A construción desta rúa pode datar do século XII, e probablemente ideouse para comunicar a coñecida como porta de Carnicerías ou Peixarías, ou mesmo a Porta Principal da Vila, co antigo Palacio Condal, na zona alta do Monte de San Vicente, hoxe coñecida como Porta da Alcazaba, subindo pola rúa Santo Domingo. Estamos a falar dos séculos XII e XIII.
Esta rúa, como ocorre con toda a zona intramuros de Monforte, comeza a súa decadencia no século XVI, momento en que o desenvolvemento urbano colle forza fóra das murallas. Desde ese momento, e ata a actualidade, a decadencia da rúa é patente, chegando a destruírse boa parte do seu percorrido, coa construción dos depósitos de abastecemento de auga potable para a cidade, na primeira metade do século XX.
“A día de hoxe, a Rúa Vella parece máis un camiño rural que unha vía urbana, sen casas e en franco estado de abandono”, explicou José Tomé. “Por iso, dende o Equipo de Goberno decidimos acometer a súa mellora e acondicionamento que pasa pola recuperación do seu pavimento orixinal”.
Como pasos previos á convocatoria desta licitación, o Alcalde explicou que xa se levou a cabo un levantamento topográfico da rúa, así como unha limpeza (catas) en varios tramos da rúa dirixida polo Arqueólogo Municipal, Iván A. Álvarez Merayo, co fin de establecer pormenorizadamente que traballos era necesario realizar na mesma.
Unha vez levada a cabo esta limpeza, o informe do Arqueólogo indica o seguinte:
“Entendemos que o pavimento orixinal da Rúa Vella, se conserva en perfecto estado na zona baixa da rúa, alterándose progresivamente segundo ascendemos cara á parte alta do monte de San Vicente até chegar á desaparecer na zona alta. Esta alteración interpretámola, como unha afección desenvolvida no momento de construción dos depósitos de abastecemento en 1940.
Os traballos a desenvolver para a execución das futuras obras de recuperación desta rúa, deberían partir dunha limpeza, documentación e topografado integral desta vía medieval, para preservar a súa historia, e coñecer a fondo o seu estado de conservación, de cara deseñar as medidas máis axeitadas para integrar as partes orixinais que se poidan conservar, no pavimentado definitivo”.
Este proxecto ten un orzamento de 99.440,99 euros (IVE engadido). O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o luns 9 de decembro deste ano 2024. As mesas de contratación para a apertura dos sobres administrativo e técnico será o mércores 18 de decembro e a mesa para a apertura da oferta económica celebrarase o mércores 8 de xaneiro de 2025.
Os criterios de adxudicación serán:
- Memoria técnica: 40 puntos
- Prezo: 60 puntos.
O prazo de execución da obra, unha vez sexa adxudicada e se asine a acta de replanteo, está previsto que sexa de 2 meses.