HomePolíticaReactivar o regadío Val de Lemos coa produción de cereais, propoñen desde...

Reactivar o regadío Val de Lemos coa produción de cereais, propoñen desde o BNG

A formación nacionalista levará ao vindeiro pleno provincial unha moción na que demanda á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan de Recuperación de zonas con aptitude cerealista na que o Val do Lemos teña un peso fundamental.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O BNG sinala que o Val do Lemos ten unhas condicións climáticas e edafolóxicas axeitadas para o cultivo de cereais, que urxe poñer en valor nun contexto como o actual, cos prezos destas materias primas disparados, tras unha tendencia á alza que se disparou coa guerra na Ucraína e que está afectando gravemente á rendabilidade das gandarías.

A deputada nacionalista e responsable de Medio Rural no goberno provincial, Mónica Freire, sinala que “a situación de dependencia e de colapso da gandaría de leite e en maior medida da porcina e avícola esixe tomar medidas estruturais. É o momento de recuperar o tempo perdido e recuperar a superficie agrogandeira e os cultivos cerealistas para garantir o abastecemento e camiñar cara a soberanía alimentaria”.

“Necesitamos unha Consellería de Medio Rural activa e responsable que transforme esta situación de ameza en oportunidade e que elabore un Plan de Recuperación de zonas con gran aptitude cerealista”, incidiu a deputada nacionalista.

A zona de regadío do Val do Lemos -nos concellos de Monforte, Sober, Pantón, A Pobra do Brollón e Bóveda- conta cunhas 2.000 hectáreas de superficie con aptitudes agronómicas. O deterioro da rede de acequias e as altas taxas levaron a unha moi baixa utilización do regadío. “Fronte ao abandono”, o BNG propón “medidas para a reactivar a zona e convertela nunha área estratéxica para a produción de materias primas para o sector gandeiro e incluso hortofrutícola.”

No marco do Plan de Recuperación de zonas cerealistas, o BNG reclama á Xunta de Galicia que inicie os procesos de concentración parcelaria urxentes nas zonas propostas na zona de delimitación do Val de Lemos e finalice aqueles que se atopan inconclusos, que revise e actualice a delimitación dos perímetros urbanos da zona do Val de Lemos e acometa as obras de modernización e actualización das infraestruturas do regadío para a posta en valor da produción cerealista primaria.

Ademais, demanda á Confederación Hidrográfica que leve a termo as conclusións do proxecto piloto de “Mobilización de Terras no Val de Lemos” (Bóveda) e que solucione o problema recorrente das taxas pola auga de regadío coa Confederación Miño-Sil.

ÚLTIMAS

A Deputación cederá a Casona do Incio e unha parcela na Maiorga, en Pantón, aos respectivos concellos

Ambas decisións responden ás peticións que os respectivos alcaldes lle fixeron á presidenta da...

O BNG de Monforte entrega as primeiras alegacións recollidas contra o proxecto da nova ponte do Malecón

O BNG de Monforte vén de presentar no concello unha primeira remesa das alegacións...

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...