InicioOpiniónO entroido é un bo antídoto contra a obediencia da guerra

O entroido é un bo antídoto contra a obediencia da guerra

Lembro irremediablemente aos nosos avós que foron levados á fronte do Ebro para matar aos nosos outros avós. A transcrición dun fragmento da folla de servizos do meu avó Manuel, que estivo na guerra española, certifica o drama padecido...

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez.
- Advertisement -

Hai un cuarto de século encontrei na libraría Follas Vellas, en Santiago de Compostela, un libro escrito por Hermann Hesse titulado, Sobre la guerra y la paz. Era o ano 1996 e andaba eu enfrascado en lecturas das que nunca nos falaban os profesores do instituto: Lobo estepario, de Hesse; Rebelión na granxa, de Orwell; Papillon, de Henri Charrière; Zaratustra, de Nietzsche; Germinal, de Zola, Tolstói, Saramago, Dickens… autores que respondían perfectamente á necesidade que tiña por aquel entón de encontrar respostas concretas ante as inxustizas e abusos que sufrían algúns seres humanos por parte de outros.

O individualismo é unha virtude

O primeiro dos artigos que compoñen Sobre la guerra y la paz data de 1914 e di sobre o profusamente criticado Goethe: «[…] por encima do gozo da nacionalidade alemana, que coñecía e amaba como ninguén, sentía o gozo da natureza humana». Este faro literario sitúanos ante o espello das nosas miserias: «[…] a culpa da guerra, a culpa da fame, a culpa de todo o mal e todo o triste non o ten unha idea nin un principio, témola nós, nós mesmos. E só pode rectificarse a través da nosa vontade». Estou convencido que o individualismo é unha virtude. A persoa individualista obedece á conciencia sagrada de cadaquén e non ás leis promulgadas por poderosos que deciden baixo a influenza de intereses partidarios. Nos tempos modernos, para facer amable a palabra «individualista» utilizamos outras como «carácter», «personalidade», «líder», «singular», «orixinal» ou «seguro».

Esta é precisamente a característica do entroido que tanto molesta a ditadores e caciques: firmeza, singularidade e orixinalidade. Todas as máscaras elixen espontánea e particularmente rebelarse contra o status quo das cousas, contra os convencionalismos sociais, transgredindo as normas. Durante o franquismo era o cura quen outorgaba ou retiraba permiso para que os veciños de Santiago d ́Arriba (Chantada) celebrasen o entroido: «ibamos onda el para que o autorizase e mandábanos antes que lle cavaramos as viñas. Despois poñíanos como condición que non nos meteramos co matrimonio nin co clero. Era o primeiro que faciamos». Os farrumecos que acompañaban ás elegantes parellas que comparecían nos bailes do fareleiro, corredoiro e entroido en Ribeiras de Miño (Pantón), facían rir á xente coa súa extravagancia: «aínda onte falei por teléfono cunha veciña que está na Coruña e lembramos aquelas historias do carnaval. […] Algún ía ata á Cova ou viñan os de Nogueira meterse con nós. Ai! que xuventú tan bonita foi aquela!».

Domingo Corredoiro 2022 en Santiago d´Arriba / X.V.

Mais cómpre recoñecer, especialmente, a figura do maragato no entroido ribeirao como paradigma do prohibido: insensatos, fornicadores, provocadores, herdeiros lexítimos dos xóvenes vestidos con peles que golpeaban ás mulleres con tiras de pel de cabra nas Lupercales celebradas o mes de febreiro na antiga Roma. O entroido é tan irreverente que os maragatos son agora tamén representados por mulleres. Cando aparecen pola vila, fóra do seu hábitat natural no Moredo, moven colectores, cambian mobiliario urbano de sitio, deteñen o tránsito e son temidos por crianzas e adultos. Non necesitarían ir a unha guerra porque as súas paixóns xa se fartan cada ano no ciclo festivo previo á coresma.

Insubmisos das balas

Quen vai a unha guerra non é heroe! É un miñaxoia, un malpocado que cumpre o mandato de estúpidos megalómanos. Quen envía armas a un conflito bélico desde miles de quilómetros de distancia é, ademais de pouco intelixente, un auténtico covarde. Heroes de verdade son as valentes mulleres e homes que renuncian a disparar aínda estando en medio da metralla. Son insubmisos das balas, prófugos que se guían polos propios principios morais descartando a mesquiña tentación de matar en nome dun goberno temerario. Teñen toda a miña admiración. Grazas a elas, grazas a eles, mantense a esperanza de salvagardar a cultura.

Lembro irremediablemente aos nosos avós que foron levados á fronte do Ebro para matar aos nosos outros avós. A transcrición dun fragmento da folla de servizos do meu avó Manuel, que estivo na guerra española, certifica o drama padecido: «El dia 18 de marzo [1938] fue destinado a la 82 división al frente de Teruel, tomando parte en los combates de Alfambra, donde prestó sus servicios en primera línea en la 2ª compañía; pasando a las operaciones de Sagunto (Castellón) y la batalla del Ebro y el Segre». Sobreviviu. Mais setenta anos despois continuaba tendo pesadelos por culpa daquela maldita guerra que hipotecou a súa vida. Para nada.

Esta noite, aínda impresionado polas imaxes que me enviaron a semana pasada tanto de familias sirias como de mulleres congoleñas, totalmente desamparadas nos campos de refuxiados gregos, só encontro palabras capaces de sosegar o meu pensamento nos contos de Antón Chéjov: «[…] Acabada a comida, Korosteliov sentaba ao piano e Dýmov dicíalle cun suspiro: -¡Xa ves, meu bo amigo! ¡Que lle vamos facer! Toca algo triste»

Domingo Corredoiro 2022 en Santiago d´Arriba / X.V.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...