InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: O descanso sen descansar das...

Así viviamos hai un ano a pandemia: O descanso sen descansar das sanitarias

Algunhas profesionais do hospital buscan formas de illarse das familias para evitar contaxios; outras afrontan un "esforzo de contención emocional" para manter medidas de precaución.

Publicado o

POR
Ramón González Rey
- Advertisement -

Diario de corentena do 24 de marzo do 2020:

O meu descanso nestes días de traballo é saír de noite na aldea, cando non hai ninguén, a sacar o lixo. Comenteille a unha persoa querida que fora “dar un paseo” e riuse de min porque a camiñata son uns cincuenta metros. Pero gústame escoitar os sons da madrugada e sospeito que hai un benestar tamén un tanto sentimental, pois esas eran exactamente -máis ou menos a mesma distancia, o mesmo lugar- as últimas saídas de miña nai. Eses cincuenta metros son o meu descanso.

Penso estes días no pouco descanso que ten o persoal sanitario do Hospital da Mariña, en primeira liña de combate contra ese becho que nos dá medo a todos. Padecendo a sobrecarga de traballo de enfrontarse a unha emerxencia destas proporcións e a ansiedade por coidar dos pacientes e por convivir co riscoAta oito profesionais sanitarias do centro hospitalario mariñao están infectadas.

ALOXARSE SOAS

Unha enfermeira explícame as dificultades de moitas compañeiras que, ante o temor a contaxiar aos seus seres queridos de contraeren o coronavirus, estanse a buscar a vida para durmir noutros lugares. “Hai quen é de Ribadeo e veuse a Burela porque a súa parella é unha persoa de risco alto. Varias comparten un mesmo piso na vila. Outra mandou as fillas, o marido e a nai para outro domicilio”, enumera. Cada quen vai buscando como pode “unha solución”.

Pero hai quen non pode: “hai unha persoa que ten a súa nai, maior, e ten que estar con ela, porque senón queda soa“.

RUTINAS ESTRICTAS

Ela mesma está a facer rutinas estrictas. “As que convivimos con nenos na mesma casa, como é o meu caso, é un illamento como se fosemos nós positivos. Utilizamos un único baño, outra cama, comemos cando os pequenos non comen, e tentamos permanecer a dous metros”, explica. Desde cando levades así? “Desde que comezamos isto”, sostén.

“No meu caso estou co meu fillo e co meu marido, porque creo que isto pode durar e non me parece que sexa o mellor para un pequeno”, expón outra profesional. Pero teno claro: “se o pícaro fora máis grande, íame soa para un piso“, remarca. “Non estamos visitando a ningún familiar; imos do traballo ao traballo”, salienta.

“O ÚNICO SITIO NO QUE ESTAMOS BEN É NO TRABALLO”

“Psicoloxicamente esa parte si que nos pesa moito, emocionalmente, porque o único sitio no que estamos ben é traballando, aínda que poida parecer paradóxico”, indica unha das profesionais, que admite que “estamos a ofrecerlle á dirección dobrar quendas, renunciando aos descansos que nos corresponderían, cousas que na vida normal serían impensables, porque por suposto tamén nos gusta ter a nosa vida”, razoa.

Esta sanitaria engade que tras xornadas laborais da máxima esixencia “estamos saíndo unha hora despois do habitual. Duchámonos alí e por protocolo temos que cubrir uns papeis que nos deixou os preventivista, rexistrando en que habitacións entramos, en cales estivemos, etcétera, así que chegamos bastante tarde á casa”, expón.

Cando chegan á casa, hai que manter os dous metros. “É unha incomodidade permanente, que esgota, porque estamos na boca do lobo e nunca sabes se estás contaminada, se estás contaminando… E tamén tes que ir ao supermercado. Estou tentando mirar a maneira de mercar a domicilio“, indica unha das traballadoras consultadas, que engade que “con nenos pequenos é moi difícil, porque calquera lles di que non poden tocar ou abrazar a súa nai”.

DESCONECTAR, “IMPOSIBLE”

Hai maneira de desconectar deste tema omnipresente? “Non das desconectado, porque estás pendente de todo”, sinala unha. “Non es capaz, porque estás mirando das compañeiras, dos pacientes… A cuestión está sempre nos medios de comunicación… Nunca te liberas diso”, relata outra.

“Fíxate na fortaleza desa xente, que é capaz de deixar o medo na casa e ir traballar, e aprender tamén a ser responsable con todas as medidas que ten que seguir, cambiantes seguramente todo o tempo. Eso supón un cansancio mental tremendo, esgotador”, expón a psicóloga Carmen Rubiños, directora da residencia de maiores de Ribadeo.

“A casa é un pouco o noso refuxio, onde nós nos quitamos o uniforme, e estas persoas teñen que, cando chega, despois de traballar baixo presión, facer un esforzo de contención emocional aínda maior: nun contexto coma o noso no que estamos moi acostumados a tocarnos, abrazarnos… Non bicar os nenos, non collelos no colo”, expón. Advirte de que “o cansanzo mental que esa xente vai ter, mesmo cando todo cabe, é importante. Esas profesionais deberán coidarse porque a fatiga mental pesa”, alerta.

“PENSAMOS EN PASAR DOUS MESES”

“Cando todo acabe” é a parte da frase á que se agarran. “Eu penso en que son dous meses“, dime unha das sanitarias consultadas. “Sesenta días nos que agardemos que esteamos estabilizados e a cousa controlada”, indica. Quizais cada un de nós, de quedar na casa, de -como soen dicir- “coidar a quen nos coida”, poida quitarlles un día de angustia. É unha maneira de velo, un día menos, ou un centímetro máis. Cada quen o seu centímetro ata xuntar os cincuenta metros.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...