InicioMedio ambiente e PatrimonioO Incio presume de Mamut

O Incio presume de Mamut

O concello quere poñer en valor o achado dos restos deste exemplar prehistórico e, ademais de proxectos de futuro, esta tarde ofrece unha interesante charla sobre o tema a cargo da experta en paleontoloxía, Aurora Grandal.

Publicado o

- Advertisement -

O Incio pode presumir a día de hoxe de ser o lugar de Galicia onde se atopou de xeito casual o primeiro fósil de mamut. Apareceu no 1961, nunha canteira de caliza de Buxán.Os restos achados, datados da última glaciación da Idade do Ferro, poden verse no Museo de Historia Natural Luis Iglesias da USC.

Dende hai un tempo, o concello quere aproveitar este legado como reclamo turístico. Entre os proxectos de futuro, acondicionar unha ruta de sendeirismo e colocar unha escultura a tamaño real dun Mamut Lanudo nalgún lugar céntrico da vila, tal como informou xa no seu día Xornal de Lemos.

Este venres haberá unha interesante conferencia na Casa do Concello a cargo de Aurora Grandal, Profesora Titular de Paleontoloxía na Universidade da Coruña, baixo o suxestivo título de “Cando os mamuts viñeron vivir ao Incio”. A charla comeza ás 18:00 h. e intentará achegar aos presentes, de forma amena e divulgativa, información moi interesante sobre o achado do mamut nestas terras. Xornal de Lemos falou coa protagonista. 

Aurora Grandal. Foto cedida A.G.

-A prehistoria, puido deixar máis pegada da que coñecemos en Galicia?

Para atopar restos prehistóricos, desde logo, hai que buscalos. En Galicia non houbo moita tradición de estudar xacementos do Pleistoceno (a última idade do xeo) porque se pensaba, erroneamente, que aquí non había ese tipo de depósitos. Afortunadamente nos últimos anos están a facerse máis estudos e por tanto, máis descubrimentos. Creo que aínda hai moitos xacementos para estudar, que darán nova información sobre como foi a Galicia prehistórica.

-Por que na provincia de Lugo é onde máis restos fósiles se teñen atopado?

O primeiro é que para que os restos óseos se fosilicen e se manteñan intactos, teñen que ser cubertos por sedimentos, e que estes sedimentos teñan unha composición adecuada para que os ósos non se disolvan. Isto ocorre nas zonas de roca calcaria, que en Galicia esténdese ao Leste, desde Mondoñedo ata Valdeorras. A maior parte das zonas calcarias atópanse en Lugo. Nestas rocas desenvólvense as covas, que son os medios máis adecuados para a fosilización porque ademais de non disolver os ósos, adoitan ter un ambiente estable, sen grandes cambios durante miles de anos.

-Que significou para a paleontoloxía o achado de 1961 en Buxán, O Incio?

O achado de restos de mamut en Buxán foi a confirmación de que en Galicia si había restos fósiles de mamíferos prehistóricos conservados en certas zonas. Isto era algo que os investigadores da época case descartaran. Aínda así, tiveron que pasar bastantes anos ata que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe (hoxe Instituto Universitario de Xeoloxía da Universidade da Coruña), realizase prospeccións en covas concretas co fin de localizar restos de mamíferos extintos, cun gran éxito.

-Non se volveron atopar máis restos fósiles relacionados? Nestes casos non sería factible facer prospeccións ex profeso?

No lugar onde se atoparon estes restos de mamut probablemente xa non se conservan máis restos, pero se algo aprendemos nos nosos traballos previos é que os fósiles hai que buscalos, non aparecen sos. Unhas prospeccións en covas e zonas calcarias do concello probablemente mostrarán novos xacementos con restos óseos para investigar.

-Como puideron chegar os Mamuts a esta zona?  

Os mamuts son animais típicos de climas fríos, xunto co reno ou o rinoceronte lanudo, pero nas épocas glaciares, todo o norte e centro de Europa volveuse un territorio moi pouco apto para a vida destes animais, que migraron cara ao sur en busca de condicións óptimas para a súa vida. Calculamos que Galicia debeu de ser unha importante zona de paso destas faunas, e nalgúns casos foi un auténtico refuxio para algunhas especies.

-Cando se extinguiron e porque?

Os mamuts extinguíronse ao final da última glaciación, aínda que nalgúns lugares de Siberia sobreviviron algúns miles de anos máis. Ao ser animais adaptados a un clima frío, e ter un ciclo de vida longo, é posible que non puidesen adaptarse aos novos ecosistemas posglaciares. Tamén a expansión dos humanos debeu de ter un impacto importante.

-Como vai ser a conferencia deste venres no concello do Incio? 

Vou tentar que o público se interese polo mamut contando como se descubriu, cales eran as súas características e como se expandiron pola Península Ibérica nas épocas máis frías. Tratarei de achegar ao público todo o que rodea este importante achado.

 

 

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...