O PP denuncia o mal estado das estradas provinciais de Bóveda e esixe a Tomé “solidariedades cos seus concellos veciños”

Continuando co calendario de visitas a todos os municipios da provincia, os deputados do Grupo Provincial Popular estiveron en Bóveda, onde o alcalde da localidade José Manuel Arias lles deu conta das necesidades do municipio.

Estradas provinciais Bóveda visita PP / PP provincial

Antonio Ameijide e Carmen José López, voceiro e vicevoceira do Grupo Provincial Popular, revisaron, xunto co alcalde da localidade, as estradas de titularidade provincial que percorren Bóveda e comprobaron como “o único que se fixo nos últimos anos foron parches, actuacións que en momentos puntuais poden ser unha solución temporal pero que na realidade non supoñen un remedio definitivo para os problemas na circulación.”

No concello de Bóveda aseguran que as estradas que se atopan en peor estado son a LU-P-0902 (Freituxe), a LU-P0903 (Bóveda – A Raíña), a LU-P-0905 (Bóveda – Martín), a LU-P0906 (Bóveda – Xullán – Tuimil) e a LU-P-0910 (Vilarbuxán – Mosteiro Vello).

A realidade é que hai municipios da provincia que ven como os parches puntuais son a única solución que lles dan dende a Deputación de Lugo, “e son os concellos que poden sentirse afortunados xa que hai moitos nos que hai anos que non se ve a maquinaria da Deputación, como hai uns días puidemos ver na Pobra de Brollón”.

Pola súa parte, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, lamentouse do abandono por parte do ente provincial ao seu municipio, “nin mantén as vías provinciais nin lle facilita os medios das brigadas provinciais para colaborar no mantemento das vías municipais como si dispón Monforte os 365 días do ano.”

Dende o Grupo Provincial Popular piden a Tomé que se tome en serio o arranxo das vías provinciais, “para o que sería preciso coñecer o estado no que se atopan e despois deseñar un plan para realizar o arranxo e mantemento periódico, comezando por aqueles que se atopen en peor estado ou por aquelas nas que, por motivos de urxencia, sexa imprescindible actuar de inmediato.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here