de escalada, dos cales dous atópanse dentro do Concello de Pantón, concretamente no carón do sendeiro que comunica Pombeiro e San Cosmede.

Sabemos que nos sectores de escalada están as vías, cantas destas vías hai en Pantón e de que nivel son?

Nos dous sectores que hai podemos atopar vías de tódalas dificultades, dende rutas de iniciación ata rutas que aínda son proxecto e non conseguimos aínda facer sen caer. Hai un total de 9 vías no sector Calendario e aproximadamente 30 no sector Maqui, o muro máis grande e o  que ten máis rutas na Ribeira Sacra.

Estas zonas destacan porque pola súa orientación sur son ideais para escalar en inverno, sendo posible trepar en días soleados nos días máis fríos cunha temperatura moi agradable.

Escalada no ‘sector Maqui’. Foto: Víctor Barro

Cal é a intención do colectivo “Escalada Sostible? Que labores levades a cabo?

Os nosos obxectivos podémolos dividir nos seguintes puntos: servir de mediadora entre o colectivo e as  Administracións (promover e fomentar o coidado e mantemento do medio natural,  poñer en valor e preservar os principios da escalada, como actividade tradicionalmente sustentable), e demostrar que a práctica da escalada é compatible coa aplicación das diferentes normativas de conservación do medio ambiente.

Os labores que levamos a cabo van moi relacionadas coa consecución dos nosos obxectivos. Podemos dicir que centramos os nosos esforzos en dous traballos principais: un relacionado coa Administración, principalmente cos servizos de conservación da natureza,  mantendo reunións de maneira regular para expresar en que consiste a nosa actividade, facendo propostas de regulación e buscando exemplos de xestión similar noutras zonas con maior tradición escaladora que sirvan de modelo para a nosa comunidade; e outro facendo campañas de concienciación e mellora das zonas onde levamos a cabo a nosa actividade. Para iso levamos a cabo diferentes accións como poden ser: Programa rocódromos activos, programa de formación guías AEGM, facendo o documental Prohibido Escalar, as campañas “Del Roco a la Roca”, “No dejes ni huella” ou “La basura no vuelve sola”, levando a cabo campañas de limpeza e charlas divulgativas, ademais de suxerir puntualmente recomendacións en relación á apertura e mantemento de novas zonas de escalada.

“En Galicia en xeral, máis da metade das paredes de escalada atópanse en zonas que contan con algún tipo de protección medioambiental”

No sector lugués do canón do Sil, existe unha problemática sobre os permisos e as datas. Cal é o conflito?

En Galicia en xeral, máis da metade das paredes de escalada atópanse en zonas que contan con algún tipo de protección medioambiental, a maioría delas reguladas polo DECRETO 37/2014, que é o plan director da Rede Natura 2000.

Esta normativa é moi xenérica e as autorizacións están xestionadas por cada delegación provincial. No caso concreto da Ribeira Sacra, atopámonos con dúas delegacións provinciais implicadas, a de Ourense e a de Lugo, e a relación que temos con ambas é totalmente diferente.

No caso concreto de Ourense a sintonía é total, hai unha moi boa comunicación con eles e souberon ver como realizar accións de colaboración conxunta: pechando paredes se hai a posibilidade dun aniñamento, abrindo a zona se non hai postas, os escaladores piden autorizacións e estas concédense de maneira regular e fluída, etc. En xeral, estamos moi satisfeitos coa relación que temos con eles, porque entenden a nosa actividade e a experiencia e os feitos indican que é compatible a escalada coa conservación se o facemos con cabeza.

No caso de Lugo, a relación xa non é igual. Non hai comunicación, non temos nunca unha chamada pola súa banda, non buscan compatibilizar o noso deporte e a única proposta non formal que tivemos, era dar autorización para escalar nos meses de xullo, agosto e setembro nunha parede con orientación sur onde a súa época ideal é de novembro a marzo. Para nós foi coma un insulto, é coma se pides autorización para bañarte na praia e che dan permiso para os meses de decembro, xaneiro e febreiro. Isto sen ter comprobado se a escalada é realmente prexudicial para a integridade duns potenciais valores a protexer. E estas paredes en concreto están en Pantón, polo que a día de hoxe a escalada neste concello poderíase dicir que está practicamente prohibida.

Escalada. Foto: Víctor Barro

Dende o voso grupo de escalada que solucións propoñedes ante esta disxuntiva?

En primeiro lugar o que lle pedimos aos servizos de conservación é que se acheguen á nosa actividade, que coñezan de primeira man en que consiste, que analicen detalladamente o noso impacto no medio e que se fagan regulacións dinámicas da actividade. É dicir, que haxa un seguimento  das zonas de escalada e que as regulacións sexan adaptadas en cada momento ás circunstancias existentes nese momento.

“a práctica da nosa actividade é compatible coa conservación do medio natural e o cumprimento da normativa”

Entendemos que con comunicación e con vontade por parte dos axentes implicados, a práctica da nosa actividade é compatible coa conservación do medio natural e o cumprimento da normativa, e así se demostra en multitude de zonas en toda a península.

No caso de espazos da Rede Natura, dende o noso colectivo avogamos por eliminar as autorizacións nominais que hai na actualidade, e que son moi limitantes. Pensamos que é necesario facer un estudo específico a nivel galego das paredes onde se escala, para determinar os impactos que pode causar a  escalada nesas zonas e establecer as regulacións pertinentes que fosen precisas, sempre buscando a maneira de facer compatibles a practica deportiva e a conservación do medio.

A modo de remate, cal é a vía que prefires para escalar en todo o canón do Sil?

O Canon do Sil sen lugar a dubida é un lugar máxico e non podería elixir unha ruta ou parede para quedarme.  En verán é incrible poder escalar xunto ao río e poder desfrutar dun baño a carón das paredes. No inverno é fantástico poder quentarse ao sol na ladeira ourensá cunhas rutas dunha gran dificultade técnica, mentres que en outono e primavera é fantástico poder elixir segundo o día entre paredes ao sol ou ir á sombra.

Para nós, o canón é moi especial e somos os primeiros que queremos que se protexa. Levamos aos nosos fillos a pasear, a escalar e a desfrutar das súas ladeiras, limpamos e mantemos os camiños limpos, levamos o lixo que atopamos e velamos polos seus animais e plantas.

ÚLTIMAS

Restauración da imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida, en Quiroga

A imaxe da Virxe dos Remedios da Ermida está a sufrir unha importante restauración...

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...