A D.O. Ribeira Sacra celebraba este venres o seu tradicional xantar de Nadal, unha cita de confraternidade na que se reúnen adegueiros, persoal laboral e representantes da Administración. Este encontro aprovéitase para facer entrega dos premios do Concurso Internacional “Mondial des Vins Extremes” que se celebrou en setembro no Val d´Aosta (Italia). Os dous últimos anos da pandemia esta comida e entrega de premios non se puido celebrar, así en marzo deste ano fíxose entrega dos premios da edición 2021 nun acto no Centro do Viño da Ribeira Sacra. A cita deste ano tivo lugar no Parador de Turismo de Monforte de Lemos.
A esta 30ª edición do Mondial das Vins Extrêmes, o único concurso enolóxico internacional dedicado expresamente aos viños producidos na viticultura heroica, presentáronse 831 os viños de 301 adegas de 24 países de todo o mundo.
A D.O. Ribeira Sacra presentaba 61 mostras de 32 adegas e obtivo 14 medallas, 8 de ouro e 6 de prata. O presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez, mostraba antes da entrega de premios aos seus destinarios por parte das autoridades presentes, a súa satisfacción por poder recuperar esta celebración, “O viño volve unir a toda a xente que fixo posible que a Ribeira Sacra sexa unha realidade, porque a Ribeira Sacra é traballo de todos desde distintas perspectivas; cada persoa achegou a súa visión e traballo no que quería para conseguir chegar onde agora estamos. O que comezou sendo unha ilusión converteuse nunha maneira de vivir. Nos últimos anos, a pesar das circunstancias sociais abrimos novos mercados e ampliamos exportacións. Un día como hoxe quero lembrar a todas as persoas que xa non están connosco.”
Posteriormente procederíase á entrega de premios de Concurso de Viños Extremos, cita que sempre recompensou aos viños da D.O. Ribeira Sacra e que supuxo a primeira posta en escena a nivel internacional para a Denominación emblema da viticultura heroica.
Medallas de Ouro
- Ibio 2019 de Don Bernardino (Sober)
- Don Cosme 2020 de EDV SLU (Quiroga)
- Finca Cuarta Ladeira 2021 de Rubén Moure Fernández (Sober)
- Finca Cuarta A Costa 2019 de Rubén Moure Fernández (Sober)
- Ciudáseis 2021 de María Gloria Alvarín Losada (Monforte de Lemos)
- CastroFiz Tradición 2020 de José Luis Fernández Pedreira (Chantada)
- Instinto Romano 2021 de Miguel Pavón Reinoso (Taboada)
- Bancales Olvidados 2019 de Adega Ponte da Boga S.L. (Castro Caldelas)
Medallas de Prata
- Rectoral de Amandi 2021 de Bodegas Rectoral de Amandi SAU (Sober)
- Condado de Sequeiras 2021 de Grupo Peago (Chantada)
- Rosa do Frade 2021 de Adega Vella Xeracións (A Teixeira)
- Prómine Singular 2021 de Adegas Petrón (Sober)
- Finca Cuarta Mencía 2021 de Rubén Moure Fernández (Sober)
- Inseparables 2021 de EDV SLU (Quiroga)
Beatriz Soto González nova embaixadora de Cervim Viticultura Heroica
O Mondial des Vins Extrêmes é o concurso enolóxico máis importante, reservado aos viños producidos en rexións de montaña ou procedentes de cultivos extremos: altitude superior a 500 metros, pendente do terreo superior ao 30% (en zonas da D.O. Ribeira Sacra chégase ao 80%) ou sistemas vitícolas de cultivo en terrazas).
Este ano despois da entrega de premios que se levou a cabo en Italia, nomeouse a Beatriz Soto González, directora técnica do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, como nova embaixadora de Cervim Viticultura Heroica, hoxe tamén recibiría o seu recoñecemento. “Beatriz Soto leva sendo durante anos catadora do Concurso e vive e traballa nunha das zonas máis heroicas do mundo, coñece moi ben as dificultades e características desta viticultura tan particular”, aseguran desde o CERVIM.