OPINIÓN: Conversas para a reflexión

Unha análise crítica arredor do ascenso da ultradereita.

Santiago Abascal, presidente de VOX nun mitin de Vox en Vigo (Galicia, España), o xoves 24 de outubro de 2019.. Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press

Mentres degustabamos unhas saborosas racións de sushi e despois de comentar o fiasco da Superliga, xurdiu a reflexión sobre o que uns chaman nacionalpopulismo, outros fascismo e os de mais alá extrema dereita.

Argumentaba un comensal, tan amigo da tertulia como do bo comer, que aqueles que votan aos partidos que representan esa ideoloxía fano por ignorancia.

Máis alá das posturas e os matices para non caer en debates nominais ou simplificadores, que seguiron á afirmación, o certo é que no ambiente quedou pairando a dúbida sobre como afrontar o reto de abordar este problema que socava a democracia e a convivencia social.

“Non cabe darlle lexitimidade a un movemento político que cuestiona os dereitos humanos”

O primeiro que debemos ter claro é que este movemento, filofascista, nacionalpopulista, extrema dereita ou como se lle queira chamar, afirma que quere afondar a democracia pero en realidade é unha pura ditadura. Non é unha alternativa de política democrática, senón que é un movemento que cuestiona a propia existencia da democracia actual e compromete a súa viabilidade, valéndose dos propios mecanismos democráticos.

Isto é moi importante porque non cabe darlle lexitimidade a un movemento político que cuestiona os dereitos humanos.

Dunha maneira relativamente rápida en termos históricos, este movemento foi medrando e adquirindo máis presenza nas nosas vidas, condicionando o debate social, co apoio inequívoco dos medios de comunicación que lle confiren aparencia de ser unha opción política máis. Ás veces mesmo se presenta como unha proposta que cuestiona a política tradicional, cando a realidade é que é unha opción que unicamente cuestiona a propia existencia da democracia, posto que en todo o demais está a favor do statu quo, do sistema. Así, no plano económico é ultraliberal a favor dun capitalismo depredador e desregulado, no plano social é retrógrado contra todos os avances sociais e os dereitos de amplos colectivos (mulleres, inmigrantes, persoas de outras razas, de opcións sexuais diferentes á heteronormativa…), por iso encontra predicamento nos medios de comunicación propiedade das grandes fortunas, porque non existe contradición entre os seus intereses e esta proposta política.

“Ás veces mesmo se presenta como unha proposta que cuestiona a política tradicional, cando a realidade é que é unha opción que unicamente cuestiona a propia existencia da democracia”

Acerta, polo tanto, quen mostre preocupación polo que está ocorrendo, pero diante do problema o mellor camiño é non simplificar o debate  e non partir de suposicións erradas, e moito menos ter unha obsesión polo inmediato.

Non se trata de centrarse na personalidade dos líderes (Abascal, Trump, Le Pen, Salvini, etc) deste movemento para entender o mesmo senón que hai que analizar as causas que favorecen o seu ascenso e apoio. Tampouco sería certeiro intentar buscar un prototipo de adepto ou seareiro deste movemento que di basearse en cuestións tales como:

1. Prioriza os intereses de España entendida como nación. Falso porque, entre outras cousas, non defenden a soberanía estatal ante as grandes transnacionais.

 2. Ofrecen dar voz a quen se senten abandonados perante poderosos (corruptos e pretenciosos). Falso, porque fan parte da corrupción e obedecen aos intereses dos poderosos, simplemente dan unha falsa aparencia tratando de atraer as masas desfavorecidas mediante o engano.

3. Lei e orde para conseguir seguridade. Falso porque esa idea de seguridade non garante benestar nin os dereitos básicos das persoas ao contrario detraen recursos do estado de benestar (sanidade, educación, servizos sociais…) para aumentar ese negocio que é a seguridade entendida desa maneira. A mellor seguridade, entendida como tranquilidade e paz social, é ofrecerlle á xente unhas condicións de vida dignas que eviten roubos, asaltos, desafiuzamentos, suicidios…

4. Afirman que o estado dá máis axudas aos inmigrantes que aos nacionais e negan a posibilidade dunha sociedade multicultural. Falso, a maioría da inmigración está a facer traballos que a xente de aquí non pode ou non quere facer: coidado de dependentes, traballos agrícolas de tempada e outros traballos que polas súas condicións penosas ou excesivamente duras rexeitamos.

Canta xente cre que estes presupostos falsos son certos? Canta pensa que xa non ten voz na política? Que o incremento da inmigración e o cambio cultural ameaza a nación, a súa cultura e modo de vida? Que o Estado os abandonou en comparación con outras persoas? Que xa non se sente identificada cos dirixentes políticos actuais/tradicionais? En definitiva, canta xente “pica” neste engano que nos ofrecen en forma de salvación? A resposta, probabelmente, é que moita.

Con frecuencia procuramos a solución ou explicación a este fenómeno de forma simplista pensando que se trata dun grupo de persoas ricas, dunha elite apoiada por un fato de ignorantes, que actúan de forma irracional ou froito do engano cando, o certo, é que ningunha destas dúas afirmacións adoita ser certa.

Por un lado, non todas que comunmente chamamos ricos comulgan co fascismo, tal vez no Reino de España non se vexa de forma tan clara, mais no resto de Europa si é frecuente ver unha distinción diáfana entre a dereita democrática e a dereita filofacista ou directamente fascista. Ese debe ser un dos obxectivos aquí, que persoas que defenden os seus privilexios de clase o fagan desde posturas democráticas e iso non se consegue desde a simplificación na que, con frecuencia, caemos ao cualificar a todo o grupo como fascistas.

Por outra banda o apoio que reciben estes partidos de certas capas de poboación traballadora e mesmo desfavorecida, non obedece, de forma fundamental, e menos única, á ignorancia. En todo caso é preciso tratar de comprender as causas que levan a esta xente a apoiar, de forma convencida, propostas que mesmo son contrarias aos seus intereses, pero que o fan desde o convencemento de que é o correcto. Dende o convencemento de que ese é o camiño para solucionar os problemas.

“O apoio que reciben estes partidos de certas capas de poboación traballadora e mesmo desfavorecida, non obedece, de forma fundamental, e menos única, á ignorancia”

O gran erro desas persoas é pensar, ou convencerse, de que os difíciles problemas que hai que resolver son tan fáciles de solucionar como a extrema dereita di.

Por iso a solución non pasa por desprezar a esta xente, ignorala, facela de menos, como se fora un grupo residual, un fato de ignorantes, senón por achegarse aos seus problemas e ofrecer solucións a través do estado de benestar, da garantía dos servizos sociais básicos e os dereitos fundamentais para todas as persoas. Tal vez para iso debamos cuestionar un sistema educativo subordinado, de forma exclusiva, aos intereses económicos, que prescinde do saber humanista e amplo que inclúe as ciencias sociais. Deberemos cuestionar, así mesmo, o sistema económico actual, ultraliberal, para volver a un máis próximo á socialdemocracia que fixo próspera a Europa da segunda metade do século XX. Por aí poden apuntar algunhas solucións que fagan unha cidadanía máis consciente, crítica e plena en condicións de vida dignas onde estas solucións de palillo na boca que propoñen os salvapatrias sexan vistas como o que son: un engano.

Podemos crelo ou non, pero vivimos nuns tempos de incerteza onde todo parece indicar que a descomposición da democracia liberal pode ser a protagonista da historia do século XXI, polo que existe un serio risco de repetición dos aciagos tempos que se viviron na Europa do período de 1936 a 1945. Por iso xogámonos tanto, o futuro inmediato da democracia que é o mesmo que dicir o noso propio futuro individual e colectivo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here