HomeOpiniónOPINIÓN: Tontos ou santos

OPINIÓN: Tontos ou santos

A tensión social respecto do xabaril medra e, malia que as árbores (Covid) non nos deixen ver o bosque, o conflito persiste tendo como centro de gravidade permanente os danos causados polas especies que se declaran como cinexéticas.

Publicado o

POR
Manuel Arias, SAT Seixas
- Advertisement -

Parafraseando ao sabio Frei Luís de León «Dicebamus hesterna die» diciamos onte. E non o digo cun sentido pretencioso senón como un vencello entre o pasado recente e o presente, logo deste paréntese triste e fúnebre que nos obrigou a abrir a Covid-19, asolagándonos nun mundo descoñecido, imprevisible, esquivo, envolto nun halo de morte, tristeza e distanciamento social no sentido máis estrito da expresión, máis aló do regulamentario. Con esta frase roubada, Diciamos onte (hai quen afirma que Frei Luís de León nunca a pronunciou) quero reafirmar o meu espírito libre, resistente ante vento e mareas, xuízos e difamacións, persecucións e danos tanto económicos como psicolóxicos, firme como Frei Luís de León se mantivo fronte á Inquisición. O tempo voa, cantaban Los Pekenikes, e hai xa dous anos do primeiro escrito sobre a particular pandemia da sociedade rural que, ao igual que a do estraño virus, tórnanos desconfiados, divídenos como sociedade e lévanos a protexer o propio fronte ao tan manido interese xeral. 

Neste período de entreguerras nada cambiou na “corte” do villano xabaril.  O meu respectuoso e solidario silencio durante este tempo para nada significou ESQUECEMENTO. Mais si reflexión que me leva a imaxinar solucións e buscar solidariedade en persoas e entidades conscientes do problema, dispostas a reivindicar e atopar un necesario equilibrio entre as partes implicadas.

Cazadores en Triacastela (Lugo). LIBERA | Fonte: Europa Press

E en que punto nos atopamos? No centro do círculo desa órbita que debuxan os entes cun interese particular e determinado en toda esta fauna, TECORES, ASOCIACIÓNS E FEDERACIÓNS DE CAZA MENOR E MAIOR, SINDICATOS, ADMINISTRACIÓN, MONTES VECIÑAIS. No centro desta traxectoria orbital está o agricultor, o gandeiro…o apestado. Porque non existe ninguén máis inoportuno que quen pretende reclamar o que xustamente lle pertence e que a Lei lle recoñece. A tensión social respecto do xabaril medra e, malia que as árbores (Covid) non nos deixen ver o bosque, o conflito persiste tendo como centro de gravidade permanente os danos causados polas especies que se declaran como cinexéticas.

Planetas que se moven no círculo

En todo problema social o centro da diana resulta ser sempre a Administración e neste non fago excepción. Sen embargo, dediquémoslle un pouco de tempo aos planetas que se moven no círculo ocupando esa órbita que rodea o medio rural:

1. LEI DE CAZA. Cando Galicia asumiu as competencias en materia de caza a través do seu Estatuto de autonomía, fíxoo co designio de orientala non só polos rumbos da nosa tradición cinexética senón tamén como un instrumento importante para o desenvolvemento rural. Dende entón, publicáronse a Lei 4/1997, de 25 de xuño, de caza de Galicia, modificada parcialmente pola Lei 6/2006, de 23 de outubro, e pola Lei 2/2010, de 11 de febreiro e que non puideron facer fronte ao conxunto de problemas que presentaba o exercicio da caza en Galicia. A actual Lei 13/2013, estrutúrase en seis títulos, noventa e sete artigos, cinco disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derogatoria e unha disposición final. Os seus obxectivos son os seguintes: a) Propender cara unha caza máis ética e responsable. b) A sutentabilidade da caza en harmonía co medio natural en que se desenvolve. c) A mellora da calidade dos instrumentos de ordenación como a mellor garantía da sustentabilidade. d) Unha distribución máis xusta da responsabilidade polos danos causados polas especies cinexéticas. e) A seguridade na actividade cinexética, non só para os cazadores e cazadoras senón tamén para os demais usuarios e usuarias do monte. f) A dinamización económica do mundo rural a través da explotación cinexética. g) Un réxime sancionador claro e preciso.

Se lemos os Estatutos de calquera TECOR OU ASOCIACIÓN DE CAZA seguro que coinciden os fins. Din todos o mesmo. O importante é encher contido, empregar palabras que, por si soas, xa nos describen o concepto (sustentabilidade, ordenación, distribución, xustiza, dinamizar…). Non existe texto referente ao mundo rural en que non se repitan esas mesmas palabras, pero falta aínda quen nos explique o seu significado e xa non digamos que o saiba aplicar na realidade social.

2. TECOR. Terreo cinexético ordenado. Terreo susceptible de aproveitamento cinexético especial declarado e recoñecido como tal mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de caza, e na cal a poboación cinexética ha de estar protexida, fomentada e ser aproveitada de forma ordenada. Para a constitución dun TECOR acreditarase a titularidade cinexética dunha superficie mínima e continua de 2.000 hectáreas que, en ningún caso, será menor de dez anos. Din que se os tecores desaparecen o problema se agravará. E eu digo e que fan estes para que o problema non se agrave? Pois iso, dicir que se van.

3. ASOCIACIÓN DE CAZA MAIOR DE GALICIA. Supoño que son membros de pleno dereito dos distintos TECORES de Galicia. Digo “supoño” porque estes van por libre exhibindo a súa opulencia e status de poder. A lei recoñéceos como unha modalidade de caza. Eles recoñécense como os amos, os seres superiores. Da Asociación de Caza Maior de Galicia pódese destacar como un dos seus meirandes logros os cambios na Orde de Vedas de Galicia ao conseguir recortar a temporada do xabaril en mes e medio a fin de evitar a caída en picado das poboacións en boa parte de Galicia. Éxito que lles fai sentir un gran orgullo como Asociación. Todo dito.

4. UNIÓNS AGRARIAS (UU.AA.) – UPA Organización profesional que agrupa, representa e defende os intereses dos profesionais da agricultura e a gandaría en Galicia. En fin…

5. A ADMINISTRACIÓN. Leva séculos aí e está porque ten que estar.

E faltamos nós, os agricultores e gandeiros. En minúsculas porque nunca estamos, porque nunca nos chaman, porque o damos todo e non recibimos NADA. Cedemos os terreos para que se constitúan os TECORES (2.000 hectáreas por se non ha quedou claro), soportamos os danos, damos as grazas pola sustentabilidade, ordenación, distribución xusta da responsabilidade, dinamización económica, por unha caza máis ética e responsable…Si, por todo iso que son os fins e obxectivos da Lei 13/2013.

Damos as grazas á Asociación de caza Maior por reducir en mes e medio a tempada do xabaril, por promover o FONDO DE CORRESPONSABILIDADE para afrontar os danos, no cal nos inclúe, por fomentar a “dispersión de cultivos” para evitar a concentración da fauna, por eses danos causados polos xabaríns fóra de cupo que posiblemente sobreviviron porque se reducira un mes e medio a temporada de caza, por regalarnos a res nullius (esa peza que é de todos) pero prohibirnos cazala.

Damos grazas a UU. AA. por reunirse cos TECORES e esquecer aos seus “representados”. Grazas, sobre todo, por impulsar a conciencia e a necesidade de asociarnos, por facernos entender que quedamos sós co problema e a obriga de buscarlle solución.

Grazas á Administración por non facer NADA e deixar en mans de todos os anteriores o debate sobre unha solución que nunca chegará porque seguiremos vivindo entre divagacións, entre discursos solemnes que apenas serven para retroalimentar o espírito destes salvapatrias ególatras que cada certo tempo nos intentan confundir con outra ocurrencia co único fin de roubarnos un tempo precioso que evitaría outro desastre, outra ruína pero que a eles lles permite perpetuarse nos seus privilexios.

Para chorar!

Os danos provocados polo xabaril avanzan como lapas impulsadas polo vento, ás perdas súmanse os gastos xudiciais e de peritaxe, o traballo multiplícase, resementar catro hectáreas de millo non é o mesmo que asistir a unha churrascada o día de caza. A frustración empeza a deixar a súa pegada, a ilusión morre en moitos casos, os ollos secos polo cansancio e o insomnio xa non brillan e como “placebo”, que diría Francisco Chan Méndez, a Xunta recéitanos 2.000 euros para ir tirando.

Xabaril | Fonte: Xunta.

Para chorar! Estamos sós e o clavo ardendo ao que agarrarnos é o Artigo 62 da Lei 13/2013: Responsabilidade polos danos que causan as especies cinexéticas.

1. A responsabilidade polos accidentes de tráfico causados pola irrupción de especies cinexéticas nas vías de circulación rexirase polo disposto na lexislación de tráfico.

2. Nos demais casos, quenes sexan titulares dos aproveitamentos cinexéticos en terreos suxeitos a réxime cinexético especial responderán polos danos que causen as especies cinexéticas que procedan de ditos terreos, salvo que o dano teña sido debido á culpa ou neglixencia de quen teña sufrido o perxuizo ou dun terceiro alleo a quen é titular da explotación ou por causa de forza maior.

3. A consellería competente en materia de caza responderá polos danos causados polas especies cinexéticas procedentes dos terreos sometidos a réxime común, tecores autonómicos da súa administración, reservas de caza, refuxios de fauna e calquera outro terreo cuxa administración e xestión corresponda a dita consellería.

4. A Xunta de Galicia, no exercicio das competencias que lle son propias, constituirá un Fondo de Corresponsabilidade para contribuir á prevención e compensación dos danos que causan as especies cinexéticas nas explotacións agrarias. Dito fondo nutrirase coas aportacións económicas da Administración autonómica.

5. Cando se producise a exacción de responsabilidade patrimonial polos danos causados por especies cinexéticas, quen teña sufrido o perxuicio, nun prazo que permita a quen ten a titularidade cinexética a valoración dos danos, haberá de poñer no seu coñecemento tal circunstancia, a fin de que poida efectuar a súa valoración.

Estamos sós, pero loitaremos ata a nosa última gota de suor, ata o noso último suspiro, ata o derradeiro alento, se logramos vencer a nosa pena, o noso cansancio. Polo noso pasado, polo noso presente e polo noso futuro tamén venceremos o xabaril.

ÚLTIMAS

XII Ruta 4×4 Comarca de Sarria, do 15 ao 16 de novembro

Esta semana presentouse a XII Ruta 4x4 Comarca de Sarria, que se celebrará do...

Desde o 1 de xuño sen plenos no Concello de Ribas de Sil

Lembran os populares que ao comezo da actual lexislatura todos os grupos políticos con...

Monforte homenaxea a figura do guerrilleiro Ramón Yáñez Pereira, represaliado polo réxime franquista en Celanova en 1943

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu este luns na Casa da Cultura...

Clausúrase o Programa Integrado de Emprego de Chantada, mentres está en marcha unha nova edición para 100 persoas desempregadas

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración financiará con 220.000 euros un novo Programa...