InicioOpiniónOPINIÓN: “Di SI ao casamento” se queres facilidades coa pensión de viuvez

OPINIÓN: “Di SI ao casamento” se queres facilidades coa pensión de viuvez

Nesta entrega de opinión e asesoramento xurídico preséntanse as dificultades coas que se pode atopar unha parella 'non casada' para poder acceder ao dereito á pensión de viudez.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

Cantas veces convives coa túa parella, tes fillos con el ou con ela, pero nunca chegades a contraer matrimonio e tampouco vos inscribides como parella de feito en ningún rexistro público. Tampouco vos acordades de facelo constar en ningún documento público. E así de felices gozades do voso amor. Nesta idílica situación un dos membros da parella falece e entón é cando comeza a odisea coa ditosa pensión de viuvez.

A Lei Xeral da Seguridade Social establece a esixencia de dous requisitos que haberán de cumprirse simultaneamente para que o membro supérstite -sobrevivente- da parella poida obter a pensión de viuvez:

1º.- Estar unido ou unida ao causante no momento do seu falecemento, formando unha parella de feito. Esíxese que a parella estea constituída con análoga relación de afectividade á conxugal, que ningún dos seus membros teña un vínculo matrimonial con outra persoa, e que ademais se acredite, mediante o correspondente certificado de empadroamento, unha convivencia estable e notoria con carácter inmediato ao falecemento e cunha duración ininterrompida non inferior a cinco anos. Tamén haberá de achegarse a certificación da inscrición nalgún dos rexistros específicos existentes nas comunidades autónomas ou concellos do lugar de residencia ou ben un documento público no que conste a constitución da parella de feito. En Galicia existe o Rexistro de Parellas de Feito da Xunta de Galicia, polo que a inscrición neste rexistro autonómico unido ao empadroamento na localidade de convivencia é a forma máis económica e sinxela de proceder. Hai que ter en conta que tanto no caso da inscrición no Rexistro como no caso de optar por outorgar o documento público, haberá de facerse cunha antelación mínima de 2 anos á data do falecemento do causante.

“convivencia estable e notoria con carácter inmediato ao falecemento e cunha duración ininterrompida non inferior a cinco anos”

2º.- Que os ingresos do membro da parella supérstite durante o ano natural anterior ao falecemento do outro membro non alcanzasen o 50% da suma dos propios e dos do causante habidos no mesmo período. A porcentaxe será do 25% no caso de que non existan fillos comúns con dereito a pensión de orfandade. Con todo, tamén se recoñecerá dereito a pensión de viuvez cando os ingresos do sobrevivente resulten inferiores a 1,5 veces o importe do salario mínimo interprofesional vixente no momento do feito causante, requisito que deberá concorrer tanto no momento do feito causante da prestación, como durante o período da súa percepción. O límite indicado incrementarase en 0,5 veces a contía do salario mínimo interprofesional vixente, por cada fillo común con dereito á pensión de orfandade que conviva co sobrevivente.

Como pode observarse, esíxese unha convivencia ininterrompida de 5 anos, que haberá de probarse necesariamente co certificado de empadroamento no que conste que ambos membros da parella residen nese domicilio desde hai polo menos 5 anos, e ademais hai que achegar ben un documento público notarial de constitución da parella de feito, ben o certificado do Rexistro de Parellas de feito da Xunta de Galicia ou do municipio de residencia, tanto a inscrición como a constitución habería de producirse con polo menos 2 anos de antelación ao falecemento. Pero non se esgota aí, xa que hai un requisito económico de base moi importante. A supérstite ten que ter uns ingresos inferiores a 1.425 € (calculados xa sobre o SMI de 950 €/mes), límite que poderá aumentarse en 475 € por cada fillo común que exista con dereito a pensión de orfandade; ou ben, non superar os seus ingresos o 50% dos propios sumados aos da súa parella no ano anterior ao falecemento e, neste caso, se hai fillos comúns con dereito á pensión de orfandade, a porcentaxe será do 25%.

Chegados a este punto, preséntase a pregunta, é mellor estar casado ou casada?

Chegados a este punto, preséntase a pregunta, é mellor estar casado ou casada? E eu respóndoche cun rotundo “si, moito mellor”.

No caso de existir vínculo matrimonial non se esixe ningún requisito dos mencionados anteriormente. Sinxelamente ten dereito á pensión de viuvez o cónxuxe supérstite, sen necesidade de acreditar nin a convivencia nin facer depender a percepción da pensión dos recursos económicos existentes no ano anterior ou de porcentaxes de ingresos. Cóbrase a pensión de viuvez e punto.

Unicamente nos casos nos que o falecemento derive dunha enfermidade común xa existente antes do matrimonio esixirase que o matrimonio se houbese celebrado cun ano de antelación ao deceso ou, alternativamente, á existencia de fillos comúns ou mesmo, non se esixirá nada disto, se se acreditase unha convivencia co causante nos termos esixidos para a parella de feito e que sumado ao tempo de duración do matrimonio superase os dous anos. Esta excepcionalidade dáse normativamente para evitar as fraudes, non fai falta enumeralos porque xa nos veñen a todos e todas á cabeza.

Entón, conclúo cun “di SI ao Casamento”, xa que logo das vantaxes en canto á pensión de viuvez, tedes que pensar tamén nos avogados/as… se hai voda pode haber divorcio.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Primeira xuntanza sobre “Comunidades de Montes Veciñais e en Man Común, Montes de Saberes”, o 24 de abril ás 16:30 no auditorio de Escairón

A actividade enmárcase no proxecto Comunidades Rurais Sostibles desenvolvido por Acción contra a Fame...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...