InicioOpiniónCousas Xacobeas: os "Laudantes Deum" e a acollida aos pelegríns

Cousas Xacobeas: os “Laudantes Deum” e a acollida aos pelegríns

Non ten explicación que tendo sido solicitada, hai anos, a declaración de Ben de Interese Cultural para o Mosteiro da Madalena, non teña recibido a máis mínima atención esa solicitude, cando a especificidade deste “Hospital:Mosteiro”, o feito de que o seu nacemento e desevolvemento ao longo dos séculos fose froito dun pulo “local e comarcal”, sen incardinación en ningunha poderosa orde relixiosa, xustificaría o máis solemne dos recoñecementos.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Autorizados polo bispo lucense, os dous pelegríns italianos para ofrecer a carón da Capela de San Brais da Vilanova de Sárria un lugar onde  exercitaren a caridade da acollida aos camiñantes que ían cara Compostela, os primeiros 50 anos do século XIII viron medrar o establecemento onde recibían ás persoas que facían a pelerinaxe xacobea.

Baixo o nome de “Laudantes Deum” un pequeno grupo de relixiosos facían vida común, á beira da Capela de San Brais, e ben perto das capelas de Santa María de Barbadelo e Santiago do Mercado. 

O primeiro documento coñecido, que fai referencia á nacente institución  está datado no ano 1219, e é unha escritura de empréstimo outorgada polo Bispo de Lugo Don Ordoño a favor de Vidal Pérez, morador na Vila Nova de Sárria, e no que figuran os nomes de Fernando Cervario, comendador, Pedro Miguélez, hospitaleiro, e Fernando Pérez, frade do hospital. O que proba que había xa unha curta comunidade, que foi o xermolo dos  635 anos de vida claustral desenvolvida nas sucesivas edificacións onde con carácter de finalidade única, os relixiosos alí habitadores, acolleron aos pelegríns, dándolles leito, lume e sustentación.

Estamos diante dunha institución singular, xa que desde as súas orixes, o que acabaría consagrado como Mosteiro de Santa María Madalena de Sárria, da man dos seus frades, estivo sempre aberto ao xesto da caridade  para cantos ás súas portas chamaron.

Este feito, o de ser a única orde relixiosa que, ademais dos labores de apostolado propio de institucións semellantes, foi unha orde autóctona (sarriá e galega) fiel por más de seis séculos á motivación primeira, e baixo de diferentes formas xurídicas (eremitorio, mosteiro-hospital autónomo, mosteiro suxeito ao Orde de Santo Agostiño…), debe ser destacado, xa que ese multisecular labor só foi posible grazas ás aportacións que para o seu mantemento se foron recibindo e establecendo nas terras de Sárria e de Lemos.

Solicitando a declaración de BIC

O “sitio histórico” San Brais de Vilanova-Santa María Madalena de Sárria, por esa singularidade de estar vencellado, nos seus primeiros 368 anos a unha orde “local” e “ galega”, merecería, só por iso, maior atención e recoñecemento. Polo tanto non ten explicación que tendo sido solicitada, hai anos, a declaración de Ben de Interese Cultural para o Mosteiro da Madalena, non teña recibido a máis mínima atención esa solicitude, cando  a especificidade deste “Hospital:Mosteiro”, o feito de que o seu nacemento e desevolvemento ao longo dos séculos fose froito dun pulo “local e comarcal”, sen incardinación en ningunha poderosa orde relixiosa, xustificaría o máis solemne dos recoñecementos, tanto para os relixiosos que alí se abriron á acollida de romeiros, como para  aqueles sarriaos que  coas súas doazóns e pagamentos de rendas, sostiveron esa orde autónoma e autóctona e o seu Hospital, cuxa finalidade principal, podemos dicir “única”, era a de acoller aos camiñantes que “ ían para Compostela”.

Cincuenta anos despois de se estableceren os relixiosos, beira do camiño xacobeo e baixo o teito de San Brais da Vila Nova, a orde primitiva debía xa dispoñer de abondosos recursos, o que chamaría a atención do bispo de Lugo e do arcediago de Sárria, de tal xeito que uns e outros chegaron a un acordo para a regulación dos asuntos “económicos” derivados  da xestión do hospital e de todo o relacionado cos pelegríns.

Porta románica Madalena

O día de Nadal do ano 1251, Frei Abril, superior da comunidade dos “Laudantes Deum”, por el e polos seus sucesores prometeulle reverencia filial ao Bispo de Lugo, Don Miguel, e “a cantos despois del ocupen a cátedra episcopal, e tamén ao Arcediago de Sárria F. García .

Coincide este documento co tempo no que se empeza a alzar a obra do mosteiro que iría a substituír as primeiras e pobres edificacións a carón de San Brais.

Conviñeron en que, no caso de que os frades deixasen a Casa, a igrexa e todas as súas pertenzas voltarían á Igrexa de Lugo, que os frades terían que pagarlle á Mitra a renda aneira de dez soldos, polo tempo da Virxe de Febreiro e regulando ademais, que lle correspondía ao Arcediago sarriao o desmo das esmolas e as terzas das mandas que “se receban para a obra, así  como dos traballos a feitos e por facer no dito lugar e nas súas herdades e posesións,” e terán tamén que entregaren a terza funeraria, ademais da terza das mandas dos pelengríns que se adequiran na Casa.

O documento de acatamento e obediencia foi dado a coñecer por vez primeira por don Francisco Vázquez Saco e, sen dúbida, apunta ao tempo de construción da primeira igrexa mosteiral, a románica, da que só restan unha porta e un arco toral debidos á Orde dos “Laudantes Deum”, anos antes da consagración posesoria da orde dos “Madalenos”.

ÚLTIMAS

Monforte estrea novo furgón de atestados para a Policía Local

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o novo furgón de atestados para...

Redes Lilas visibiliza en Sober ás mulleres asasinadas en España no último ano

Esta semana tivo lugar a terceira actividade da programación feminista de 'Redes Lilas', proxecto...

Concerto do violonchelista Carlos Vidal, o 14 de abril en Sober

O músico, Carlos Vidal, ofrece o domingo, día 14, un concerto de violenchelo en...

María Vázquez será ‘pregoeira na súa terra’, na XXI Festa da Carne ao Caldeiro

O domingo 14 de abril terá lugar unha nova edición da Festa da Carne...