InicioMedio ambiente e PatrimonioLara Santos da Adega Alma das Donas: "vivir na Ribeira do Sil...

Lara Santos da Adega Alma das Donas: “vivir na Ribeira do Sil crea a sensación de estar permanentemente nunha postal”

O colectivo Segredos de Pantón levou a cabo unha interesante entrevista a Lara Santos da adega Alma das Donas sita en San Vicente de Pombeiro, en Pantón

Publicado o

- Advertisement -

Como chegaron dende Italia ata a Ribeira Sacra?

Eu son galega e o meu marido italiano. El coñeceu Galicia hai moitos anos cando veu de Erasmus. É un namorado da terra e da Ribeira Sacra. Cando decidimos cumprir o noso soño, que era voltar á terriña e facer viño, tivemos moi claro que ía ser na Ribeira Sacra.

Como decidistes mercar unha adega como era Pena das Donas?

Xurdiu un pouco de casualidade. Cando soubemos que a adega estaba en venda e reunía as características que andabamos buscando, non dubidamos nin por un momento en vir a coñecela. O noso foi amor a primeira vista. Foi vela e ter moi claro que era o sitio perfecto para o noso proxecto.

A que se debe o voso nome Alma das Donas?

A verdade é que o nome de Pena das Donas gustábanos moito, pero buscabamos algo que expresase un concepto diferente sen romper con todo o anterior. Logo de darlle moitas voltas, decidimos que a palabra Alma axustábase perfectamente á nosa situación. Para nós é cumprir un soño e poñer a alma nel. Por outra banda, Das Donas, gustábanos moito porque simboliza e reforza o concepto do matriarcado en Galicia. Tiñamos claro que queriamos manter ese concepto.

Non só a adega. Os nosos viños tamén inclúen a palabra alma. O noso godello chámase Almalarga e Almalola o rosado. Tamén temos Almamadre, un viño madurado 12 meses en barrica cunha extraordinaria calidade e produción limitada e a Almaterra, o mencía xove, feito con moito mimo e mantendo sempre a mesma calidade. Sen dúbida, en todos eles refléxase paixón, esforzo e a alma do arduo traballo dos nosos viticultores.

Que proxectos empresariais tedes na adega?

O noso obxectivo é consolidar a produción e a comercialización do viño ó mesmo tempo que damos a coñecer tanto a nosa marca como a zona na que nos atopamos. Nun futuro máis próximo queremos introducir o enoturismo co fin de promocionar a nosa zona, os produtos locais e as persoas que o compoñen. É importante ter os pes na terra e ser consciente de que no sector do viño o tempo é o que marca as pautas.

Dentro dos caldos que producides, Almarlarga é especial porque está elaborado con uva típica da zona de Valdeorras, cal é o motivo?

A adega dende o seu inicio tivo unha longa tradición na produción do viño branco feito coa variedade godello. Agora é unha variante que se consolidou e está a ter moito éxito. Está claro que na nosa denominación non hai tanta produción desta variante como na veciña Valdeorras, pero cada viño é diferente dependendo da área na que se dea e de factores como o clima, o chan e o cultivo.

Queremos competir cun godello tanto en calidade como en cantidade.

Que lle vedes de atractivo á zona da Ribeira de Pantón, menos coñecida se a comparamos coa de Sober ou Chantada?

Hai áreas moi coñecidas dentro da Ribeira Sacra pero tamén hai recunchos agochados pendentes de coñecer. Cada sitio é distintivo dentro da propia Ribeira.

Este foi un dos motivos para chegar ás ladeiras de Pantón. Na Ribeira do Sil atopamos viñedos moi antigos que se alternan con terrazas abandonadas que a natureza volveu a envolver, rodeándoos de bosque e onde non hai unha explotación masiva.

Que é o que máis vos gusta da vosa ubicación?

As vistas do río Sil, a tranquilidade que rodea a zona e a continua sensación de vivir nunha postal.

 

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...