HomeOpiniónLóxica e sentido común, benditas palabras

Lóxica e sentido común, benditas palabras

Despois de Árdenos o noso, Felipe Castro, segue con este monográfico que na segunda entrega nos achega aos lumes de cuarta xeración ou de “interfase”, aqueles incendios forestais que ameazan ou afectan ás áreas habitadas.

Publicado o

POR
Felipe Castro López
- Advertisement -

Recordaredes que no meu anterior artigo, “Árdenos o noso”, achegaba a problemática dos incendios forestais e do mal endémico que supón para o noso territorio. Tamén comentaba os grandes prexuízos que nos acarrean e os cambios que os lumes están sufrindo debido a cuestións estruturais e ambientais que nos veñen advertindo de que a súa ameaza e comportamento destrutor se irá incrementando se non mudamos diferentes aspectos fundamentais na nosa interacción co medio, nas estratexias que se desenvolvan na prevención e nos protocolos de actuación.

Tamén vos describía as características que, debido a estes cambios, presentan eses lumes de nova xeración e, nesta ocasión, quixera centrarme nunha destas tipoloxías que máis nos preocupan: os lumes de cuarta xeración ou de “interfase” que, como xa comentara, son aqueles incendios forestais que ameazan ou afectan ás áreas habitadas.

Creo que todos estamos impresionados coas imaxes que nos chegan estes días do que está sucedendo en Australia e de como, ademáis de destruír bosques e áreas rurais inmensas, de acabar coa vida de millóns de animáis silvestres e de cuantiosas vidas humanas, os lumes se achegan ás áreas habitadas e causan cuantiosísimos danos e perdas incalculables nas infraestruturas, nas edificacións e nas pertenzas dos seus poboadores. Sen chegar a ese escenario, si é certo que sufrimos xa en Galicia casos importantes nos que o lume afectou a estas áreas, causando moitos danos en edificacións e outro tipo de bens e perdas en vidas humanas.

Lume na parroquia de Hospital. Foto cedida por unha veciña.

A este respecto, son varias as frontes dende as que podemos actuar, comezando por aquilo que ten unha incidencia neste tema en xeral, medidas como poden ser a divulgación do problema (campañas de sensibilización destinadas á sociedade en xeral e específicas destinadas aos diferentes colectivos implicados), reforzar a vixianza nas épocas de risco, profesionalizar e dimensionar axeitadamente o dispositivo de loita contra os incendios forestais, deseñar de maneira coordinada, entre os diferentes entes responsables, novos protocolos que aborden estas emerxencias de forma integral e desenvolver unhas medidas preventivas verdadeiramente eficaces.

No tocante específicamente aos lumes de interfase, comezar dicindo que, ata non fai tanto tempo, a estrutura das áreas rurais estaba ordenada cunha lóxica e axeitada a unhas necesidades e a un sentido común. No que atobamos un territorio ordenado en tres espazos claramente diferenciados: por unha parte estaban os montes (terras de peor calidade, máis afastadas, accidentadas e peor comunicadas) nas que atobamos masas arboradas destinadas a producir madeira, leña e froitos e tamén zonas de matogueiras destinadas a producir principalmente estrume, leña, carbón e froitos e amplas zonas sen aproveitar. En segundo lugar estaban os agros (terras de mellor calidade, máis chairas, próximas ás casas e mellor comunicadas) nas que atopabamos as terras de cultivo destinadas a producir diferentes produtos agrícolas para o consumo humano e do gando que, normalmente, non estaban mesturadas coas zonas de monte. Por último estaban as zonas edificadas (núcleos e edificacións illadas) nas que atopabamos as vivendas, cortes para o gando, alpendres, palleiras, etc e que estaban rodeadas das terras cultivadas e, ás veces, intercaladas con árbores frondosas de carácter froiteira que cumplían unha doble función (producir recursos de fácil e rápido acceso e axudar a regular a temperatura do núcleo ou da edificación, producindo sombra no verán e permitindo a entrada do sol no inverno).

Lume no monte. Foto: Prensa Medio Rural

Esta estrutura proporcionaba unha serie de bondades ao territorio e, tamén, á defensa da súa contorna. As diferentes áreas estaban ben delimitadas; ordenadas en base ás necesidades sociais, produtivas e de aproveitamento, a unhas calidades e vocacións produtivas, e a rendibilizar os usos e os movementos da xente e do gando; favorecendo a ausencia de interferencias que poideran prexudicar os recursos e a maneira de xestionalos; evitando os problemas coa fauna silvestre en relación aos cultivos; e, non sendo o obxectivo perseguido naqueles tempos, evitando os problemas da interfase nos posibles incendios forestais.

Pero chegado un momento, esta estrutura tan beneficiosa fracasou debido a múltiples cambios que transformaron o rural por completo, debido ao abandono das terras e dos usos que se lle viñan dando; á ausencia de planificación e ordenación do solo; á proliferación de prantacións forestais con especies pirófitas, como o Piñeiro e o eucalipto, nos agros e ignorando a vocación agrícola e gandeira destas terras; e a propiciar que a dita vexetación arborada e as matogueiras se achegaran ás casas, poñéndoas en alto risco. En definitiva, dando paso a un territorio desordenado no que as diferentes áreas se mesturaron descontroladamente, dando como resultado un solape dos tres espazos, e producíndose unha situación de interfase progresiva e un grande risco de propagación de incendios deste tipo.

Para rematar, emprázovos a que vexades a próxima entrega deste monográfico, que adicarei a expoñer as medidas que, baixo o meu criterio, deberían tomarse para reverter esta situación ou, cando menos, a protexer as áreas habitadas dos lumes de interfase.

Lume nun centro urbano/GC

ÚLTIMAS

Os deputados do PP denuncian “trato discriminatorio” do Goberno de Sánchez coa veciñanza de Santo Estevo do Sil

Os deputados do PP lucense -Francisco Conde Jaime De Olano e Cristina Abades- trasladan...

Inscricións de novas viñas en suspenso en concellos que non teñan aprobada unha delimitación planimétrica

O pleno do Consello Regulador Ribeira Sacra reuniuse o pasado 10 de febreiro de...

A futura ‘Área Recreativa e Praia Fluvial de Monforte’ terá capacidade para acoller a unhas 20.000 persoas

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, informou en rolda de prensa...

Estudantes do IES A Pinguela destacan na fase galega da Olimpiada de Xeoloxía

Corenta alumnas e alumnos de institutos da provincia de Lugo (IES Fontem Albei da...