InicioOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Series repetidas

Así viviamos hai un ano a pandemia: Series repetidas

Estes días de reposicións na tele preguntaban que nos gustaría que se recuperase: quédome con 'Doctor en Alaska', que non está nas nosas bibliotecas de Alexandría do audiovisual.

Publicado o

POR
Ramón González Rey
- Advertisement -

Diario de Corentena do 10 de abril do 2020:

Estes días de reposicións na televisión -os Tours de Induráin, a Recopa do Zaragoza, mesmo o programa de Eva Nasarre– preguntaban por Twitter que serie nos gustaría que repetisen para aliviar a corentena por mor do coronavirus. Houbo quen pediu ‘Luz de luna‘, aquela traxicomedia vertebrada sobre unha relación de amor/odio entre Cibyll Shepherd e Bruce Willis, ambos detectives privados. Lémbrome que a vía tirado na alfombra, con cinco ou seis anos, o resto da familia no sofá, e desde entón ningún sitio me volveu parecer tan cómodo coma o chan da ‘salita’.

Outros falaban de ‘Aquellos maravillosos años‘ e tamén saíu ‘Canción triste de Hill Street‘. Pero se teño que elexir unha, quédome con ‘Doctor en Alaska‘. Que, por certo, non está en Netflix nin en HBOesas bibliotecas de Alexandría do audiovisual.

CONTRA A IDEOLOXÍA DOMINANTE

A historia da que parte é manida e pódelle pasar a calquera. Imaxine que obvia a letra pequena dun contrato e que vostede, que é unha promesa da medicina, que adora a urbe e o ruído e os teatros e os gin tonics en copa de balón, acaba no medio da tundra. Vostede que só viu animais no zoo e que aínda confunde o coñecemento coa sabedoría. Imaxine que as súas ambicións de ascenso social acaban nunha clínica sen instrumental, ao cargo dunha colección de pacientes excéntricos. O peixe fóra da auga é Joel Fleischmann (Rob Morrow), desterrado do seu hábitat, Nova York, á remota aldea de Cicely.

Éxito de público e crítica, o inesperado triunfo de ‘Doctor en Alaska’ -a CBS encargou a serie para encher un baleiro puntual na programación- é o dunha visión a contracorrente. Na última década do século pasado, o capitalismo afirmaba a súa hexemonía, cos Estados Unidos á fronte; as cidades engulían o rural e comezaba unha nova era tecnolóxica, a da información. Desde o corazón do imperio, Joshua Brand e John Falsey lanzaron unha fábula sen tramas de intriga na época de ‘Twin Peaks‘, cargada de filosofía zen e centrada na periferia.

UNHA RESERVA DE HUMANIDADE

O mérito dos creadores de ‘Doctor en Alaska’ foi construír un lugar de resistencia, un edén de xente pirada que se perdeu “a fin da Historia”. Os valores da ideoloxía dominante resbalan nesta delirante terra de utopía por moito que se empeñe o máis parecido a unha representación do mal -un mal sen trampa, entrañable- que hai en Cicely: é Maurice Minnifield (Barry Corbin), un ex astronauta da NASA metido a cacique que soña con convertir a natureza virxe nun paraíso de antenas e centros comerciais.

Os triunfadores trala fin da Guerra Fría -as aves de rapiña do mercado libre, os fillos da clase media ávidos de medrar- quedan retratados ao contacto cunha reserva de humanidade fundada por dúas lesbianas, na que os indios sentan á sauna cos xudeos, os sesentóns procrean con adolescentes e o pastor espiritual é un ex convicto (leña ao puritanismo!). En Cicely, o cadáver dun descoñecido vélase como se fose o dun amigo (como xustificar un imperio cando un se recoñece no outro?) e os vellos bailan cos novos sobre a súa propia tumba (como hipotecar a vida por medo ao futuro?).

NIN “PLOMO” NIN “PLATA”

En seis tempadas, 110 capítulos, os guionistas meten aos personaxes en todas as leas importantes da vida: o amor e a perda, a amizade, o sexo, a procura de raíces, a morte. Fano con todo o poder evocador da palabra e da música. Fano cun humor tan tenro como corrosivo. Cando o protagonista se caga por unha pata por ter que declarar nun xuízo, Shelly, unha camareira ex modelo, lembra a súa inseguridade nas pasarelas, con todas esas miradas que te percorren. “Lamento desprezar a túa experiencia, pero eu non compararía un concurso de beleza cun tribunal de xustiza”, di Joel. “Talvez”, responde ela mentres rumia no chicle, “pero no fondo son o mesmo”.

A festa só decae na última entrega, cando a marcha de Morrow descolocou a David Chase -o mesmo de ‘Los Soprano‘-, para entón responsable da serie. Pouco importaba xa. Ficaba un refuxio onde sempre se pode volver. Estes días que vai frío estando na casa, que non temos o corpo nin para “plomo” ni para “plata”, que tememos polos nosos vellos, que se nos foron e irán ao traste plans grandes e pequenos, que ben estaría atoparse de novo no inesquecible paisaxe humano de ‘Doctor en Alaska’. Sentirse vivo, perecedoiro. Escoitar como rompe o xeo.

ÚLTIMAS

210.000€ para a mellora de tres estradas provinciais en Chantada e no Saviñao

No caso de Chantada, a Xunta de Goberno acordou licitar a mellor de dúas...

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...