Distopías: Ribeira Sacra, onde nunca nada sucede

Máis aló da ficción, existe a posibilidade certa de que a non moito tardar nos atopemos cun mundo moi diferente do que tiñamos hai un ano e do que temos hoxe. Especialmente aquí na Ribeira Sacra, onde nunca nada sucede.

Ribeira Sacra na ribeira de Xián / XdL

Nos últimos anos puxéronse de moda as series, novelas e películas ambientadas nun futuro distópico. A RAG define distopía como un “mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo”. Dentro desas creacións artísticas que reflicten un futuro distópico, atopamos diferentes categorías, sendo a dos zombies arrasando a civilización a que máis éxito tivo grazas a series como The Walking Dead, libros como os da triloxía Apocalipsis Z do galego Manel Loureiro ou películas como as da saga Resident Evil. Tamén hai contidos distópicos que inclúen vampiros ou outros que nos falan de desastres naturais máis ou menos provocados polo ser humano. Xa máis rezagados van quedando os que reflicten invasións alieníxenas, que tiveron máis éxito nos anos 70 e 80.

As escenas da extraterrestre Diana comendo ratos na serie V ou os berros finais de Donald Shutterland en “La invasión de los ultracuerpos” xunto coas sucesivas versións de “La noche de los muertos vivientes”, de George A. Romero son xa iconos distópicos gravados con lume na memoria colectiva da miña xeración.

Ficción distópica

Agora semella bastante claro, e ata é desexable, que os guionistas e escritores xa estarán traballando no sinfín de posibilidades que ofrece a pandemia para crear contidos de ficción distópica. Unha mutación do virus, un efecto adverso das vacinas, unha psicose colectiva (desto xa hai algo), unha estupidez convertida en ousadía (desto tamén), unha filtración de datos sanitarios…calquera escenario é posible para desenvolver unha idea exitosa.

Pero, máis aló da ficción, existe a posibilidade certa de que a non moito tardar nos atopemos cun mundo moi diferente do que tiñamos hai un ano e do que temos hoxe. Especialmente aquí na Ribeira Sacra, onde nunca nada sucede.

A nosa particular distopía, extensible a todo o rural galego, non tería nada de ciencia ficción nin de fenómenos paranormais. Incluso xa tería sucedido noutras latitudes. Pero dende logo que nos cambiaría para sempre e pode que de xeito irreversible.

Seguramente comezaría nos bares. As sucesivas e cambiantes restricións de horarios e uso das instalacións, os negocios pecharían progresivamente. O peche sería debido a unha mestura de perdas económicas, falta de certezas e de estar fartos e desesperados. O mobiliario e a mercaduría seguirían alí, pero xa non os clientes nin os propietarios.

Membros do xurado concurso de tapas (arquivo)

En fin, hai un mes xa falaba aquí do que podía supoñer o peche da hostalería. As empresas de distribución pasaríanas canutas e moitas desaparecerían. Só uns restaurantes tremendamente restrinxidos sobrevivirían á hecatombe e non poderían absorber toda a mercaduría dos distribuidores. As pequenas adegas tamén desaparecerían. Xa non terían a quen venderlle o viño. Nos supermercados non lle-lo ían querer salvo que fora case regalado e os restaurantes e bares xa non o poderían mercar.

Sen bares, sen restaurantes, sen casas de turismo rural, cos hoteis ao mínimo…a que ían vir aquí os turistas? Seguinte paso da nosa distopía económica: as empresas de servizos turísticos irían á ruina. Ruina na que xa estaban os proveedores de servizos técnicos ás adegas.

En resumo, un castelo de naipes. A creba duns sectores levaría á dos outros. Xa non cito á gandaría porque esa é unha creba crónica que se acentúa cada ano sen que ninguén mova un dedo por ela.

Teríamos, pois, uns negocios de hostalería pechados pero coas instalacións intactas, centos de hectáreas de viñedo máis ou menos abandonadas pero plenamente recuperables, uns montes sen usos polos crecentes abandonos da actividade agrogandeira pero non inzados de eucaliptos, uns encoros e parques eólicos que xa pouca peaxe terían que pagar por falta de quen proteste…e unhas vilas e aldeas envellecidas e case despoboadas. Ata aquí, poucas diferencias co o relato sobradamente coñecido do que está a pasar na chamada España Vaciada.

Todo accesible e a baixo prezo.

Agora ben, este baleiro distópico que pode traer a COVID non acabaría cos canóns do Miño e do Sil, non tragaría os embarcadoiros, non arrasaría os alicerces dos edificios e non devoraría os viñedos. Todo seguiría aí pero sen xente para desenvolvelo.

E esa é a clave da distopía que nos ameaza: todo accesible e a baixo prezo. Alguén podería facerse con hoteis, bares restaurantes a prezos irrisorios e crear neles empregos con salarios irrisorios. Adegas internacionais terían viñedos ao seu alcance por catro cadelas; viñedos que permitirían facer tanto viños de calidade como purrelas porque tamén habería man de obra suficiente: ao fin e ao cabo a xente ten que comer e despois da COVID calquera salario será ben recibido. E nos montes onde se botaba forraxe para o gando ou cultivos de comercialización agraria, agora podería haber unha marea de invernadoiros con todo tipo de cultivos transxénicos a cargo dunha lexión de falsos autónomos que cobrarían a razón de 400 euros mensuais por xornadas de 90 horas semanais.

O primeiro é a saúde, si. Tamén a mental. Así que procuremos evitar rebrotes ata que chegue a vacina para non ter que ver como seguen pechando empresas e negocios na nosa Ribeira Sacra. Porque o escenario antes descrito non é nada que non poida acontecer. E sempre haberá quen teña a tentación de escorrentarnos a todos para converter esta zona no seu couto privado, no pelotazo dos seus sonos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here