O acceso constante a contidos informativos fai cada vez máis necesario contar con ferramentas que permitan distinguir a información contrastada daquela que carece de rigor ou que pretende enganar. Por iso, este obradoiro pretende fomentar o espírito crítico e promover hábitos responsables á hora de recibir, interpretar e compartir información. A encargada da formación na casa da cutura de Monforte será Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia
A proliferación de información falsa representa un desafío tanto para o exercicio do xornalismo como para a calidade democrática da sociedade. A difusión de contidos enganosos pode dificultar que a cidadanía dispoña de información fiable para formar as súas propias opinións e participar de maneira informada na vida pública.
Neste sentido, a formación pretende contribuír a que as persoas participantes poidan identificar posibles bulos, comprobar a fiabilidade das fontes e contrastar os datos antes de dar unha información por certa ou compartila con outras persoas.
O Colexio de Xornalistas de Galicia leva anos desenvolvendo iniciativas de alfabetización mediática dirixidas ao alumnado escolar, unha experiencia que agora se adapta á poboación adulta co obxectivo de ampliar o alcance destas ferramentas e achegalas ao conxunto da sociedade galega.
O Concello de Monforte de Lemos anima a veciños e veciñas a participar nesta actividade, que ofrece a oportunidade de adquirir coñecementos útiles para o día a día e avanzar cara a un consumo de información máis consciente, responsable e seguro.

