HomesociedadeA A.V. de Vilachá de Salvadur e a Fundación Xosé Soto de...

A A.V. de Vilachá de Salvadur e a Fundación Xosé Soto de Fión, premios á Excelencia do Turismo

O Presidente da Deputación de Lugo e Presidente do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, presidiu este martes, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega dos terceiros premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia. O acto celebrouse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu á Ruta da Faba de Lourenzá; á Fundación Xosé Soto de Fión e á Asociación Veciños de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, e na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañou a Feira do Butelo da Fonsagrada, o Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa e a Festa da Merluza do Pincho de Celeiro. Pola súa banda, Cabanas das Chousas, en Lugo, foi a empresa recoñecida polo seu traballo co galardón Turismo Sostible.

A Fundación Xosé Soto de Fión do concello do Saviñao resulta premiada polo seu proxecto de protección e divulgación do patrimonio, tanto material como inmaterial, no que levan traballando dúas décadas. A través dunha exposición no Ecomuseo Pazo de Arxeriz, pódese coñecer o patrimonio do sur da provincia, así como a comarca dos Ancares e a posta en valor do Castelo de Doiras. Trátase dunha entidade que enfoca o seu traballo tanto para turistas como para investigadores que queren coñecer a provincia de Lugo.

A Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, do concello da Pobra do Brollón, resultou distinguida pola posta en valor do patrimonio material e inmaterial a través das actividades realizadas. Entre as propostas impulsadas por esta entidade están a creación dun roteiro circular polos elementos patrimoniais máis importantes e a participación da veciñanza na posta en valor dun castro e da paisaxe natural. Trátase dun proxecto que ten como fin a recuperación de bens do patrimonio cultural e natural e a acción de embelecemento da paisaxe e do medio.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou que con estes premios “contribuímos a dar recoñecemento, visibilidade e promoción á oferta turística e gastronómica da provincia de Lugo. Unha proxección coa que buscamos atraer visitantes, fomentar a actividade do turismo e da hostalería, e crear así riqueza e emprego, pero coa que tamén queremos incentivar a modernización do sector, que se xeren propostas innovadoras, e adaptadas aos novos tempos”.

Avanzou que a Deputación de Lugo seguirá impulsando estes recoñecementos á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia “para apoiar todo o talento e a capacidade que temos. Farémolo como parte da estratexia de traballo máis ampla, integral, que temos en marcha, con moi diversas medidas, para potenciar o sector turístico como un dos motores económicos da provincia, a través dun modelo de turismo de calidade, sostible, de experiencias, cunha oferta atractiva durante todo o ano, que coida o noso patrimonio e que deixa un alto valor no territorio, en termos de economía e de emprego, polo tanto, que axuda a fixar poboación no noso rural”.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...