Un monstruoso xigante branco de máis de 60 metros de altura e tres enormes hélices con 74 metros de diámetro ameaza a quen ten o atrevemento de pasar por ese xusto lugar calquera día de duro inverno. A morte sae con vulgaridade ao encontro do camiñante neste sitio. O aeroxenerador CH 6 do “complexo eólico Faro Farelo” leva traballando desde o ano 2005 e está chantado ao pé da pista, aberta en 1992 para que Manuel Fraga e outros moitos puideran chegar á multitudinaria xuntanza que o Partido Popular celebrou no entorno da capela entre ese ano e 1999 sen necesidade de atravesar as aldeas de Camba.
O trazado oficial do Camiño a Santiago por estas terras transita esa estrada sen asfaltar de principio a fin. Eu non camiñaba destino á catedral compostelá, simplemente volvía ao coche despois dun espectacular e sorprendente paseo polos camiños do Faro. Aparcara onda igrexa de San Vicente de Argozón e subindo por Freán fun saír á altura do tanque do Francisco. As poucas horas de luz restantes leváranme a buscar directamente a C-533 para baixar por ela con rapidez. Pero antes había que superar aquelo.
Eran as seis e media da tarde e o aparato que levo encima cando vou ao monte indicaba –0´8°C. Parado ante o arrogante bourear daquela barbaridade lembrei ao Doutor Martin Sch.. O domingo anterior, a última hora da tarde, coñecera aquel médico alemán xubilado, natural de Turinxia, no Chao de Seixas. Eu viña de andar e el preparaba unha sopa quente nun fogón portátil. Viaxaba desde Eisenach a Santiago nunha bicicleta Cannondale e detivérase alí para facer noite. Tiña unha pequena tenda de campaña cor verde escura montada sobre a suavidade da herba. Un silencio intenso e unha sensación de paz absoluta completaban a escena.
Visualicei por un momento a posibilidade dun choque fatal entre a imperturbable caída do xeo desprendido e o peregrino, inevitablemente madrugador. Estremecinme só de imaxinar o seu corpo deitado na cuneta con signos evidentes de ter sufrido o brutal impacto dun obxecto cortante desas características. Non deixo de preguntarme desde ese dia, e por iso é que escribo estas palabras, como pode ser que unha das sete rutas principais dos Camiños a Santiago teña un aeroxenerador instalado no medio do propio trazado.

É paradigmático que este Camiño sexa identificado como Camiño de Inverno, invitando aos peregrinos do Camiño Francés a tomar unha ruta que garda unha trampa mortal na Serra do Faro durante os meses precisamente de máis frío. A escasos trinta metros do lugar, nunha pista contigua, hai un sinal oculto para o peregrino que avisa: “¡PELIGRO! Desprendimientos por heladas”. Nin o enxeñeiro que mandou colocar o sinal de perigo nin o enxeñeiro que mandou poñer o fito quilométrico do Camiño se quixeron dar de conta da oposición manifesta que existe entre as dúas indicacións. Un parque eólico “non é compatible formal, ambiental e funcionalmente co valor cultural dos camiños a Santiago”.
E foi así, nestes pensamentos, que decidín pedir protección á Nosa Señora do Faro, sempre tan avogosa, para sortear o punto fatídico sen morrer no intento. Uns centos de metros máis adiante está a subestación, onde comeza unha liña de alta tensión que descende do monte ao val ata perderse no horizonte.
Cando cheguei de volta ao coche xa se botara a noite enriba, a luz pública era case inexistente e o zumbido dos muíños de vento unha presencia realmente incómoda.
