A propia veciñanza de Parteme, en Quiroga, desbrozou o acceso e limpou a pena da que sae a auga da fonte, a única recoñecida nos planos da comunidade de montes do Nocedo. Esta Asociación de Veciños conta cuns cinco anos de vida. O seu obxectivo aseguran que é traballar por mellorar este núcleo rural da parroquia do Nocedo, “ante a pasividade e deixadez do concello tras varias peticións de melloras decidimos poñernos mans á obra e empezar a facer traballos pola nosa conta.”
Lembran desde a asociación que esta fonte foi a primeira que houbo en Parteme. Alí os veciños ían lavar a roupa e coller auga potable. Sen embargo a fonte, a pesar da proximidade das casas “estaba totalmente a monte”. 7 veciños deciden o 12 deste mes comezar a traballar. Durante case todo o día desbrozaron o camiño de acceso e adecentaron todo o lugar na contorna do cano.
![](https://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2022/02/20220212_125955-copia1-copia-960x1024.jpg)
Traballo Comunitario
Aseguran que o resultado do traballo fixo que os felicitaran, e que houbo quen se emocionou ao velo todo limpo e poder chegar á fonte, “Recibimos felicitacións de todos eles e tamén de xente que está fóra con casa aquí despois de ver as fotos nas redes sociais e nos whatsapp. Este foi o primeiro traballo comunitario deste ano e xa estamos pensando nos seguintes. Hai moito que facer aquí e irémolo facendo mentres seguimos esperando que o Alcalde se reúna coa asociación para escoitar as peticións de limpezas de camiños e outras melloras e infraestruturas.”
Esta fin de semana os veciños estiveron abrindo o camiño do Oural, un camiño usado pola xente da motaña para baixar a Quiroga e abandonado hai moitos anos. Desbrozaron todo o camiño a na contorna do cemiterio e aseguran que seguirán mellorando os camiños “ante a pasividade do concello.”
“Entendemos que é o noso deber manter vivo o noso patrimonio, as nosas aldeas e a nosa Galicia rural que se está “vaciando”. Desde que comezamos a traballar os veciños preocúpanse máis pola aldea e anímannos a continuar. Gustaríanos que houbera máis iniciativas como a nosa porque a unión do pobo fai que as cousas saian adiante”, conclúen desde a asociación.
![](https://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2022/02/20220212_125814-copia-1024x768.jpg)