HomesociedadeFalece o artista chantadino Manuel Jorge

Falece o artista chantadino Manuel Jorge

O artista e arquitecto chantadino revolucionou a arquitectura na Marina Alta alicantina, onde residía. A súa pintura mantiña un espírito galego, e será conservada na súa vila natal, dende onde traballa a Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, receptora do legado do artista.

Publicado o

- Advertisement -

Manuel Jorge faleceu este domingo, 24 de maio, na súa casa de Xàbia, na Marina Alta alicantina, acompañado de familiares e amigos. O artista chantadino, de 91 anos, atopábase convalecente dunha rotura de cadeira e non superou as complicacións de saúde derivadas da súa recuperación. O artista despídese nun acto íntimo en Xàbia e posteriormente, cando o permitan as circunstancias, en Chantada, como era o seu desexo.

Nacido en 1929 en Chantada, Manuel Jorge, desenvolveu a súa traxectoria como arquitecto moi vinculado ó Mediterráneo, especialmente a Xàbia, onde se instalou en 1963 coa súa parella, a pintora finesa Christina Snellman. Nesta vila, o legado de Manuel Jorge son as máis de cen vivendas que construiu durante décadas, revolucionando a arquitectura da zona dende a raíz, potenciando o estilo mediterráneo e o respecto polo entorno.

Foto da Asociación Amigos de Manuel Jorge Chantada

O LEGADO ARTÍSTICO SERÁ CONSERVADO EN CHANTADA

Como pintor, Manuel Jorge deixa tamén un importante legado con máis de dúas mil obras e que neste caso viaxará a Chantada, onde hai catro anos se creou a Asociación de Amigos de Manuel Jorge para organizar a primeira retrospectiva da súa obra en Galicia. Dous anos máis tarde, no 2018, foi a Deputación de Lugo a que colaborou na organización doutra mostra retrospectiva facilitando o traslado a Galicia de boa parte dos seus cadros, que xa quedaron en Chantada, e ós que pronto se sumará o resto da súa obra, xa que o autor decidiu que se conserve e expoña na súa terra natal.

Manuel Jorge foi un pintor prolífico que nunca vendeu os seus cadros. O seu soño, tras recuperar o contacto coa súa vila natal, era crear un centro de arte de Chantada que permita conservar a súa obra e dinamizar a cultura e creación artística na Ribeira Sacra. Ese obxectivo é tamén o da Asociación Amigos de Manuel Jorge, que recolle este reto coa tristura de ter que despedirse do autor, pero co ánimo de que o seu legado sirva para incentivar as artes dende o interior de Galicia.

Entrega de premios da 1a edición do concurso, adicado á arquitectura románica / Asociación Manuel Jorge

A Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada, como despositaria herdeira de todo ese legado, iniciará a partires de agora os trámites para a creación dun centro de arte na vila na que se poda conservar e difundir ese legado e, ó mesmo tempo, servir de promotor das artes. Así, daralle continuidade a iniciativas como o Concurso de Fotografía Christina Snellman, que terá unha nova edición a partires do outono de 2020.

ÚLTIMAS

Presentada a programación da XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón

A presentación da XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que tivo...

15.000€ para a limpeza e roza da contorna do conxunto monumental de San Vicente do Pino

O concello de Monforte vén de contratar os traballos de desbroce na contorna do...

Medio milleiro de persoas camiñaron contra o cancro polas ribeiras de Chantada

Con saída e chegada na adega Condado de Sequeiras, cuxo apoio resulta esencial para...

Os Lactouros gozan dunha xornada de convivencia en Taramundi

A Asociación Micolóxica Os Lactouros vén de organizar unha xornada de convivencia en Taramundi...