IniciosociedadeCarlos Armesto, celador e mago con moita retranca

Carlos Armesto, celador e mago con moita retranca

Falamos con el, coñecemos a súa pequena historia e botamos unhas risas co seu sentido do humor “cento por cento galego”.

Publicado o

- Advertisement -

Carlos Armesto vive en Rubián, no Concello de Bóveda, e traballa no Hospital de Monforte como celador. Destaca pola súa gran profesionalidade, tanto na oficio sanitario como no mundo do ilusionismo, e nas súas actuacións como “O Mago Carlos” destaca pola súa técnica e pola súa espontánea retranca.

Calquera que o coñeza un pouco sabe que Carlos é unha desas persoas que desprenden simpatía e ‘bo rollo’, que son xenerosos por natureza e que sempre teñen unha carallada para sacarche un sorriso. Estas virtudes xa son boas de seu para ser persoa de ben, pero tanto na profesión de celador como no ‘oficio’ de mago son un complemento perfecto para chegar á xente e aledarlles o día.

Propóñolle falar un rato con el para saber algo da súa vida, e aínda que se resiste de primeiras, aos dous chistes que intercambiamos xa empeza a contar cousas interesantes coa súa retranca característica.

Que querías ser de novo?

Nunca o pensei… bueno si, quería ser xubilado. Isto último é broma, tan pequeno non creo que se me ocorrese algo así (risas).

Como chegaches a celador, por vocación?

Collín esta profesión porque non había outra, as que máis me gustaban era político ou futbolista pero non puido ser (risas).

Dende cando traballas no ramo sanitario?

No 1991 entrei a traballar de celador no Ambulatorio de Chantada e no 2002 collín praza no Hospital de Monforte.

Que é o que máis che gusta da profesión?

Serlle útil á xente, axudar aos demais e que despois che devolvan en forma de agradecemento esa atención que lles dedicas.

Téñenche ofrecido propinas os pacientes?

Si, moitas veces. E nunca collín nada… Se houbese collido… (risas).

Supoño que a xente maior, por costumes de antes?

Que va, xente nova tamén.

E por que cres que ofrecen a propina?

Hai dous tipos de propinas, a que che ofrecen cando chegan, para que os trates ben; e a que che ofrecen cando se van, neste caso porque os trataches ben. A min ofrecéronme moitas das de despois, sinal de que se foron contentos (risas).

En xeral que dirías dos pacientes que pasan polo Hospital de Monforte e dos compañeiros/as de traballo?

Polo xeral a xente que pasa como paciente moi ben, moi agradecidos/as e cos compañeiros/as moi ben tamén. Coñecémonos todos e o ambiente é moi bo.

Cando te interesaches pola maxia?

Sempre me gustou, dende neno. Pero empecei a dedicarme no ano 2005. Nos espectáculos sempre me poñía detrás de todo para que non me collesen de voluntario nos xogos. Dábame algo de vergoña, cando me sacaban sudaba…

Como foron os comezos logo?

Nese ano, no 2005 creo, merquei unha baralla de cartas en Silleda, na Semana Verde, e empecei a facer números de cartas, maxia de preto. Despois xa fun a cursos a Lugo con magos como Rafa, Teto ou o finado René Lavand. Como tres anos estiven indo a clases e despois de forma autodidacta collendo práctica con libros, vídeos, etc.

A quen lle debes agradecemento nesta etapa, nos comezos?

Por un lado a Rafa, Mago Rafa, deume bos consellos, na técnica e en como comunicarme co público. Por outro, aos meus pais e á miña muller pola paciencia que tiveron sempre comigo. Aguantáronme moito, eran o meu “público de prácticas” (risas).

Algunha anécdota deses principios?

Sempre lembrarei que estiven un mes dándolle duro á baralla para saber barallar.

O Mago Carlos facendo un xogo de cartas. Foto: Emilio Romanos

Que aptitudes cres que debe ter un mago?

Para empezar diría que “hai que ter xa algo dentro dun”. Ter un don. Todo se aprende pero hai algo que ten que ser innato. E se teño que dicir algún trazo importante diría que “astucia”, hai que ter pillería e saber adiantarse ao que vai vir. Na actuación hai que ir pensando xa no que vas facer a continuación, hai que ter previsión.

Hai que ter plan B cando se fan os números?

Sempre, por se acaso. Os magos temos un punto a favor, que o público polo xeral non sabe o que imos facer e iso axuda moito. Aínda así, hai que estar preparados por se non se dá ben o xogo ou sae mal.

Que hai de habilidade, de don, e que de ensaio, no oficio de mago?

Eu diría que 40% de don e 60% de ensaio. A práctica é moi importante, hai que machacar e machacar…

O Mago Carlos facendo un xogo de lume. Foto: Emilio Romanos

De onde sacas o tempo para a maxia?

Nos tempos de descanso no Hospital, na casa dedico unhas 3 horas á semana para ensaiar os números. Antes dedicáballe máis tempo pero agora algo menos porque moitos xogos xa os domino e só “hai que pulir”, perfeccionar.

Cantos números tes?

Máis de cen. Non os fago todos pero penso que cheguei a cen no repertorio contando xogos de escenario e de cartas.

Cal é o teu público preferido?

Postos a escoller prefiro a xente maior, a partir de 10-12 anos estou encantado. E que sexa participativo, público con ganas de pasalo ben e que se deixe levar.

E co público ben en xeral tamén, ningunha mala experiencia?

Ben, tan ben que ás veces penso que debería montar unha inmobiliaria.

Unha inmobiliaria, e logo?

Porque despois de actuar sempre me din os organizadores “aquí tes a túa casa” (risas).

Algunha anécdota curiosa?

Moitas pero unha das que máis me lembro pasoume hai uns anos nunha actuación onde me mandou o meu mánager de Hermanager Producións. Tiña que actuar nunha residencia de xente maior e ao rematar un home levantou a man e díxome se me podía facer unha pregunta. Díxenlle que si e díxome se lle podía dar algo para a rodilla, que non podía andar. E a continuación outro tamén me preguntou se lle podía dar algo para o oído que non oía ben… Aos dous díxenlles que ao final do espectáculo viñeran falar comigo que lles tomaba nota. Deberon pensar que era curandeiro (risas).

A retranca, ferramenta básica tamén nos teus espectáculos?

Claro. Eu xa a teño de serie, aos sete meses nacín e xa viña con ela (risas). Sérveme de moito nas actuacións, podo dicir case todo o que quero e a xente entra no xogo mellor.

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...