A comezos deste mes, por iniciativa da Asociación de Veciños de Parteme, realizouse a limpeza do acceso que leva á fonte pública e comezouse coa limpeza das rúas. Traballos que a Asociación asegura ten reclamado en moitas ocasións por escrito ao Concello, e non recibindo contestación deciden facer as melloras pola súa conta; tendo claro que inicialmente é competencia das administracións locais ter uns servizos mínimos para que o rural non morra.
“Para que queremos políticos se fan caso omiso ás nosas peticións? É incrible que uns veciños unidos con vontade de facer o ben para a comunidade, que son capaces de poñer cartos do seu peto e o seu tempo libre para realizar unha función que lle compete ao concello, sexan tratados como se está tratando ao pobo de Parteme,” denuncian desde a asociación, e pregúntanse onde están “as partidas económicas que lle pertencen aos pobos.”
Os traballos que a asociación levou a cabo para recuperar a fonte pública e na limpeza de rúas foron moi ben recibidos pola veciñanza e hoxe quen vai a diario a por auga xa pode baixar con máis seguridade. Sen embargo, agora lamentan desde a asociación que antes había luz pública na fonte e cortouse o poste para retirar esa farola.
Despois de varias xornadas de traballos comunitarios a asociación asegura que o pobo cada vez está máis unido e que seguirán traballando por mellorar a situación da súa aldea e demandando ao concello as melloras necesarias.
“Parteme somos todos, tanto os que vivimos día a día como os e as que están fóra e veñen de fin de semana, por tempadas ou nas vacacións. E os non empadroados tamén pagan impostos, non o esquezamos tampouco,” conclúen.