InicioOpiniónOPINIÓN: Courel despois dos lumes

OPINIÓN: Courel despois dos lumes

"A nosa prioridade ten que ser que o Xeoparque se consolide e medre como punto de partida para cousas futuras; moitos hai que piden xa un parque natural e non son quen de loitar por un Xeoparque...".

Publicado o

POR
Guillermo Díaz
- Advertisement -

Imos xa para catro meses despois do gran lume que arrasou boa parte do territorio de Courel, Quiroga, Samos e Brollón,  que sumados ao que ardeu o ano pasado dan unha superficie queimada realmente terrible. Teño a triste sensación de que pouco imos aprender disto, vimos moitas intencións de cambiar cousas, de mellorar pero co paso do tempo están a converterse en fume.

“Teño a triste sensación de que pouco imos aprender disto”

O enfrontamento político, lonxe de amainar quizais está nun dos momentos máis críticos con posturas cada vez máis enfrontadas que non poden conducir a nada bo. As axudas comprometidas polas distintas administracións semella que van chegando nalgún caso con certa falla de axilidade que é aproveitada para meter máis leña no lume  do enfrontamento entre veciños.

Mentres tanto, o tempo pasa e as choivas que houbo lavaron de tal xeito as abas queimadas que pouco chan queda xa por salvar e pouca fauna nos ríos quedará viva; as uces, grandes beneficiadas do lume que lles eliminou a competencia, medran con forza e na vindeira primavera lucirán verdes e nos vindeiros anos terán floracións xenerosas para os maltratados apicultores. As frondosas terán unha pronta recuperación mentres que os cultivos de piñeiro –négome a chamarlle bosque a un cultivo industrial–, serán o recordo do que pasou durante bastantes anos. Parece ser que hai plans para recuperar a flora autóctona, ogallá as comunidades de montes –donas do territorio– se sumen a esas iniciativas e non quede todo en papel mollado; sen a colaboración dos propietarios pouco se vai poder facer.

Escorrentía. Foto: Courel Vivo.

“Vaise perdendo xente de xeito calmo pero constante, e cando se vexa a entidade do problema será tarde para reaccionar”

Se falamos do tema turístico é intre de comezar a  verlle as orellas ó lobo. Agás momentos puntuais, a xente comeza a abandonar o Courel, é un proceso lento que xa se viu en lugares como Ancares. Vaise perdendo xente de xeito calmo pero constante, e cando se vexa a entidade do problema será tarde para reaccionar. O Xeoparque das Montañas do Courel é realmente o único motor que de verdade está facendo cousas polo territorio, facendo publicidade, actividades e promovendo o territorio a tódolos niveis pero precisa de axuda de todos; dos veciños que aínda non cren nel e sobre todos das administracións que están por riba dos concellos que están a aportar ben pouco comparado co que realmente se necesita. Necesitamos tamén un forte investimento na recuperación das infraestruturas queimadas, sinais, carteis, pontes, rutas… e sobre todo poñer en valor todo aquilo que aflorou cos lumes como poden ser castros, minas, albarizas ou vellos camiños; porque é importante poñer en valor todo o territorio nun conxunto e non tirar só de visitar a Rogueira ou o Río Pequeno porque iso non é viable para un futuro. Compre tamén reformular como se vai manter a paisaxe, porque xunto co patrimonio natural e humano forman un conxunto inseparable.

No noso recuncho moitos pensan que somos o embigo do mundo e o resto do universo ten que rendernos pleitesía, que todo o mundo nos coñece e que é a súa obriga vir visitarnos. A realidade é que Courel é bastante menos coñecido do que moitos pensan. Por experiencia propia sei que cando saes de Galicia case ninguén nos coñece e, por moito que lles pese a outros, sen turismo non existe ningún futuro. A nosa prioridade ten que ser que o Xeoparque se consolide e medre como punto de partida para cousas futuras; moitos hai que piden xa un parque natural e non son quen de loitar por un Xeoparque –polo que xa temos–.

“A nosa prioridade ten que ser que o Xeoparque se consolide e medre como punto de partida para cousas futuras”

O parque xa chegará cando as circunstancias o fagan posible, hai que seguir pedindo por el alonxando o parque natural da loita política duns contra outros e  buscando o consenso entre todos, doutro xeito xamais se conseguirá. Mentres  tanto imos dedicarnos a conservar o que temos que é o que nos permite comer, progresar e vivir.

ÚLTIMAS

O PP pide a reparación da estrada provincial LU-P-5301 no casco urbano de San Clodio

O portavoz, Antonio Ameijide, a viceportavoz, Carmen José López, e o deputado da zona...

Mensaxe do Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo a Pedro Sáchez

Bienquerido compañeiro Presidente: Recibo con enorme sorpresa e preocupación a túa carta aberta sobre...

31 da Feira do Viño de Vilachá na primeira fin de semana de maio

Esta edición manterá tamén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous...

60 equipos inauguran a tempada de montaña en Taboada esta fin de semana

A nova directiva da Escudaría Taboada mantén o trazado orixinal da proba, na que...