Convocadas polo SLG, na mañá do domingo viticultoras e viticultores levaron as súas reivindicacións ao Presidente da Xunta de Galicia aloxado no Pazo de Sober esta fin de semana. Tamén rexistraron unha carta dirixida ao propio Alfonso Rueda, instándoo a convocar unha mesa de traballo real, con presenza de tódolos axentes do sector, comezar a establecer pautas para protexer a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, tales como a poda en verde e baixar rendementos, prever axudas directas para as persoas viticultoras para o ano 2025, limitar plantacións, campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra e un mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO.
“Malia aos anuncios institucionais, a Xunta de Galicia non activou ningunha medida de apoio directo ás persoas viticultoras, nin tampouco se aprecia horizonte de traballo ningún que protexa a produción da vendima do vindeiro ano”, asegura o sindicato que convocaba para esta tarde xuntanza aberta en Monforte para abordar cas viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra estratexias a seguir para sobrelevar o forte impacto económico que supón a non recollida da uva a máis de medio milleiro de produtoras e produtores.
Protestas ensino
Á concentración do domingo en Sober, sumáronse a ANPA do CEIP Virxe do Carme e unha representación da do colexio de Ribas de Sil, ambas protestando polos recortes educativos na zona, aproveitando a presenza en Sober do Conselleiro de Educación.
Así, na concentración tivo unha importante presenza a protesta contra os recortes educativos, con lemas como “os amigos de Dorado non gastan en profesorado”, unindo así forzas co sector do viño.
“Hai que lembrar que a escasos metros do pazo se sitúa o CEIP Virxe do Carme, onde a Xunta incumpre as rateos de profesorado establecidas no seu propio Acordo de melloras e que o centro ten unha profesional de Pedagoxía Terapéutica só 3 dos 5 días que lle corresponderíán legalmente, e isto a pesar de que a Consellería coñecía dende o curso pasado esta necesidade. Hai que sinalar que ningún membro do Goberno galego se achegou ata a concentración para, sequera, coñecer as reivindicacións”, conclúen desde Interior Galego Vivo.
Mobilizacións ensino e viticultura ante Rueda en Sober / IGV