En novembro do pasado ano o Concello de Pantón desde o departamento de Servizos Sociais puxo en marcha os encontros “Por que nos xuntamos os homes?” que se encadran na programación do #25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Cada mes a Casa da Cultura de Ferreira acollía esta actividade, só destinada a homes e pensada como espazo de encontro e coidado para que os participantes poidan intercambiar inquedanzas sobre o papel dos homes nos contextos actuais e o seu compromiso para unha igualdade real.
Algunhas das cuestións tratadas durante estos talleres afondaban en temáticas como:
Que responsabilidade temos os homes para acabar coa violencia?
Como facemos para recoñecer e abandonar privilexios?
Como reconectar coas nosas emocións e vulnerabilidade?
Podémonos organizar como grupo de homes para contribuír a eliminar as desigualdades de xénero?
Nestes encontros sobre masculinadades e a súa socialización conseguiuse crear un espazo para reflexionar de modo transversal sobre a figura do home e o seu papel na sociedade actual, privilexios, problemáticas e deberes.
Desde o Concello de Pantón anímase á participación tanto dos homes da primeira tempada como da novas incorporacións para facer medrar este tipo de espazos de diálogo que fomentan a igualdade. Para estreitar os lazos compartidos a programación deste curso ampliarase con novos obradoiros e a celebración dunha fin de semana intensiva.


