Existe en toda alma unha sensación de chamada, un sentimento profundo de anhelo, que dun xeito ou outro vainos levando cara o principio de todas as cousas. Nese paseniño camiñar, unhas veces máis consciente que outras, ímonos encontrando xusto coas persoas e situacións que precisamos nese momento concreto da nosa existencia.
Aínda que pareza ás veces o contrario, non hai camiño “malo”, todas e todos facemos exactamente aquilo que necesitamos facer segundo a nosa conciencia, a nosa educación e o noso medio ambiente, e desde aí todxs aportamos o noso ó conxunto da creación.
Neste escenario non hai bos nin malos, non hai xuízos, nin previos nin a posteriori, non hai mellores nin peores, non hai “superioridade moral” algunha, non hai diferencias porque xa non se crean nas nosas mentes.
Este sistema de pensamento, esta maneira de ver achéganos en vó directo e sen escalas á idea de fondo que sostén este texto, esa que é o fío condutor e que nos alonxará de calquera idea de conflito: o perdón.
Pero non estou falando do perdón que o ser humano emprega habitualmente, iso de “perdono pero non esquezo”. Isto non é perdón nin nada que se lle asemelle, síntoo moito pero non. En realidade esta é unha de tantas trampas egoicas que o único que fai é manter ben alimentado un esceario de conflicto interior con esa persoa ou situación entregándolle, deste xeito, o noso maior tesouro: a nosa paz.
O noso ego fainos pensar tamén que perdoar é xustificar, pero perdoar é liberarte da pesada carga do xuízo. O perdón non cambia o que sucedeu, pero si cambia e moito o que ti sintes. Non estás perdoando algo ou a alguén, estaste perdoando a ti mesmo, desfacendo así as cadeas que te manteñen ben atado. O perdón, polo tanto, é imposible sen amor, sen amor cara un mesmo.
O perdón é o camiño cara esa paz perdida. Cando elixes perdoar, en realidade o que estás facendo é lembrar quen es ti verdadeiramente.
Remato cunha frase que Xesús de Nazaret nos deixou con respecto ó perdón:
“Non nos desculpamos para ser perdoados, disculpámonos para mostrar o noso propio arrepentimento”.
O perdón é un regalo que nos dá a outra persoa.