O novo responsable da residencia, Félix Seijas, salienta que transcorridos os cinco días “nin Benjamín Escontrela ofreceu ningunha explicación sobre a finalidade de ditos contratos coa empresa InvestigaMás Detectives nin aportou os informes supostamente elaborados sobre as traballadoras, documentación que tampouco se atopou na residencia”.
Pola súa parte, o detective implicado tampouco achegou ningunha documentación, se ben en días pasados aseguran desde a Alcaldía que “contactou telefonicamente coa Alcaldía para informar de que fora entregada no seu día a Benjamín Escontrela como contratante do servizo e como persoa responsable da custodia deses informes.”
Seijas considera “sorprendente e reveladora” a actitude de Escontrela e advírtelle de que “se pensa que co seu silencio vai conseguir que se olvide un tema tan grave está moi equivocado, porque este goberno pensa chegar onde faga falta para esclarecer os feitos e que as traballadoras coñezan todo o sucedido”.
Seijas opina que “cada día que pasa sen dar explicacións convincentes, a sombra das irregularidades na xestión de Escontrela como responsable da residencia é aínda máis grande, polo que está a tardar en presentar a súa dimisión como concelleiro”.
“Que un gobernante decida gastar 17.887,50 euros públicos en investigar a traballadoras dun organismo que dirixe é, cando menos, cuestionable política e eticamente; que se salte os procedementos establecidos na Lei de Contratosdo Sector Público para realizar a contratación é moi grave; pero que nin sequera acredite que o servizo polo que pagou chegou a realizarse podería ser constitutivo dun
delicto con responsabilidades penais”, argumenta.
Pola súa parte, as traballadoras afectadas pola suposta investigación do detective solicitaron ao concello ter acceso aos informes elaborados sobre elas, petición que o goberno local “non pode atender actualmente ao descoñecer onde están eses informes, se foron entregados ou incluso se chegaron a ser realizados”.
Transferencia de 220.000 euros
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou unha transferencia de 220.000 euros á Residencia de Anciáns Nosa Señora do Carme para poder efectuar o antes posible os pagamentos das nóminas e as extras ás traballadoras.
Desde o goberno local agradécese especialmente “o excelente traballo realizado polos diferentes departamentos municipais nestas datas e que facilitaron esta solución a outro problema herdado da nefasta xestión de Benjamín Escontrela á fronte da residencia”.