Pasado o Agro da Ponte Ribeira, entre a Casa da Costa e a Casa Macía, o Camiño de Santiago. ao longo de 374 metros, atravesaba a parroquia de Santa Mariña polo Arrabaldo, a Rúa de Ferradores e o Barrio de Santa Mariña. No Arrabaldo estivo a Casa-Carnicería e un pouco máis arriba houbo un Mesón, onde estaba a tulla do Arcediago. Houbo tamén unha taberna, unha carnicería e unha abacería.
A igrexa vella de Santa Mariña, alzada no século XIII, de depurada traza románica, estivo en pé ata 1883, e no seu soar e en parte da Praza do Mercado, con cargo á testamentaría de don
Xoán María López de Almance, foi construída a igrexa nova, dotada de fermosas vidreiras por don Matías López e na que agora está o sartego de López de Almance e se ven as imaxes de San Xoán e Santa Mariña, obra de Brocos, e o famoso Cristo de Magariños. Na vella igrexa foron enterrados os peregrinos que morreron nesta parroquia, e na actualidade, é sinalado punto de acollida para os peleregrinos, que ademáis reciben bendición no remate da misa vespertina.
Neste treito do Camiño, hai hoxe un total de seis albergues, ademais de tres establecementos hostaleiros, tres bares-casa de comidas e obradoiro do entallador, Xosé Luis Moreira.
Na igrexa de Santa Mariña, unha lápida lembra a Francisco Vázquez Saco, académico estudoso do románico e do Camiño de Santiago e unha inscrición recorda a Elias Valiña Sampedro, insine sarriao, e aos construtores medievais do Camiño. Un cruceiro, doazón da Familia Saco, un busto de Cristo e un mural de temática xacobea da artista Veloso, embelecen a zona. Os pereginos achan bon lugar de descanso na Praza de Xoán María López, antiga Praza do Mercado.

Os peregrinos que preferían atallar subían pola súpeta Costa da Fonte, entre o Arrabaldo e a Praza de Vista Alegre, onde a mediados do século XIX se fixo a Escaleira da Fonte, pola que ata 1920 subían e baixaban os que levaban auga á Vila dende a Fonte Ribeira. Rotulada como “Escaleira Maior”, e chamada, por algúns, “Escaleira do Peregrino”, unha é outra denominacións son deturpadores do seu nome propio: “Escaleira da Fonte”. Collendo o atallo, o paso pola parroquia alcanza os 253 metros. Para calmar a sede dos peregrinos hai fontes en Vista Alegre e na Praza de Xoán María López.
Outra alternativa para pasar pola parroquia era coller o Camiño de Fóra entre a Ponte Ribeira e os Fornos de Atrás, ao longo de 358 metros, pasando pola Corga da Pedreira e As Airas, podendo entrar desde ali na vila, pola Travesa da Pedreira ou polo Calellón de Lois.
No Barrio da Pedrira tiveron os seus obradoiros, os afamados entalladores sarriaos do século XVI. Históricamente a parroquia de Santa Mariña de Sárria tivo unhas 75 casas, maioritarimante situadas a unha e outra banda do Camiño Xacobeo. Esta parroquia era de padroado dos Marqueses de Sárria / Condes de Lemos, formaba curato con Santiago de Castelo dos Infantes e Santiago de Farbán. Fillos ilustres desta parroquia foron o industrrial e filántropo, don Matías López López, o xurisconsulto e historiador don Diego Pazos e o escritor e académico Camilo Gonsar.