InicioOpiniónOPINIÓN: A emigración en Galiza e Quiroga

OPINIÓN: A emigración en Galiza e Quiroga

Unha achega intelectual e reflexiva sobre a crise demográfica, un problema que, segundo o noso colaborador de hoxe, "Galiza e Quiroga padeceron e padecen coa expulsión crónica da súa poboación, polo menos dende o século XVI".

Publicado o

POR
Xosé Estévez "Pepucho"
- Advertisement -

Galiza ten unha extensión de 29.575 quilómetros cadrados e unha poboación de 2.698.764 habitantes, con unha densidade de 91 habitantes por quilómetro cadrado. Se o comparamos con Euskadi os datos son rechamantes. Euskadi conta con 7.234 quilómetros cadrados, unha poboación de 2.171,131 habitantes e unha densidade de 300 habitantes por quilómetro cadrado.  

      O concello de Quiroga contaba, segundo as cifras do INE a 1 de xaneiro de 2019, con 3.207 e unha densidade de 10,10 hab. por quilómetro cadrado, non deixando de baixar o número dende 1.900, que case tiña 9.000 habitantes.

      Galiza e Quiroga padeceron e padecen unha expulsión crónica da súa poboación, polo menos dende o século XVI. Constatamos unha emigración cara o centro do Estado español durante a Idade moderna, xa permanente, xa temporal ou “anduriña”, case deica o século XX, pois o meu avó Ricardo foi en dúas xeiras segar a Castela. A partir do século XIX houbo unha masiva emigración cara América até mediados do século XX, principalmente a Cuba,  Uruguai e Arxentina. En Bos Aires fundouse a Unión Quiroguesa que chegou a contar con más de 300 socios, entre os que salientaba Daniel Nogueira, de Carballo do Hospital, independentista galego, que colaboraba na prestixiosa revista A FOUCE. Dende mediados do século XX os países receptores foron outras nacións (Euskal Herria e Cataluña) ou rexións (Madrid) industrializadas do Estado Español e algúns estados europeos como Francia, Alemaña, Suíza, Bélxica e Holanda. A mediados do século XX un millón e medio de galegos residían fóra da súa terra e a cidade que contaba con máis galegos/as era Bos Aires, cuxo Centro Galego bonaerense chegou a ter 100.000 socios e un sanatorio, envexa de tódolos arxentinos, hoxe vendido a unha multinacional da sanidade. Os emigrantes galaicos fundaron uns 150 centros ou Casas de Galicia, espallados por 19 estados de tódolos continentes, agás Africa, onde pechou no 2015 o único Centro Galego existente, o de Nairobi (Kenia).

“En Bos Aires fundouse a Unión Quiroguesa que chegou a contar con máis de 300 socios, entre os que salientaba Daniel Nogueira, de Carballo do Hospital, independentista galego, que colaboraba na prestixiosa revista A FOUCE”

      A emigración segue asoballando o país galego. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) o pasado 31 de xullo, 28.853 persoas marcharon da Galiza con destino a outras áreas do Estado español  e do mundo no ano 2019 e un total de 326.824 persoas abandonaron Galiza na última década (información de Nós Diario, 15-9-2020). Son mozos e mozas dotadas de alta cualificación a diferenza da emigración tradicional anterior, o que supón unha auténtica fuga de cerebros e de capital humano irrecuperable, ademais dun investimento fallido para o país.  Recentemente, os profesores da Universidade de Vigo, Alberte X. Pazo e Mª Pilar Moragón, levaron a cabo un concienciudo e rigoroso estudo demográfico e chegaron a cualificar a situación de Galicia co apelativo de “Demotanasia”, un proceso polo que por mor de accións políticas ou a omisión delas provócase a desaparición da poboación dun territorio. É unha verdadeira catástrofe demográfica de imprevisibles consecuencias porque nela conxúganse catro factores altamente destrutivos: despoboamento, sobre todo rural en amplas zonas do país, especialmente  no interior, Ourense e Lugo; emigración xuvenil, galopante envellecemento da poboación e alta porcentaxe de mortalidade, que supera dabondo a natalidade. En Galiza, segundo datos do INE en 2019, existían unas 2.028 aldeas sen ningún  veciño, 1.041 cun só e preto de 9.000 con menos de 10 habitantes.

      Un País ou unha bisbarra como o val de Quiroga non só precisan o desenrolo do turismo, sector estacional e antolladizo como demostrou a actual pandemia, dos servizos e das actividades extractiva-louseira, vinícola, agro-gandeira e forestal, que están moi ben, pero son complementarias e non xeran de por si riqueza dabondo para asentar a poboación. Tamén necesitan políticas industriais sostibles e respectuosas co medio ambiente, capaces de fixar a poboación no territorio, como está comprobado noutros lugares.

“En Galiza, segundo datos do INE en 2019, existían unas 2.028 aldeas sen ningún  veciño, 1.041 cun só e preto de 9.000 con menos de 10 habitantes”.

      As mentes máis lúcidas e preclaras de Galiza denunciaron coa voz e coa pluma esta sangría demográfica, verdadeira exportación de carne humana, dende Rosalía de Castro, pasando por Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Luis Seoane e Castelao até Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra, Guerra Da Cal e Manuel María. Uns foron emigrantes como Currros, Cabanillas ou Celso Emilio, algún naceu na emigración, caso de Seoane, algún tamén foi exiliado como Guerra Da Cal e outros sufriron un dobre suplicio, emigración primeiro e exilio despois, casos de Castelao, Blanco Amor ou Suárez Picallo.

      Se analizamos a contextura económica de Galicia e os seus recursos, non podemos considerala pobre. Máis ben habería que cualificala como “empobrecida” a causa dunha situación crónica de case dependencia colonial, dunhas políticas desaxeitadas e do sometemento a unhas estruturas económicas, sociais e políticas arbitrarias, onde imperaba o mal goberno,  o caciquismo, a inxustiza, a desigualdade e o centralismo.    

   “Se analizamos a contextura económica de Galicia e os seus recursos, non podemos considerala pobre”.

      Diante deste mouro panorama calquera pode preguntarse: E que fan os responsables políticos para solucionalo?. Cando me desprazo a Quiroga, á miña benquerida e pequena patria orixinaria, teima dos meus amores e dores, a alma cáeseme aos pes. As persoas do común, do máis variado colorido ideolóxico, coas que falo, son conscientes do problema e o seu clamor, sufrimento e aflición son unánimes e constantes. Os políticos saben o problema, e a solución por parte do Goberno Galego só se reduce a crear ano tras ano comisións de estudo para avalialo e diagnosticalo. Galicia é unha nación á deriva e, segundo me dixo unha vez un labrego ilustre de Campos de Vila, semella unha silveira. Sen poboación: que é un país?. A Terra precisa Pobo. É un dos países más encanecidos do mundo. Parécese aos vellos, que non temos “reprise”, pero andamos a “toda pastilla”, pola cantidade delas que tomamos pra aliviar os síntomas, mais non curan as raíces das doenzas.

      A emigración foi e é un auténtico cancro que corroe a cerna de Galiza. Algúns din que tivo un certo aspecto positivo: a creación e difusión da conciencia nacional galega e dos símbolos máis determinantes da súa identidade: A Academia da Lingua, a bandeira e o himno. Outros afirman que algúns emigrantes enriquecidos enviaron diñeiro que serviu para crear escolas e empresas e mellorar vivendas e explotacións familiares. Emporiso, hai que contar a perda de capital humano e, ademais, o feito de que unha parte do capital retornado sería investido polos bancos noutras zonas do Estado, onde os beneficios eran superiores, seguindo o fluxo coñecido como drenaxe de capital.

      Remato con estes versos de Rosalía de Castro:

Este vaise i aquel vaise,

e todos, todos se van;

Galicia, sen homes quedas

que te poidan traballar.

Tes, en cambio, orfos e orfas

e campos de soedá;

e nais que non teñen fillos

e fillos que non teñen pais.

E tes corazóns que sofren

longas ausencias mortás.

Viúvas de vivos e mortos

que ninguén consolará

    

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...