InicioOpiniónNosoutras: Pisadas que deixan pegada

Nosoutras: Pisadas que deixan pegada

#OPINIÓN: A educación que lle inculca coincide coa liña de garantir que ela non vexa limitadas as súas posibilidades na vida por ter nacido muller, que poida actuar coa mesma liberdade que un home na nosa sociedade e que acade todos os éxitos e obxectivos que ela se propoña.

Publicado o

POR
Servizos Sociais Concello de Sober
- Advertisement -

A miles de quilómetros de distancia, cunha pantalla de por medio e coa sensación cálida de estar fronte a fronte, contactamos con Samanta Fernández, a protagonista deste relato. Sen dúbida algunha, atopámonos ante unha muller feita a si mesma, trotamundos dende que ten uso de razón, loitadora, sorrinte e emprendedora. Samanta é un claro exemplo da inexistencia de límites, da capacidade de non deterse na busca do que verdadeiramente nos fai ser.

Samanta naceu en Sober e con ela fíxoo a motivación de querer explorar e coñecer mundo. Ós doce anos marchou xunto a súa familia cara a cidade de Ourense, pero, como ben insinúan as súas palabras xunto o seu incesante sorriso, o noso concello, o seu, é infancia para ela; arume a matanza, xuntanzas baixo o cheiro da leña queimándose, amigas coas que compartir tardes eternas de verán e xente humilde e querida. Sen dúbida, Samanta ten unha conexión especial e fermosa con Sober.

O mesmo ca eles, gozar da súa liberdade

Viviu unha adolescencia similar a de calquera moza galega, medrou no seo dun grupo formado por rapaces e rapazas no cal, a día de hoxe, é quen de identificar neles as primeiras condutas machistas. Neste sentido, revive cunha clara expresión de rabia contida os insultos que os mozos adicaban ás mulleres que facían exactamente o mesmo ca eles: gozar da súa liberdade. Por aquel entón, de xeito inconsciente e por descoñecemento, Samanta escapaba do feminismo. Non foi ata máis tarde, vivindo en Barcelona, cando comezou a reflexionar sobre cal era o papel que as mulleres da súa familia desempeñaban, que lugar ocupaba cada unha delas, cales eran os privilexios cos que contaban os homes que ela coñecía e tamén os que descoñecía. Foi así como, nunha intensa viaxe cara a cultura patriarcal e os seus significados, tomou consciencia da importancia de adicar o seu tempo e esforzo a tentar mudar esta realidade.

Esta problemática foi proxectada tamén en cada unha das súas múltiples viaxes. Samanta mostra unha clara paixón por despegar as ás viaxando, pois a súa traxectoria vital, asegura, sempre estivo marcada polo desexo de coñecer outra xentes e culturas, países situados en calquera dos puntos cardinais onde as realidades son ben distintas entre si, pero as cales gardan máis dunha relación. Entre elas, o papel que a muller asume en todas e cada unha destas sociedades. Samanta responde, sen dubidar, que eran elas, na totalidade de países que transitou, as encargadas do groso dos coidados da casa e das crianzas. Manifesta que o sexo feminino se atopa relegado ao ámbito privado -salvando as distancias entre culturas- e que, en maior ou menor medida, observaba unha repetición inxusta que respondía á discriminación que vimos vivindo dende tempos inmemorables.

Cando na súa vida chegou o momento de emprender, quixo dedicarse ao marketing dixital, un emprego recente no que atopou grandes profesionais (mulleres) dedicadas ao mesmo. Foi nese intre cando, movida polo desexo de trocar a realidade, apostou pola idea de axudar ás súas iguais, pechou as portas ao mundo masculino e centrou os seus folgos en posibilitar que outras mulleres puxeran en marcha as súas ideas de negocio. Samanta sentiuse cómoda movéndose neste eido e explica a presenza feminina dentro da súa profesión cando, con total convencemento, comparte con nós que soen ser elas as encargadas de ocupar este espazo nas empresas, mentres, segundo a súa experiencia, son homes os que xeralmente atopamos en postos directivos e de poder.

O seu sorriso regresa á entrevista cada vez que nomea a súa filla, Lila. A protagonista desta historia manifesta estar pendente de non inculcarlle valores machistas, pois aínda que non sexa o desexado, “é co que eu medrei”. A educación que lle inculca coincide coa liña de garantir que ela non vexa limitadas as súas posibilidades na vida por ter nacido muller, que poida actuar coa mesma liberdade que un home na nosa sociedade e que acade todos os éxitos e obxectivos que ela se propoña.

Así pois, para Samanta viaxar, vivir, compartir e aprender fíxolle abrir os ollos e decatarse de que, se todas e todos utilizásemos gafas de cor lila, avanzaríamos máis rápido e chegariamos máis lonxe, pois o xénero non é máis ca un construto social no que todas as persoas temos a obriga moral de asumir responsabilidades e contribuír a un cambio real, xusto e igualitario.

ÚLTIMAS

Unha apertura de portas nun encoro pon en perigo a dous pescadores en Carballedo

Os pescadores puideron saír polos seus propios medios despois de pedir axuda ao 112...

Os libros protagonizan varias actividades en Bóveda

O programa Ler Conta Moito trouxo este martes ata o Centro Sociocultural de Bóveda...

Mes dos Libros e das Letras Galegas na Biblioteca Municipal de Chantada

A primeira proposta será o 26 de abril ás 18:00h con Conta e canta...

O PP urxe a mellorar a ponte da estrada provincial LU-P-1305 en Folgoso do Courel porque “está caendo sobre o río”

O Grupo Provincial Popular esixe que a Deputación de Lugo coloque sinais de advertencia...