HomeOpiniónOPINIÓN: Da desmemoria á memoria polas rúas de Chantada

OPINIÓN: Da desmemoria á memoria polas rúas de Chantada

A memoria do Cantón, a memoria de Zaquín, a memoria de Marín, a memoria de Pousada, a memoria de cada unha das casas abertas nas 320 aldeas do municipio de Chantada son probablemente a derradeira esperanza que nos queda para evitar a desaparición definitiva do patrimonio cultural herdado.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

Se subo da Alameda cara a Plazuela acostumo facelo polo Cantón, que está tan falto de ambiente como cheo de memoria. É difícil encontrar alguén. Ver unha conversa resulta case unha quimera. Mais hoxe, 1 de abril de 2022, dou fe que iso aconteceu exactamente á altura do número 4 da Rúa do Comercio. Eran dous homes e unha muller. Falaban apaixonadamente de política. As razóns eran contundentes: «son tan hipócritas que benefician ás eléctricas», «lexislan para eles», «estes daquí o mesmo», «embalse», «eólicos»… O descontento era evidente.

Seguín o meu paso devagar ata deixar de escoitar. Os favores concedidos polas diferentes administracións a oligarquías e riquezas estatais, autonómicas e locais é tan indecente que merece reprobación e escarnio público. ¿cando aparecerá unha moza valente capaz de facer un libro clarificador de tales verdades en Chantada?

O xenocidio cultural sufrido pola nosa terra nas últimas décadas é tema non tratado nas escolas por agora. Nos bacharelatos e universidades xa non se espera nunca discusión algunha sobre isto. O vindeiro sábado, 16 de abril, as veciñas e veciños de Campo da Vila, na parroquia de Santa Uxía de Asma (Chantada), prepararán o arco floral arredor do que se vén celebrando desde hai séculos o encontro ritual do Corpo Santo coa Santa da parroquia. Os coñecementos sobre a natureza e o universo indispensables para a continuidade desta práctica foron transmitidos oralmente de xeración en xeración. Sen embargo, esta cerimonia é unha reliquia en perigo de extinción que resiste polo empeño duns poucos veciños.

A realidade ofrécenos unha destrución continua da diversidade cultural

A realidade ofrécenos unha destrución continua da diversidade cultural existente nas parroquias de Chantada, especialmente de todo canto ten que ver coa memoria das comunidades locais. Lembro ao xenial escritor italiano, Pier Paolo Pasolini, que precisamente neste ano 2022 se conmemora o centenario do seu nacemento: «xenocidio cultural» -escribía el-, «desprezan aos que teñen outra vida, intentan asimilalos e domesticalos». A memoria é ocultada deliberadamente polos intereses económicos capitalistas e a complicidade imprescindible de alcaldes incapaces de establecer mecanismos que protexan á súa xente . ¿A que intereses obedecen as decisións dos gobernos municipais? ¿intereses comunitarios ou intereses eticamente discutibles?

Cantón de Chantada / LC

O relato dos feitos é narrado por diferentes suxeitos sociais que se apropian dos actos e representacións simbólicas que máis lles convén para manter o status e os privilexios, descartando aquelo que non constitúe parte da identidade que desexan impoñer. Nas rúas da vila apenas encontramos rastro de persoas, oficios, lugares, que si están presentes nos discursos de veciñas e veciños cando falan do pasado significativo que viviron e sentiron: «a fonte Arcada está hoxe cuberta de asfalto. Onde a fonte había unhas casiñas nas que vivía […] Don Paulino, que tiña unha librería no Cantón e facía de pregoeiro», «o café Capitol estaba nos baixos dunha casa ben bonita que tiraron hai uns anos. Agora puxeron unha chapa metálica no solar. Unha pena!», «ibamos mallar á aira dos Lorenzana», «bañarnos ás Fonteiriñas», «á Chapacuña mentres a mai lavaba a roupa», «as escolas», «os fornos», “herbas do San Xoán”, “festa do Carballo” e «a Emilia», «a Luisa», «o Ramón», «a Manuela», «a Beatriz», «o Daniel» e outros centos de nomes que nos deixaron un legado tan rico como valioso.

Necesitamos espazos de memoria

Necesitamos espazos da memoria, porque a memoria é xusta: «fixeron cartos, pero nunca cousa boa oín deles na casa» ou, pola contra, doutra familia dise que «moito traballaron para estudar ós fillos, e non deben nada a nadie». Creo firmemente que temos a obriga moral de recoñecer ás persoas honradas que loitaron por ter un bocado de pan que levar á boca dos fillos e fillas mantendo intacta a dignidade. Son moitas e moitos quen progresaron socialmente cara posicións económicas liberadoras sen caer no xugo clientelar que aínda existe entre os bastidores dos despachos consistoriais. Lembrar é a forma máis efectiva de derrotar definitivamente ao caciquismo.

A memoria do Cantón, a memoria de Zaquín, a memoria de Marín, a memoria de Pousada, a memoria de cada unha das casas abertas nas 320 aldeas do municipio de Chantada son probablemente a derradeira esperanza que nos queda para evitar a desaparición definitiva do patrimonio cultural herdado. Construír o futuro das crianzas nun mundo humanizado e respectuoso cos demais esixe identificar os sitios que habitamos e creamos, como facían ferreiros e canteiros: «na varanda da ponte da Alameda, no segundo ferro, nesta beira, está gravado MM. Son as iniciais de Manuel Montenegro, que foi o ferreiro que a fixo».

Plazuela / LC

Finalmente, chego á Plazuela e vexo coches, moitos coches, tamén contenedores verdes, amarelos, azuis, un mural do Folión de Carros, o edificio en ruínas, a chapa metálica e outra vez coches. Non me deteño e continúo pola Barxela ata encontrar, no final da rúa, un grupo de mozas fumando algunha das 143 cabichas que a esta hora da noite seguen alí tiradas. E penso novamente nas palabras de Pasolini… Pier Paolo Pasolini: «non se dan de conta que a televisión e o que quizás é peor, a escola obrigatoria, degradou a todos os xóvenes e mozos a melindrosos, acomplexados e burguesuchos racistas de segunda fila».

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao fala de “agravio comparativo” entre concellos na estrada provincial de Currelos a Monforte

A A.V. do Saviñao demanda á Deputación Provincial a mellora de dúas estradas en...

Esperta Monforte solicita a creación dunha Unidade de Atención Temperá Municipal

Desde Esperta Monforte lembran as subvencións que concede a Xunta para este tipo de...

DeNinghures e Mondra no escenario Chantada do Festival 17º Ribeira Sacra este 28 de xullo

Os concertos do Escenario Chantada levaranse a cabo no Parque Eloísa Rivadulla, “en Chantada...

Xosé Estévez presenta o 24 de xullo en Quiroga o seu novo libro “Manuel María e o Val de Quiroga”

O historiador e profesor quirogués, Xosé Estévez, presentará o vindeiro mércores, 24 de xullo,...