Lembran os populares que no pasado mes de abril o presidente asinara, por decreto, outro convenio co Concello de Monforte por 600.000€, chegando xa, no que vai de ano, a 1.012.500€ “en convenios a porta pechada”.
“Tomé dirixe máis fondos da Deputación a Monforte de Lemos a dedo a través de convenios -máis de 1M€- que pretende subir durante os catro anos de mandato ao Plan Deputación para repartir entre tódolos Concellos, baixo criterios algo máis obxectivos”, subliña o portavoz, Antonio Ameijide. Ao que hai que engadir que dos 250.000€ que anunciou que aumentaría cada ano, Monforte de Lemos é un dos 5 concellos da provincia que recibiu 50.000€ máis este ano con respecto ao anterior. Moi xusto coa totalidade dos concellos da provincia non parece”, incide.
O popular sinala que entre as competencias propias da Deputación atópase a cooperación cos Concellos máis pequenos, “pero o goberno provincial actúa con sectarismo gobernando só para os seus porque só colabora con Concellos gobernados por PSOE ou BNG”.
E, máis concretamente, Ameijide afea que “priorice ao Concello onde é alcalde Tomé por riba do resto de concellos da provincia que tamén precisan a colaboración do ente provincial e, a pesar de que lles trasladan as súas necesidades, non son escoitados”. Isto supón “unha clara discriminación aos veciños e veciñas do resto de municipios da provincia”.
Ameijide subliña que “PSOE e BNG continúan a empregar a Deputación de Lugo como a súa chequeira particular”. Os populares xa acusaran a Tomé en abril de pensar unicamente en Monforte despois asinar “un convenio consigo mesmo e ás présas, sen pasar por xunta de goberno para que o revisasen e opinasen o resto de deputados”.