A delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) volve poñer en marcha a campaña ‘Saborea e Canta o Outono’ tras a boa acollida de edicións anteriores. O festival gastrocultural celebrarase o venres 13 de novembro, de 20:30 a 24:00 horas, na praza de Abastos de Monforte de Lemos.
Os establecementos participantes disporán dun stand no que ofrecerán tapas elaboradas con produtos típicos do outono e no apartado de bebidas, unicamente poderán servir auga. A xornada contará ademais coa participación de adegas da DO Ribeira Sacra.
A programación completarase con música en directo desde as 20:30 horas ata o peche do evento, así como con actividades dirixidas aos máis pequenos. En vindeiras datas darase a coñecer o artista ou a formación musical que amenizará o evento.
A participación é gratuíta e as prazas son limitadas, polo que se asignarán por orde de inscrición ata o 30 de outubro. As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa delegación sur da Apehl a través do teléfono 982 412 050.

