HomeOpiniónOpinión: "Cara unha cultura consciente"

Opinión: “Cara unha cultura consciente”

"Por que hai tanta xente que di que aquí nunca se fai nada? Cales son os gustos desa xente? Hai unha verdadeira falta de variedade nas programacións culturais que se realizan ao longo do ano? Cales son as nosas intencións cando acudimos a un acto cultural? Cal é a utilidade real dun evento cultural?"

Publicado o

POR
Maro Carretero
- Advertisement -

Cantas veces escoitamos a unha amiga ou amigo aquilo de Aquí nunca se fai nada? Unha afirmación con certa recorrencia cando se fala das distintas programacións culturais que se dan lugar na comarca de Lemos e concellos próximos. Se colleramos dita afirmación como pura verdade obxectiva estaríamos ante un caso digno da Nave del misterio do popular Iker Jiménez, xa que seríamos a única zona do estado sen ningún tipo de programación cultural.

Como xa percibiron os meus intrépidos e hábiles lectores, esa xeneralidade de dicir que aquí nunca se fai nada agocha un reclamo, un berro de insatisfacción chegado desde un conxunto de sensacións e valoracións máis ou menos obxectivas, pero non por iso desbotables á hora de propoñer unha reflexión sobre o estado da nosa actividade cultural no Val de Lemos.

Para afondar un pouco, procurando non caer en teses absolutistas, sería bo tirar da maior cualidade filosófica que temos os galegos: facerse preguntas. Por que hai tanta xente que di que aquí nunca se fai nada? Cales son os gustos desa xente? Hai unha verdadeira falta de variedade nas programacións culturais que se realizan ao longo do ano? Cales son as nosas intencións cando acudimos a un acto cultural? Cal é a utilidade real dun evento cultural?

Todas estas preguntas teñen a súa relevancia xa que, por exemplo, non é o mesmo acudir a unha representación teatral despois dunha dura xornada de traballo con horas de sono acumuladas e unha considerábel carga de estrés que acudir a unha representación tras botar unha sesta logo de xantar e dar un agradábel paseo. Polo tanto, unha primeira premisa pode ser que os ritmos de vida teñen certa influencia sobre os nosos hábitos de consumo e audiencia cultural. E por extensión, todas aquelas circunstancias que modifiquen a nosa capacidade de atención estarán presentes á hora de decantarnos por unha actividade cultural ou outra.

“unha primeira premisa pode ser que os ritmos de vida teñen certa influencia sobre os nosos hábitos de consumo e audiencia cultural”

Outra cuestión ten que ver cun complexo mundo, os gustos. Din que sobre eles non hai nada escrito, eu nego a maior. De feito, creo que a maior parte do tempo de conversa cos nosos amigos e familiares adoitamos falar dos nosos gustos particulares, daquilo que nos agrada ou nos produce rexeitamento, do que nos estimula, do que nos inspira. Como xa se darían de conta, precisaría de múltiples vidas para recoller unha mínima aproximación dos gustos de cada quen neste artigo. O que si pode ter certo consenso é dicir que cada un de nós acude a unha canción, unha cita literaria ou unha escena dunha película en función do seu estado de ánimo nun momento concreto.

Entón, poderiamos dicir que eliximos unha actividade cultural movidos polo ánimo, o sentimento. Xa na poética de Aristóteles tratábase o tema dos sentimentos do espectador, pois un dos obxectivos principais do teatro grego, segundo o filósofo, era a catarse, a busca da purificación. Isto non era outra cousa que danzar cos sentimentos do espectador na procura de transformar (ou transmutar se preferimos poñernos más místicos) o ánimo dos presentes na representación. Loxicamente detrás disto adoitaba haber certo interese político, xerando medos e establecendo unha xerarquía de valores propia. Algo que non dista tanto como pensamos da cultura e lecer do mundo do mercado global da actualidade.

Pero volvamos ao tema dos sentimentos. Se aceptamos como válida a afirmación de que unha das principais razóns de participar nun evento cultural e alterar, cambiar o noso estado de ánimo, quizais faríamos ben en darnos un minuto antes de prender a televisión, conectar coa emisora de radio, ir á verbena da orquestra de moda, etc. Agasallarnos un segundo de vida para observar como nos sentimos, como me gustaría sentirme e se a actividade na que vou participar vai en consonancia co que eu quero.

“Faise evidente que hai necesidades anímicas non cubertas nunha parte da sociedade”

Así chegamos á idea principal que me motivan a escribir estas liñas: Ata que punto somos conscientes das nosas necesidades e desexos culturais? E entón, para que serve ou para que me serve a cultura? E aquí é onde penso que nos podemos achegar un pouco cara unha resposta de por que tanta xente di aquilo de: aquí nunca se fai nada. Faise evidente que hai necesidades anímicas non cubertas nunha parte da sociedade. A maior parte das propostas culturais hoxe aínda pivotan sobre dous eixes principais: a evasión e o estímulo do desexo. Se calquera de nós para un intre a repasar as manifestacións culturais últimas que lembra, seguramente caerá nunha canción de influencia caribeña cun ritmo sensual ou nunha peli de superheroes fantasiosa. Propostas que cumplen a súa función, enténdaseme ben, pois cobren a necesidade de evasión e estimulan as interrelacións persoais. Pero claro, a vida e a arte son moito máis que fantasía e desexo. A vida tamén é reflexiión, beleza, empatía, coñecemento, medo, amor… E sobre todo, o que me gustaría facerlle chegar, querido lector, é que a arte pode e debe estar presente na maior parte das nosas actividades e momentos especiais. Para min, por exemplo, a arte tamén é memoria de experiencias vitais. Non é o mesmo ler un artigo ou ver un video sobre danza que poñerse a bailar. A arte está intimamente ligada ás vivencias. E se estamos dacordo en que un evento cultural nos sirve para cambiar dun estado anímico a outro é menester facerse cargo das necesidades ou intencións últimas tanto do artista coma do espectador.

Está moi ben organizar unha verbena con pancetada para os barrios, celebrar festivais gastronómicos para promocionar productos locais ou traer a determinado artista pop para as festas patronais. Pero tamén pode ser moi estimulante e útil, proxectar un documental ou curta sobre a soedade na que viven moitas persoas maiores, organizar charlas sobre arquitectura e o impacto social do fenómeno do feismo urbano, celebrar un certame de teatro infantil e xuvenil centrado na problemática do acoso escolar, promover obradoiros sobre literatura universal e local, financiar proxectos educativos de artes escénicas, realizar obradoiros de intelixencia emocional a través de xogos teatrais, programar unha obra de teatro sobre as mafias da prostitución presentes nas nosas vilas e cidades ou organizar festivais de música que acheguen ao público bandas emerxentes do panorama galego, como tiven o pracer e orgullo de facer durante anos, xunto aos meus ben queridos Náufragos do Paradiso.

Fotograma micro-curta ‘Aspiratio’ de Maro Carretero e Miguel Rodríguez.

Todo isto son exemplos de actividades culturais que poderían axudar a cubrir certas necesidades vitais, poñer en valor as mellores cualidades do ser humano, darse conta da importancia da estética ou da empatía no día a día. Pero sobre todo, son algúns tipos de propostas que pivotan sobre a idea de facerse consciente do mundo que nos rodea. Saber á hora de participar dun evento cultural por qué e para qué se realiza.

En definitva, a arte e a cultura son ferramentas cun potencial enorme que van moito máis aló das gañas de evadirnos da última bronca co xefe ou da ledicia coa que execute o meu vindeiro perreo. A cultura serve, tamén, para rescatar as almas náufragas producto da indiferencia , o egoísmo ou o consumismo impulsivo. Facernos presentes por fin, e dotarnos de enerxías e valores para experimentar e medrar nesta cousa tan misteriosa chamada vida.

“A cultura serve, tamén, para rescatar as almas náufragas producto da indiferencia , o egoísmo ou o consumismo impulsivo”

Saúde e cultura consciente para todas!

ÚLTIMAS

Suso Montero: “Gardo todas as fotos que fago, terei uns 70.000 negativos”

Jesús Rodríguez Montero, ‘Suso Montero’ para os amigos, foi traballador de Renfe e Adif...

Actuación de Regueifas o 11 de outubro en Ribas de Sil

A primeira das actividades, un obradoiro de coñecemento e de elaboración de regueifas, levouse a...

14 anos sen facer a residencia comprometida no Saviñao

Os deputados provinciais, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto ao alcalde da localidade, Carlos...

O PP de Monforte comeza o curso político orientado a buscar solucións aos problemas de abastecemento

Durante esta reunión abordáronse as principais liñas de traballo para este curso político, sendo...