O PP da Pobra do Brollón pide máis transparencia nas contratacións do concello

O PP da Pobra do Brollón pide ao goberno local “unha maior difusión e maior transparencia” das ofertas de emprego do Concello.

Concello da Pobra do Brollón / XdL

O voceiro da formación popular, Fernando Parada, refírese en concreto á convocatoria de oposición libre para cubrir unha praza de capataz-fontaneiro e servizos múltiples cuxas bases xa foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o día 2 de marzo.

O que pretende o popular é que o proceso “se dea a coñecer o máximo posible”, co fin de que as persoas que estean interesadas poidan acceder a el. Apunta, “cremos que o teñen algo agochado e, nos tempos que corren, as oportunidades laborais deben ser o máis publicitadas e difundidas posible”.

Fernando Parada agarda que a entidade local utilice todos os métodos de comunicación que ten á súa disposición para difundir a existencia desta convocatoria de emprego público, xa que, “o contrario, engade, sería de mal facer e incluso evidenciaría certo interese do Concello por algún ou algunha aspirante”. 

Por este motivo, os populares deste municipio agardan que o que prime neste proceso selectivo sexa “a igualdade de oportunidades e a transparencia”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here