HomeOpiniónOPINIÓN: Pacto por que paisaxe?

OPINIÓN: Pacto por que paisaxe?

"Curiosa iniciativa da Xunta de Galicia cando da paisaxe orixinal apenas queda nada" afirma con sorna o noso colaborador Guillermo Díaz.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Non hai moitos días veño de ver realmente atónito nos medios de comunicación como se presentaba un “pacto pola paisaxe” coas nosas montañas como obxecto principal. Curiosa iniciativa  da Xunta de Galicia cando da paisaxe orixinal apenas queda nada. Se non fose porque non é 28 de decembro aínda botaría unhas boas risas.  

Tiveron que vir uns lumes a arrasar coa maioría do territorio, tivemos que ver como se están a crear infinidade de pistas para sacar a madeira queimada, tivemos que ver como proliferaron cortalumes vellos (que de pouco valeron) e novos, tivemos que ver tantas cousas que atentan contra a paisaxe que realmente non nos queda outra cousa que “flipar” cando din que a van protexer… Pregunto eu, que paisaxe?

Será paisaxe protexida a visión dos eólicos que rodearán en pouco tempo todo o territorio Rede natura e Reserva da Biosfera, protexerase a visión dos vertedoiros de entullo, dos taludes das estradas (que iso mira que tampouco é tan caro de arranxar)? Dun plumazo deixaremos de ver uralitas, ladrillo cara a vista, cemento e plásticos por todos lados? Cando subamos a Montouto, Piapáxaro, Formigueiros ou a Moá, esas pistas que cortan as montañas por todos lados e que deixan en cueiros as liñas de Nazca, por algún truco deixarán de verse?

Montañas do Courel. Foto: XMF

“Dun plumazo deixaremos de ver uralitas, ladrillo cara a vista, cemento e plásticos por todos lados?”

Agora mesmo a paisaxe do territorio está a sufrir o maior atentado en moitísimos anos e a cousa non ten visos de que vaia a ir a mellor, senón que o pouco que queda quedará inservible e nuns anos estudarase en facultades de todo o mundo como exemplo do que non se debe facer nunha zona que se quere converter nun atractivo turístico.

Claro que é posible a convivencia do turismo coa explotación forestal, a gandeiría, os eólicos e moitas cousas máis pero teño a sensación que se opta por sacrificar a esencia das nosas montañas e a razón pola que veñen aquí os turistas para favorecer as outras. Vexo que, por un lado falamos de natureza, paisaxe e turismo, pero coa outra man ben aberta o único que se fai é darlle unha boa somanta de ostias. Queremos crear infraestruturas para dar calidade de vida ós veciños, queremos servizos de calidade, queremos que veña xente, queremos moitas cousas pero logo non somos quen de facelo ben.

Convidaría a moitos aos que van a cabrear estes comentarios a que viaxasen fóra, a outras montañas onde o turismo é o seu gran motor económico tanto en España como no resto de Europa. Un  exemplo está cando cruzamos a fronteira de Galicia cara Asturias e parece que cambiemos de país. Imos a Cantabria e dá gusto ver esas montañas e esas aldeas que con moitísimos problemas de envellecemento e despoboamento son quen de coidar esa paisaxe única. Crucemos o País Vasco, Navarra, Pirineos, a montaña Catalá… sinto unha gran envexa por ver como si que se coida a terra na inmensa maioría dos casos.  Galicia, unha terra tan fermosa que está a ser arrasada polos propios galegos coa escusa de que a economía está por riba de todo; que pensarán os nosos herdeiros dentro de 50 ou 100 anos? Como explicaremos que os galegos para ver montañas e natureza teñamos que saír de Galicia porque aquí acabamos con elas?

Non hai moito saía nun xornal galego unha nova sobre o concello de Muras, o exemplo de implantación de enerxía eólica en Galicia. Dicíase nesta nova que todos eses muíños só crearan catro postos de traballo nese concello e a min que me picou a curiosidade e non tiven medios para contrastar os datos de emprego fun ver os datos de poboación e vin que Muras está a pouco tempo de baixar dos 600 habitantes e no anos 2000 tiña 1151 e en 2022 xa baixara a  606. E saíume esta reflexión: se con tanto canon eólico, tanto ingreso por isto, que lles paguen a luz e aínda así neses anos baixou 545 habitantes… de que serve tanto carto enriba da mesa? Está sendo todo esa choiva de cartos a solución ao despoboamento? Ou algo estamos facendo mal ou eu son moi parvo?

“Se con tanto canon eólico, tanto ingreso por isto, que lles paguen a luz e aínda así neses anos baixou 545 habitantes… de que serve tanto carto enriba da mesa?”

ÚLTIMAS

Compromiso da Xunta para recuperar patrimonio cultural da Ribeira Sacra

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª da Carmen Martínez, referendou o compromiso da...

Só a comarca de Chantada reduce o paro no mes de setembro

A Secretaría de Acción Sindical de CC.OO LUGO valora positivamente os datos do paro...

O BNG denuncia incumprimentos cos viticultores da Ribeira Sacra

O BNG considera necesario que nesta vendima de 2024 as axudas cheguen directamente ás...

Experiencia INCIBE aberta ao público no pabillón do IES A Pinguela, os días 4 e 5 de outubro

Con esta actividade, o Instituto Nacional de Ciberseguridade pretende acercar ó alumnado do IES...