Comeza un novo ano, o 2026, e deixamos atrás un 2025 do cal queremos deixar constancia das dez novas que máis repercusión informativa tiveron neste medio dixital.
1-Dende o luns os cribados de cancro de mama do distrito sanitario de Monforte realizaranse en Lugo. Esta nova publicouse o día 12 de febreiro de 2025 e nela informábase que a Consellería de Sanidade da Xunta estaba comunicando que a partir do 17 do mesmo mes os cribados de cancro de mama das mulleres do distrito sanitario de Monforte de Lemos faríanse no Hospital de Lugo de xeito provisional. Segundo explicaban, esta medida tomábase para proceder á reparación ou dotación dun novo mamógrafo no Hospital Comarcal de Monforte.
2-O maior incendio de Galicia segue queimando o territorio Ribeira Sacra. Nova publicada o 16 de agosto dando conta do incendio que comezou no concello ourensán de Larouco e en dous días saltou ao Concello da Rúa e ao de Quiroga.
3-Julio, da Pizzería ‘O bon gusto’:“Todo o mundo me dicía que ía competir coa empanada”. Un clásico da hostalería monfortina pechaba as súas portas e esta reportaxe recollía a traxectoria dos seus fundadores como homenaxe a tantos anos de bo servizo en Monforte. A peza xornalística foi lida e compartida por moitísima xente que sentiu mágoa e admiración ao ler a noticia en Xornal de Lemos. Esta peza foi publicada o 21 de setembro.

4-“Todo sigue en mí”, un canto de vida detrás da ELA. Publicada o 9 de novembro do pasado 2025 esta historia amosounos como unha rapaza con ELA atopou na tecnoloxía e na IA novas formas de comunicarse e expresar como se sinte na súa situación, co corpo inmóbil e as funcións cognitivas intactas.
5-“Antes pechamos que non cumprir coa nosa palabra”, Katy de ‘MK Limpieza y Orden’. Nesta reportaxe, publicada o 15 de xuño de 2025, demos a coñecer unha empresa de multiservizos que axuda á xente a limpar e poñer orde nos espazos físicos das súas vidas. Descubrimos a uns emprendedores decididos, con moita ansia por traballar e ofrecer seriedade e calidade de servizo.
6-Que pasa coas mamografías no Hospital de Monforte?. Esta nova foi publicada o 29 de xaneiro e na que a CIG Saúde alertaba de que o mamógrafo do Hospital monfortino levaba estragado desde decembro de 2024. Nun comunicado á prensa pedían o cese inmediato da campaña da Xunta polo risco de erro no diagnóstico.

7-O pleno de Monforte vota este luns a dimisión de Tomé como alcalde. Esta noticia saía publicada o 28 de decembro e informaba dun pleno importante sobre a continuidade ou non de José Tomé como alcalde do Concello de Monforte.
8-Concertos e paella xigante para celebrar o décimo aniversario do ‘Awa’. Esa saiu o 2 de setembro e dábase conta dun importante aniversario que celebraba un dos locais de hostalería e lecer máis recoñecibles e recoñecidos da cidade de Monforte de lemos. A celebración contou coa música en directo de 2 bandas monfortinas e unha paella xigante que se repartiu entre os e as asistentes.

9-Inaugúrase en Monforte un novo ximnasio, o Crossfit Rock Life. Vai camiño de cumprirse un ano da publicación desta nova, o 11 de xaneiro de 2025. Nacía en Monforte un novo concepto de ximnasio, baseado no CrossFit, que é un estilo de vida que se caracteriza por un exercicio seguro e eficaz e unha nutrición sólida.
10-Queda en liberdade o garda civil que provocou a morte dun policía local de Monforte tras unha persecución. Nova publicada o 25 de agosto. Nela informábase dun tráxico suceso no que un axente da Policía Local falecía “en acto de servizo” na madrugada do sábado 23 de agosto. Foi tras un accidente con saída de vía e durante unha persecución a un condutor –un garda civil– que se deu á fuga tras ser requirido para un control de alcoholemia.

