InicioOpiniónOPINIÓN: De turistas e hostaleiros

OPINIÓN: De turistas e hostaleiros

Unha reflexión en relación á marxe de mellora que temos para atender aos turistas con criterio e profesionalidade, dende un bo aloxamento a un bo servizo na hostalería e uns guías profesionais e coñecedores do territorio.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Vivimos nunha zona onde hai unha enorme carencia de oportunidades de traballo, a xente nova vaise, as empresas e servizos veñen a menos (agás os tanatorios e os xeriátricos) e a fume de carozo imos vendo como a nosa terra se converte nun deserto humano.

Por sorte para nós, aínda que tarde, estamos a descubrir o turismo, esa xente que admira, que se marabilla e desfruta da terra na que os que vivimos nela tanto maltratamos. Non hai moitos días que estiven facendo de guía cunha xente de Madrid, montañeiros e traballadores do turismo na montaña e cando viron isto “fliparon” co que aquí temos, na Rogueira só lles faltou chorar de admiración, gozaron da nosa comida, do viño e creo que a partires de agora serán embaixadores da torta de castaña do Courel. Toda a xente que teño o pracer de darlles a coñecer o noso recuncho do mundo sempre volta, e iso por algo será.

“Pero os visitantes non só viven de ver natureza, tamén comen e dormen”

Pero os visitantes non só viven de ver natureza, tamén comen e dormen e é neste punto onde temos que poñernos moitísimo as pilas, temos moitas carencias e defectos que corrixir; tamén temos virtudes moi grandes, unha delas é o exquisito trato que lle damos ós clientes que parece que foran da casa de toda a vida, outra a comida dunha calidade para nada acorde ó prezo onde todo o mundo sempre di que para o que che poñen no prato é un regalo, pagar dezaseis euros por un entremés da casa, un bo prato de caldo e un xabarín con castañas é algo que xa non se ve en ningures.  A parte negativa vén cando en certos meses faise complicado atopar un sitio aberto, días na semana que ás veces nin se pode comprar un bocata, tamén fai moita falla introducir novos pratos e arriscar nos menús, non todo é xabarín con castañas, empanada de acelgas con liscos, caldo e chourizo. A min cando me ofrecen algo distinto case boto unha bágoa da emoción. Hainos que  din que non se pon nada novo porque a xente non o quere, digo eu que se non se ofrece tampouco se pode afirmar con rotundidade.

En canto a aloxamentos imos bastante ben, sobre todo no concello de Folgoso do Courel que conta cunhas catrocentas camas entre casas rurais, camping e albergue; Quiroga está na segunda posición e Ribas de Sil é con diferenza o que menos prazas de aloxamento ten. Neste intre hai varios proxectos de novos establecementos en marcha na nosa zona que virán a complementar e fortalecer o existente. Cantos máis haxa moito mellor para todos, hai espazo e clientes suficientes para novos negocios e novas ideas; quizais bote en falla máis aloxamentos que se movan na gama alta, para un turismo dun poder adquisitivo maior e cunhas prioridades distintas ás que estamos acostumados.

Agora que xa temos a xente no sitio, ben comida e durmida, temos que pensar no que queremos que vexan e desfruten, aquí están os guías do territorio que son os encargados de mover a xente polos puntos de interese, en colaboración cos establecementos teñen que complementar e dar contido ás estancias porque unha actividade de ocio na natureza sexa tanto unha ruta, unha observación de fauna, unha cova, un barranco,  arqueoloxía ou calquera actividade que poidades imaxinar precisa de profesionais ben coñecedores do territorio. Lembro unha anécdota de hai uns anos na Campa da Lucenza, un día deses nos que o sol non quenta senón que literalmente no inferno fai menos calor… estaba eu cun pequeno grupo facendo unha ruta deportiva (desas de moitos quilómetros e moita velocidade) cando vemos aparecer pola pista que vén de Formigueiros un numeroso grupo de xente maior recocidos polo sol. Pregúntolles de onde viñan e din que viñan cun guía da Coruña para ver a Rogueira (que non viron xa que ían por enriba) e camiñaban cara O Pontón e Ferreirós de Baixo todo a pleno sol e por pistas infernais. Teño moi claro que esta experiencia negativa fixo que esta pobre xente non quixera saber nada máis do Courel nin dos arredores. É por iso que guiar xente non é andar cunhas ovellas por un carreiro, cómpre coñecer ben o territorio e a xente do mesmo. Temos moitas oportunidades para as empresas de turismo activo que por desgraza non abundan na Serra do Courel, non temos ninguén de aquí que faga guiado de barrancos ou espeloloxía, que fagamos roteiros pola natureza estamos tamén ben poucos e do resto de actividades deste tipo de turismo hai unhas carencias moi grandes.

Actualmente estase a reformar a normativa estatal e autonómica no turismo activo, coa implementación de titulacións deportivas e especialización en cada materia recentemente publicado no BOE de obrigado cumprimento e a punto de saír a nova regulación galega onde se establecen unha serie de requisitos que serán imperativos para poder exercer actividades no medio natural. Toda esta regulamentación que moitos poden considerar un atranco é unha gran oportunidade para de mellorar a calidade dos servizos xa que permitirá que moita xente nova teña acceso a formación regrada e se anime a montar o seu propio negocio e non teñan que emigrar buscando un traballo.

“…guiar xente non é andar cunhas ovellas por un carreiro, cómpre coñecer ben o territorio e a xente do mesmo”

Tamén temos deberes para as administracións que son as que ó final deciden, organizan e mandan, unha reflexión que engado a este texto, un pensamento que posiblemente a alguén lle “pique” o comentario pero creo que é necesario. A administración ten que coidar o territorio e a paisaxe na que vivimos, os atrancos que lle pon ós paisanos cando van cortar un carballo para quentarse no inverno e que logo os que mandan fan o que queren coa nosa terra. Vou poñer un exemplo que está a acontecer nestes intres e creo que estaredes moito de acordo con isto; todos coñecemos a ruta de Penaboa (Pico dos Bois para os de Folgoso) que cada vez ten máis xente; pois digo eu… que necesidade había de encher esa zona de cortalumes levando un incluso ó mesmo borde do miradoiro do pico habendo pistas bastantes de terra que si se mantivesen en bo estado e se lles dese a anchura suficiente farían a mesma función? Dá vergoña subir ós picos da nosa serra e vela acribillada de navalladas na inmensa maioría sen pés nin cabeza.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...