Coincidindo coa celebración da Feira do Viño de Amandi este mes de marzo, Agroma Sober e Esperta Monforte, levan aos plenos dos seus respectivos concellos unha moción de apoio ao sector vitícola ante a crise que está a sufrir polos excedentes de viño tinto.
Desde Interior Galego Vivo considérase que son necesarias medidas estruturais, dialogadas e traballadas dentro do sector, e que debe haber apoio das institucións locais a esta cuestión.
Na moción plantéxanse liñas de traballo para aumentar a calidade e rendibilidade dos viños, así como para manter a paisaxe tradicional con “incentivos para manter o tipo de cultivo tradicional en pendente, recuperación de viñedos históricos, adaptar a PAC á nosa realidade, a posibilidade de paralizar na DO Ribeira Sacra as novas plantacións de viñedo, sempre que non sexan replantacións en ribeira amurada, elaborar unha delimitación cartográfica da zona de produción da DO, na que quede marcada a produción en socalcos ou muros, incentivar a diferenciación e a calidade a través dos controis de produción ou traballar na catalogación de parcelas de ribeira”
Recóllese tamén crear oferta formativa de cantaría na zona, que inclúa a formación na reparación e construción de muros tradicionais da ribeira ou buscar a destilación dos excedentes nas adegas este ano 2024, implentando unha planificación sobre a produción de destilados. A moción busca acadar un apoio institucional específico ao sector do viño e trasladar apoio dos Concellos para traballar conxuntamente co Consello Regulador.
Interior Galego Vivo insiste na necesidade de campañas específicas de promoción dos viños da propia DO no territorio, na hostelería local e nos postos ambulantes de xantar na Feira do Viño. “Se queremos ser un destino turístico de calidade, maridado co viño de cultivo en pendente, débese coidar a presenza do viño nos distintos establecementos e postos de comida, algo que pode facerse con campañas coodinadas entre os concellos e o sector vitícola”, destacan.
Por outra parte, Agroma Sober tamén insistirá na necesidade de sinalizar os baches e puntos perigosos da estrada Sober-Canaval antes da Feira do Viño, para evitar accidentes coa gran afluencia de vehículos que vai haber. É unha estrada que se comprometeu arranxar ADIF en canto rematen as obras da estación de Canaval, pero non pode estar así, sen sequera ter advertencias de perigo nas fochancas máis perigosas.