InicioOpiniónCousas Xacobeas: A Capela de Santa María de Barbadelo

Cousas Xacobeas: A Capela de Santa María de Barbadelo

É clara a situación desta capela no Camiño de Santiago: despois de deixar á esquerda a Fortaleza e o Mercado, ficaba no comezo da baixada cara o convento, non lonxe de onde agora está o depósito de augas do ano 1958.

Publicado o

POR
Xaime F. López Arias
- Advertisement -

            Entre a igrexa de San Salvador e o Mosteiro de Santa María Madalena de Sárria, beira do camino, alzábase a capela de Santa María de Barbadelo, á que se refire un documento do ano 1512 polo que dona Sabela da Vilavella, viuva de Rodrigálvarez, fillo de Rodrigo Álvarez de Valcarce, que por mandado do seu marido fora alí enterrado, e onde tamén estaban enterrados o esposo e  fillos do matrimonio, mandoulle ao mosteiro o lugar de Vilar do Monte, por xuro de herdade, coa obriga para os frades de diciren unha  misa cantada por Santa María de Agosto, con responso, e outras máis nos días da Purificación, da Anunciación e da Visitación da Nosa Señora, coa condición de que ninguén fose sepultado nesa capela, agás  os descendentes e herdeiros de Rodrigálvarez, da dita Sabela e da súa irma Constanza García de Valcárcer. Obriga que foi cumprida ate 1836, nos últimos decenios xa na igrexa conventual.

            É clara a situación desta capela no Camiño de Santiago: despois de deixar á esquerda a Fortaleza e o Mercado, ficaba no comezo da baixada cara o convento, non lonxe de onde agora está o depósito de augas do ano 1958. 

            Así resulta dunha escritura de permuta feita polos frades do mosteiro  en 4 de xaneiro de 1521 co Concello  de Sárria, onde se le :  “ ( que)  vendo ser cousa proveitosa e proveito do dito concello, fixeron troco e concámbeo, co dito prioiro (frei Afonso de Vilasouto)  e déronlle en troco  “o camiño vello” que vai por entre unha herdade que tamén posúe o dito mosteiro, que foi de María Vicos, porque o dito prioiro e freires lles alarguen  o camiño que vai desta vila para o dito mosteiro dende a ermida de Santa María de Barbadelo ate embaixo en canto tura a leira do dito mosteiro ate o primeiro carballo, segundo que xa está alargado e sinalado, o  troco fixerono  para sempre xamais  por canto o dito camiño por ali era moi apretado e agora co  que se alargou e tomou da cortiña do dito mosteiro é de cumprimento dabondo…” 

            Están así definindo a carreira no treito actual entre a Casa do Campo da Feira-Ermida de Santa María de Barbadelo, e o primeiro dos carballos que había fronte ao mosteiro,  pasada a boca da Corga do Asno.

            Este nome de Santa María de Barbadelo que a capela levaba (tamén ás veces aparece como Santa María de Barbadelo a igrexa de Santa María de Albán), tomado do río Barbadelo,  hai que telo ben presente porque nos remite a unha primeira capela, varios séculos anterior á dotada por García Rodríguez de Valcárcer, situada no promontorio de riba da Ponte da Áspera e perto da capela de San Brais, que deu orixe a hospital e mosteiro.

            Non sería polo tanto impensable que a cita dun “Barbadelo”  que no Códice Calixtino aparece situado despois da “Villa Sancti Michaelis” ( San Miguel de Montán-Santa María de Montán)   se referise  ao espazo inmediato á capela de Santa María. Certamente Sárria non aparece citada  expresamene  nesa primeira guía de peregrinos, porque non se fundou a  Vilanova de Sárria ate os anos derradeiros do século XII, co que quedaría ben fixado o traxecto entre Triacastela ( Vilavella ) e o río Miño  .

            Barbadelo era no tempo no que  escribiron o Códice un río ( agora chamado Celeiro ) e  tamén unha “mandatio” e o actual Santiago de Barbadelo era coñecido como “Casa Domni Adilani” ou “Loci Sancti Iacobi”. Tamén había outro Barbadelo: Santo Estevo de Barbadelo (máis adiante coñecido como Santo Estevo de Requeixo ou Santo Estevo de Maside), que foi unha posesión templaria.

           Como nas expresións vertidas en moitas publicacións se dí que “Sárria non aparece citada no Códice Calixtino”, como se iso fose un demérito, a realidade do Camiño de Santiago polo lombao onde acabaría estando a Vilanova de Sárria aparece máis que confirmada coa presenza da ermida de Santa María de Barbadelo, claramente vencellada ao feito xacobeo e alzada a menos de 200 metros de onde uns frades italianos fixeron nacer a única orde relixiosa somente galega e adicada, en exclusiva, á atención de peregrinos e pasaxeiros pobres que ían camiño de Compostela.

            É polo tanto moi suxerente a posibilidade de situar o Barbadelo do Códice Calixtino á altura da  “sarriá” ermida ou capela de Santa María de Barbadelo.

            Esta edificación, en pé a primeiros do século XVI, posiblemente desaparecería no século XVIII, cando se botaron por terra varias das obras anexas ao mosteiro, entre elas o Hospital e Capela de San Roque.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...