HomeOpiniónTempo irrecuperable, oxalá non sexa así

Tempo irrecuperable, oxalá non sexa así

OPINIÓN: "Estou seguro de que unha vez que se abra, xa ningún goberno de ningún partido terá os santos…ladrillos de volver pechar sen ter unha mínima evidencia científica." Andrés Pavón.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Unha das películas máis memorables da historia do cine “En el nombre del padre”, de Jim Sheridan, ten como argumento as consecuencias dos atentados cometidos en dous pubs da localidade inglesa de Guilford. Na tamén maxistral “El Padrino”, Michael Corleone entra no mundo da mafia ao cometer un doble asasinato nun restaurante italiano. Previamente, Luca Brassi fora asasinado nun night-club. Igual que Frankie Pentangelli sufre un atentado nun bar de Nova York ou Frodo Corleone desvélase como traidor á familia nunha sala de festas de La Habana.

Os da miña quinta lembramos cando só había dúas canles de televisión e todo o mundo vía “Cheers”, as andanzas dun grupo de amigos en torno a un bar de Boston. Inesquecible é tamén a escena dos borrachos facendo cola na taberna da vila de “Amanece, que no es poco”. E non podo deixar no tinteiro as escenas da bolera en “El gran Lebowski”, do mellor que levo visto.

Na novela seriada “La Taberna”, Émile Zola describe de xeito maxistral a vida da clase obreira francesa en torno a un local público onde acuden beber os diferentes personaxes. Fragmento mestre da literatura universal son as andanzas de Don Quijote e Sancho Panza cando chegan á venta onde serve Maritornes.

Non podemos deixar de citar o cadro “El triunfo de Baco”, de Velázquez, onde un grupo de amigos comparte escena co deus en torno a unha botella de viño. Ou as menos coñecidas pero tamén xeniais pinturas do neerlandés Jan Havicksz Steen e as súas representacións da taberna en que discurriu a súa infancia.

El triunfo de Baco / museodelprado.es

Foron os romanos os que crearon as “tabernae” que co andar dos séculos derivaron nas múltiples formas e modalidades que teñen o que hoxe coñecemos como locais de hostalería. Pero en calquera civilización mesmo anterior ao imperio romano e en calquera parte do mundo se desenvolveron lugares nos que comer, beber e pernoctar. Co andar do tempo, eses establecementos permitiron crear milleiros de expresións artísticas como as anteditas, que xa forman parte do mellor legado cultural da humanidade.

Oxalá non sexa así

Do que aconteceu coa hostalería ao longo deste ano de pandemia xa levamos todos escrito e falado abondo. E con escaso éxito para os intereses dos hostaleiros. O único certo é que non hai evidencia científica de que a famosa canle HORECA teña sido foco de contaxios. E que polo camiño quedaron milleiros de postos de traballo e centos de negocios. Queda por comprobar se se cumpre o que moitos barruntamos e que derivará en que se concentre a oferta hosteleira en poucas mans, cuns servizos deshumanizados e unha precariedade laboral certa. Oxalá non sexa así…

Queda, si, confiar en que as famosas axudas que as diferentes administracións prometeron para reflotar o sector cheguen a tempo. É posible que así se salve unha parte do tecido empresarial vencellado á hostalería e que abrangue dende a distribución ao transporte ou os seguros. Tamén sería desexable que desta volta os responsables públicos nos eviten liortas entre eles por saír na foto. 

Agora anúnciase o levantamento de parte das restricións leoninas que se impuxeron a bares, cafés, pubs, restaurantes e hoteis. Sen botar salvas de alegría porque aínda non se sabe se será mellor abrir ou seguir pechados. Eu opino que sería mellor agardar ata o 6 de marzo. Por tres motivos. O primeiro porque para aquela é posible que a vacinación xa se comece a notar e porque a ola estará máis controlada grazas á prohibición de reunións de non conviventes e os horarios de apertura serían suficientes para –polo menos- non perder cartos. A segunda porque é comezo de mes, os petos están máis cheos e a primavera xa asoma o fuciño. E a terceira, porque estou seguro de que unha vez que se abra, xa ningún goberno de ningún partido terá os santos…ladrillos de volver pechar sen ter unha mínima evidencia científica.

CCA Chantada (arquivo) / tabladeflandes.com

Sen dúbida, centos de creadores por todo o planeta xa estarán traballando en guións, borradores, bocetos e portfolios deses que están agora de moda nos que terán a pandemia e as súas causas e consecuencias como eixe central. Por desgracia, ningunha desas expresións audiovisuais, literarias, pictóricas ou doutro tipo terá como escenario un local de hostalería. Os nosos dirixentes optaron por parecer europeos no canto de selo. E, todo sexa dito, contaron co apoio dunha serie de paramédicos que aplaudiron decisións guiadas polo medo (cando non polo “onde vas, Vicente?”) e por un europeísmo pésimamente entendido. 

En fin, como a Ribeira Sacra é prolífica en creatividade, podemos confiar en que máis dun dos nosos veciños virá curar esa cicatriz que o peche da hostalería deixou no corazón da arte e da cultura.

ÚLTIMAS

Declaración institucional do Concello de Monforte co gallo do ‘Día Internacional da Muller Rural’

En reunión do pasado luns 7 de outubro, a Xunta de Goberno Local do...

Éxito da actuación de regueifas en Ribas de Sil

Baixo o título de "Regueifas de Bergantiños a Ribas de Sil e a Quiroga",...

Máis dun millón de euros destinou a Deputación a Monforte neste ano, o PP critica a Tomé por discriminar ao resto de concellos

Lembran os populares que no pasado mes de abril o presidente asinara, por decreto,...

O 16 de outubro Pantón sóbese ao autobús do teatro

O autobús que levará aos veciños e veciñas de Pantón sairá ás 14:45h de diante do BBVA. A cita será ás...